Revista Punto

2018-08-07T20:07:57+00:00 Cultura, Historias

Ladies, Wine & Design: mulleres creativas ao poder

Fotografías: LWD Coruña.
Reyes Riveiro
Reyes Riveiro7 Agosto, 2018
Ladies, Wine & Design: mulleres creativas ao poder

Ladies, Wine & Design é unha iniciativa mundial onde creatividade e feminismo se dan a man. Naceu en Nova York, pero a partir de aí foise estendendo a outras partes do mundo. Ata que chegou tamén a Galicia, máis concretamente á Coruña. Para saber máis sobre a iniciativa conversamos con Lidia Bao, xornalista espcializada en marketing dixital e unha das coordinadoras de Ladies, Wine & Design Coruña.

Para quen non coñeza a iniciativa ‘Ladies, Wine & Design’, cóntanos, de que se trata?

Ladies, Wine & Design é unha iniciativa creada pola deseñadora gráfica Jessica Walsh (Nova York). Trátase dunha serie de encontros mensuais nos que se xuntan mulleres creativas (deseñadoras, publicistas, artistas, ilustradoras…) nun espazo para compartir experiencias e inquedanzas, sempre arredor dunha copa de viño! Máis de 180 cidades uníronse a ela, polo que estamos a falar duns eventos mundiais. Tras eles, un obxectivo claro: poñer en valor o traballo creativo de tantas e tantas mulleres creativas. Estes eventos son tamén unha chamada á acción e a colaboración. Cómpre unha unión entre as profesionais do sector. As mulleres en postos directivos ou mesmo o recoñecemento do seu traballo, tamén neste sector, segue sendo auténtica sorpresa…

Como xorde a idea de levala a cabo en A Coruña?

Noemí Cubillo (deseñadora gráfica) foi a alma mater do evento na Coruña. Que a Galicia non chegaran as Ladies? Como podería ser iso posible coa cantidade de talento creativo feminino que hai nestas terras? Así que ela, Thais SR. (tamén deseñadora) e mais eu, puxemos en marcha os encontros na cidade na que vivimos. A Coruña foi así pioneira na organización destes tres primeiros eventos nos que contamos con Isabel Caamaño (creadora da marca Mr.Ce), Sonia Barros (directora creativa da axencia de publicidade 300 Kilos), as ilustradoras Bea Lema (premio Castelao) e Giovanna Lopalco e o último, antes do parón do verán, foi un workshop da man da artista Gosia Trebacz (que foi unha auténtica pasada!). En setembro-outubro voltaremos con máis propostas.

O obxectivo é poñer en valor o traballo de tantas e tantas mulleres creativas.

Deseño, fotografía, pintura, moda… Todo ten cabida nestes encontros non si?

Todo e máis! A idea é crear encontros variados que toquen todos os paus, que dean visibilidade e axuden a crear unha rede de mulleres dispostas a axudarse (e a pasalo ben!). Pintura, baile, audiovisual, poesía, música… Todo aquilo que leve dentro un chisco de creatividade é benvido! E claro, xa sabemos todas que a creatividade está case sempre onde non se busca… Así que non queremos pecharnos a nada!

Como facedes a selección das mulleres creativas participantes?

As redes sociais son a leite! Con isto creo que a resposta é clara non? A verdade é que polo de agora, “tiramos” desas mulleres que nos chaman a atención, que temos aí na memoria por imaxes no Instagram, das que escoitamos falar algunha vez (e moi ben!), coñecidas de coñecidas… Non temos un papel escrito no que atopemos o guión. Podería dicirse entón que son as propias mulleres as que chegan a nós! E encantadas.

Que tipo de público pode asistir?

Se ben é certo que son encontros (de balde) totalmente abertos, si que procuramos que as mulleres que asistan teñan “algo” que ver co sector ou os sectores. Ou polo menos, algún gusto polo deseño, a pintura, a arte… As prazas son limitadas. Non por nada… Mais é verdade que en grupos pequenos todo mola máis. Hai máis conexión, máis tempo para intervir e é máis doado quedar cos nomes.

Cal sería o teu balance dos eventos realizados ata agora?

Eu diría que foron unha grande descuberta. Tivemos a sorte de xuntar a mulleres valentes, profesionais marabillosas dispostas a compartir. Compartir é tamén saber escoitar. De verdade que foron unha pasada… Se teño que salientar algo, chamoume a atención que nos tres encontros saíu un tema á palestra: a maneira na que pensamos e creamos as mulleres e como iso parece ter que pedir permiso aínda nesta sociedade. Aos encontros viñeron mulleres de todas as idades, con experiencias moi amplas e variadas (e sen experiencias) e todas, todas, compartían isto. É curioso.

Podes adiantarnos algo sobre as vindeiras citas que estades programando?

Temos algunha idea na cabeza… Pode ter algo que ver cunha habitación de hotel. Pero para saber máis, haberá que agardar á volta ao “cole”.

Compartir artigo