Revista Punto

2018-09-13T10:26:22+00:00 Opinión

Macuto

Román Aday
Román Aday5 Setembro, 2018
Macuto

Sempre teño a impresión de que é imposible que o verán chegue a rematar. Unha incongruencia estraña. Se fai sol e bo tempo e non teño moito que facer, por que iamos, como sociedade civilizada e organizada que somos, aceptar voluntariamente que este estadio de lecer remate? Aquí deberon de meter man os cabróns eses dos lobis, que lle din. Se non, non mo explico.

O caso é que para mi setembro é unha especie de xaneiro pero en grande. Se hai dous meses ao ano que, por excelencia, enchen os ximnasios, as subscricións a Netflix ou calquera outra merda que a xente faga, é nestes dous momentos. Dura pouco e faise mal, pero o caso é que, en setembro e xaneiro, a xente aposta todo o que ten por ser mellor persoa. Deixar de fumar, saír menos, viaxar máis. Calquera cousa. É o momento das promesas, das despedidas. Prepárate para o ano que ven e para ser o que sempre quixestes ser. Xa na preparación tería que haber recompensa. En intentalo. Eu que sei, temos xa pouco tempo para obrar milagres.

Levo un macuto as miñas costas con todo aquilo que me define. Eu podería encher caixas e caixas con tódalas cosas que tratei de conseguir, en todo aquilo no que me quixen transformar. E podería tamén encher caixas e caixas con todo aquilo no que me convertín. E non o digo con tristeza. Ao final o interesante na vida é ter un desván ata os topes con todas as aloucadas ideas que che acompañaron, e ter fotografías e probas visuais de que efectivamente fuches un bo idiota. E todo iso o consigo en setembro.

É un mes tamén de despedidas e reencontros. Alguén que volve, alguén que marcha. O de sempre. A vida moderna tratando de diseminarnos a todos polo amplo mundo, non vaia a ser que conspiremos e, coa axuda dun líder claro, decidámonos a vivir sempre coma se fora agosto. Sempre é un momento de tristeza, pero penso madurar (na miña trastocada mente, madurar implica non chorar, non berrar, en fin, non armar follón). Ao fin e ao cabo é outra das propostas de sempre, pero esta vez conto cun plan.

Este setembro penso non armar un cristo. Baixar a voz e facer coma se non pasara nada, coma se xa estivera en outubro. A idea é continuar con normalidade a xornada. Camiñarei ata o mediodía e buscarei unha árbore con sombra. Botarei a sesta, desfrutarei da paisaxe, mirarei os paxaros. Todo ese mundo zen. Aproveitarei o tempo e pensarei en todos eses que, tal vez, están a pensar en min na outra punta do mundo. Estarei en contacto. Enviarei sinais de fume. Pombas mensaxeiras as súas casas. Chegarán, seguro. Teño tamén as súas direcións gardadas no macuto.

Compartir artigo