Revista Punto

2018-08-08T11:56:50+00:00 Descubrir, En Destaque, Lifestyle

Lugares para perderse

Reyes Riveiro
Reyes Riveiro7 Agosto, 2018
Lugares para perderse

Non nos cansaremos de dicir que Galicia namora, e parte deste sentimento debémosllo á súa costa e ás súas praias. Por iso, nesta edición queremos facer con vós un percorrido polo litoral galego, sen deixar de lado algúns lugares de interior, descubrindo diversos areais que paga a pena ser explorados. Acompañádesnos?

Arrancamos no extremo norte de Galicia, na Mariña de Lugo, bañada polo Mar Cantábrico, onde se atopa a praia das Catedrais de Ribadeo. Sen dúbida algunha, é unha das praias máis fermosas da xeografía galega, e é considerada unha das mellores praias de España e de Europa. O monumento natural que forman as rochas con forma de cúpula e os seus acantilados non deixan indiferente a ninguén que visite este lugar. A praia de Covas, en Viveiro, é tamén moi popular na temporada de verán.

A de Pantín, en Valdoviño, é a meca do surf na costa galega, razón pola cal este escenario natural acolle cada ano o Campeonato Mundial deste deporte. Na praia de Doniños, en Ferrol, aínda que en menor medida, as ondas tamén son as protagonistas.

 

Na Coruña, as praias urbanas de Riazor e Orzán compiten con calas máis pequenas e resgardadas como a das Lapas, xunto á Torre de Hércules. Miño é outra das perlas das Rías Altas, e a praia Grande coas súas marismas e dunas, e sobre todo unha área de descanso con todo tipo de facilidade, é unha das máis apreciadas polos visitantes.

A Costa da Morte é outro dos destinos que merecen unha visita obrigada. Razo en Carballo, Balarés en Ponteceso, Traba en Laxe, ou Nemiña en Muxía. As praias nesta zona son incontables. En Fisterra, ademais de aproveitar para visitar o Cabo, temos a praia da Langosteira e a de Mar de Fóra. Xa no Concello de Carnota, atopámonos co areal máis extenso de toda Galicia, cun total de 7 quilómetros, unha praia de mar aberto que deixa ver ás súas costas o impresionante macizo do Monte Pindo. Seguindo por esta zona en dirección Noia, tamén atoparemos a incrible praia de Area Maior, en Louro, no Concello de Muros, un lugar tranquilo e de espectacular beleza.

Na contorna do Parque Natural das Dunas de Corrubedo, existen praias pouco exploradas como a da Lagoa, en Ribeira, a máis extensa de todas elas. En Porto do Son atópanse, entre outras moitas, a praia de Area Longa, a máis próxima ao Castro de Baroña, a de Aguieira, e a praia das Furnas, que alberga unha especie de piscinas naturais creadas pola erosión das rochas.

No epicentro do turismo nas Rías Baixas, Sanxenxo, sitúase unha das praias máis coñecidas, a da Lanzada, entre Sanxenxo e O Grove. Aínda que o fluxo de turistas adoita ser moi elevado no mes de agosto, non debe ser motivo para deixar de coñecela e aproveitar para practicar algún deporte acuático. No centro de Sanxenxo, a un salto do paseo marítimo, está a praia de Silgar, pero hai outras praias moi recomendables e con todo tipo de servizos perfectas para gozar dos días de verán, por algo é o concello que conta co maior número de bandeiras azuis de toda España, un total de 13. Tal é o caso da praia da Lapa, a escasos metros da Lanzada, a de Baltar en Portonovo, Montalvo, Areas, Bascuas (a única nudista do concello), Pragueira, Canelas, Foxos, Paxariñas…

En Bueu atoparemos a praia Area de Bon, Cornide, Portomaior, Lagos ou Lapamán, e xa en Cangas do Morrazo hai preto de 40 praias e calas, algunhas delas ben resgardas, entre as que se atopan a de Areabrava, Pipín, Castiñeiras ou Menduíña, que comezan a ser cada vez máis coñecidas. Chegamos a Vigo, onde, se a praia urbana de Samil está moi ateigada, hai infinitas alternativas. A praia do Vao, situada na zona de Coruxo, a menos de 10 quilómetros do centro de Vigo, foise gañando a pulso o seu posto dun dos areais vigueses máis concorridos. Nigrán é outro dos lugares con maior afluencia do sur de Galicia, e Praia América é a súa estrela xunto con Panxón, areal co que limita.

Nesta viaxe polas praias galegas non podemos pasar por alto aquelas que se encontran nas illas. Por exemplo, a praia de Melide, na Illa de Ons; no Parque Natural das Illas Cíes, a praia de Rodas, que une as illas de Faro e Monteagudo e que hai uns anos chegou a ser elixida polo xornal británico The Guardian como “a mellor praia do mundo”. A area branca e fina, as dunas e as augas cristalinas semellan transportarnos ao Mar Caribe de non ser porque a temperatura do mar é ben diferente.

E para que os non teñas a oportunidade visitar a costa, ou prefiran o interior, tamén hai numerosas praias fluviais e pozas naturais por todo o territorio para refrescarse en días de calor. Citamos algunhas: A Cova no Saviñao; as pozas de Nuveira en Arcos (Mazaricos); a Cascada de Vilagocende na Fonsagrada; Castrelo do Miño; a praia fluvial da Calzada en Ponte Caldelas;  A Tapia en Ames; A Magdalena, en Vilalba; A Freixa ao seu paso polo río Teo, en Ponteareas, Goián en Tomiño; ou as pozas de Melón.

E ata aquí chega o noso percorrido -polo de agora-, que pode resultar curto nestas liñas pero na realidade é infinito. Así que… a que esperades? Preparádevos para presenciar postas de sol inimaxinables e procurade coleccionar as espectaculares imaxes que vos ofrecerá a riqueza única da natureza galega. Impagable.

Compartir artigo