Revista Punto

2018-10-23T11:09:49+00:00 Axenda, Cultura, Radar

Manifesto Gutai: o ciclo Do Audible chega á Coruña

Redacción
Redacción22 Outubro, 2018
Manifesto Gutai: o ciclo Do Audible chega á Coruña

Manifesto Gutai é o título do programa musical que o ciclo Do Audible leva ao Paraninfo da Universidade da Coruña o martes 23 de outubro. Un programa musical ao redor da materialidade en tempos dixitais: poderiamos medir a masa e o volume do son? A proposta do ciclo Do Audible nútrese das estreas dos compositores Pablo Vergara e Volkmar Klien, contando coa participación da soprano taiwanesa Peyee Chen. Antes do concerto, a profesora Luz Paz Agra imparte a modo de introdución a conferencia “Materialidade na arte e arquitectura contemporánea”. 

Esta concepción do sonoro como entidade vivente e tanxible terá inevitables consecuencias creativas. En calquera caso, demanda novas formas de relacion. E a esperanza que abrigaba Jiro Yoshihara do grupo Gutai, xurdido a mediados dos anos cincuenta en Xapón, nunhas coordenadas completamente diferentes: “Se un deixa o material como e, presentandoo simplemente como material, este comeza enton a dicirnos algo con voz poderosa”.

No rexeitamento do virtual e nunha posicion critica cara ao desenvolvemento das sociedades dixitais e as novas tecnoloxias poderiase atopar, talvez, o xerme da recuperacion da materialidade sonora como centro de gravidade do pensamento musical, que traslada o peso da creatividade a elección dos materiais e a sua manipulación. O son muta en materia e o compositor en escultor. O decisivo son as cualidades físicas e de produción do son. De feito, e considerando a teoría cuántica, deixaría de ser esta cualidade corpórea do son unha abstracción útil. En efecto, se as partículas elementais da natureza, os fermions e os bosons, son consideradas materia, tamén as vibracións do aire, como calquera entidade cuxa presenza nunha certa rexión do espazo-tempo, leva a que o tensor enerxía-impulso para a dita rexión sexa diferente a cero. E sería unha tarefa a desenvolver a nosa capacidade de escoitar o material, de percibir o espazo que ocupa o son, codificar a súa masa e o seu volume.

Froito da sua persoal investigación sobre a materialidade sonora, o compositor Pablo Vergara publicou recentemente a tese Compondo liñas, na que reflexiona sobre a arqueoloxía antropolóxica das liñas de son, entendidas como sons continuos que cambian dunha maneira sutil pero perceptible (como un glissando ou un vibrato amplo e lento) e cuxo testemuño estético formula na triloxía que se presenta por primeira vez neste concerto en estrea mundial. Do mesmo xeito, a obra de Volkmar Klien, comisionada para a ocasión e cuxo rexistro estara presente en forma de instalación no vindeiro Modern Wien, presenta na súa dobre identidade (música contemporánea / arte sonora) unha dislocación característica da nosa época.

Este concerto pertence ao ciclo Do Audible, promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, coa colaboración de Vértixe Sonora e da Universidade da Coruña, na procura de achegar puntos de encontro entre a música, a ciencia, a arte e o pensamento contemporáneos na conquista dunha percepción musical máis consciente.

Programa

20h. Conferencia de Luz Paz Agra: Materialidade na arte e arquitectura contemporánea

20:30. Concerto:
Volkmar Klien
auf dass wir ruhen*
(2018) frauta, saxofón, violonchelo, baixo eléctrico, 3 xiradiscos e electrónica
Pablo Vergara
Engraving on Bronze (2016-17) 3 percusionistas
Into Open Noir* (2015-16; nova versión revisada 2018)* voz amplificada, saxofón, guitarra eléctrica, percusión
VERT* (2018) voz amplificada, frauta, violonchelo, contrabaixo, percusión

*Estreas absolutas, por encomenda de Vertixe Sonora.

VERTIXE SONORA [intérpretes neste concerto] Peyee Chen – soprano | Clara Saleiro – frauta | Pablo Coello – saxofón | Rubén Barros, guitarra eléctrica | Ailsa Lewin, violoncello | Carlos Méndez – contrabaixo, baixo eléctrico | Diego Ventoso, Roberto Bao, Pablo Salgueiro – percusión.

Compartir artigo