Revista Punto

2018-04-20T08:24:20+00:00 Opinión

Lust for life (Paixón por vivir)

Histórias da rúa
Sara Ares
Sara Ares
27 Marzo, 2018
Lust for life (Paixón por vivir)

“Elixe a túa vida. Elixe un emprego. Elixe unha carreira. Elixe unha familia. Elixe un televisor grande que te cagas… Elixe o teu futuro. Elixe a vida…”  Quen non lembra o impactante soliloquio de Mark Renton ao ritmo do Lust for life de Iggy Pop no arranque da transgresora Trainspotting? “Quen necesita razóns para queixarse cando ten heroína?”, reflexionaba o escocés. Quen necesita razóns para queixarse cando ten un “emprego” polo que madrugar cada día?, reflexiono eu. “You know I have a lust for life”. Paixón por vivir…

Cando rematei Xornalismo, no 1997, os licenciados que subscribían contratos en prácticas tiñan pouco máis de 20 anos e vivían baixo o paraugas protector das súas familias. Lanzábanse cos seus paracaídas sobre o mercado laboral, no que aterraban sen máis equipaxe que a súa ilusión por aprender e traballar.

Hoxe, asistimos impasibles a un fenómeno in crescendo que, permítanme a licenza, vou bautizar coa verba inventada de cananización dos bolseiros: traballadores que pintan canas e retornan ao mundo laboral cun contrato de prácticas cando o que lles sobran son títulos e liñas na vida laboral. Un subgrupo máis para engordar o precariado, concepto acuñado por Guy Standing para referirse a esa nova clase social unida pola inseguridade laboral e o medo.

Esta cananización ameaza con converterse en viral, co silencio cómplice do Estado, dos poderes fácticos e das vítimas da precarización. Porque, como dixo Naomi Klein: “En momentos de crise, a poboación está disposta a entregar un poder inmenso a calquera que afirme ter a cura máxica, tanto se a crise é unha depresión económica como un atentado terrorista”.

Proba de que os tiros van por aí constitúena propostas como a trasladada polo presidente da CEOE ao Goberno, que busca que os parados de máis de 45 anos poidan firmar contratos de formación. Unha fórmula para “mellorar a empregabilidade”. Así a venden. Canto máis rimbombante, maior é o baleiro que esconde. Parafraseando a Groucho Marx: “Partindo da nada fomos quen de alcanzar as máis altas cotas de miseria”.

Programa para a empregabilidade Avanza +, orientado a dotar de eficiencia empresarial a persoas  cualificadas. Tras ese envoltorio digno de Don Draper, concellos, unha consultora intermediaria e empresas receptoras de bolseiros emerxen dispostos a obrar o milagre: dar a oportunidade aos desempregados de participar nun programa de formación de 5 meses de prácticas nunha empresa, coa promesa de que terán altas posibilidades de contratación a posteriori.

Varios centos de aspirantes puxan por ingresar nese selecto club ao que só acceden unha ducia ou pouco máis. Superan un psicotécnico e unha dinámica de grupo. E voilá. Retornan ao mundo laboral pola porta de atrás, sen contrato, sen cotizar,  percibindo só 300€ de axuda á locomoción e un seguro de continxencias. Iso si, xornadas de 8 horas durante 6 ou 7 días seguidos e 3 de descanso, festivos e fins de semana incluídos nalgúns casos, desprazamentos, cobros dos 300€ a día 6 ou 7 e as mesmas responsabilidades que un traballador de alta. Rematado ese período, as promesas de contratación esvaécense ou, no mellor dos casos, quedan reducidas a contratos temporais a media xornada porque as empresas saben que á volta da esquina agardan universidades ou consultoras dispostas a repoñer bolseiros a prezo de ganga.

Benvidos á plutonomía universal de Chomsky: a riqueza concentrada nunha ridícula minoría que controla a economía mentres unha maioría abafadora se afoga no océano do precariado. You know Lust for life…   

Sobre a autora

En primeira plana, muller. En segunda plana, xornalista con sobredose de cine e series de televisión, habitando na actualidade no universo do turismo.

Compartir artigo