Revista Punto

2018-07-18T11:54:06+00:00 Galegos polo Mundo, Rexión

“Londres foi un descubrimento multicultural”

Con estas palabras define Gonzalo Alonso o seu primeiro contacto coa capital de Reino Unido, na que, a pesar de levar establecido alí máis de cinco anos, segue sentindo morriña.
Reyes Riveiro
Reyes Riveiro3 Xullo, 2018
“Londres foi un descubrimento multicultural”
Con estas palabras define Gonzalo Alonso o seu primeiro contacto coa capital de Reino Unido, na que, a pesar de levar establecido alí máis de cinco anos, segue sentindo morriña.

Londres é a cidade máis poboada de Inglaterra, e con preto de 9 millóns de habitantes, ao igual que outras cidades británicas, está chea de galegas e galegos. Mesmo se adoita dicir que é un concello galego máis. Alí reside Gonzalo Alonso, o noso “galego polo mundo” deste mes. Gonzalo (29 anos) é de Ribadeo e é licenciado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Santiago de Compostela. Pouco despois de rematar a carreira, no verán de 2011, tivo unha grave lesión de xeonllo que fixo que durante meses só se centrara na súa recuperación. “Unha vez recuperado da lesión empecei activamente a buscar emprego, sen atopar resultados, e tomei a decisión de probar sorte en Londres para mellorar o meu nivel de inglés e vivir novas experiencias”.

Trasladouse a Londres a comezos do ano 2013, e actualmente traballa como manager nun restaurante. Un dos principais motivos que lle fixo decantarse por esta cidade como novo fogar foi a cuestión lingüística. Ademais, tiña uns tíos vivindo alí dende hai moitos anos: “Ter xente que che importa preto cando estás lonxe da terra é de gran axuda para seguir adiante cando che asalta a morriña”. “O primeiro que me chamou a atención foi o cosmopolitismo da cidade.” Máis que un choque cultural, describe o que viviu ao chegar a Londres como “un descubrimento multicultural”. “A adaptación foi relativamente sinxela gracias á miña familia e a un ex-compañeiro de clase na universidade que xa levaba uns meses vivindo aquí”.

O que máis lle sorprende a Gonzalo de Londres é que “permite coñecer multitude de estilos de vida moi diferentes”. Para descubrir Londres é “imprescindible visitar o centro: Covent Garden, Camden Town, Shoreditch…”. Dos lugares que visitou fóra de Londres recomenda a illa de Wight e Bath. “Aínda me quedan moitos sitios por visitar como Oxford, Cambridge ou Cornualles”.

Ten algunha que outra anécdota graciosa, entre as que recorda “unha vez por ir mirando o móbil mentres volvía do traballo no tren salteime, non só a miña estación, senón que saín de Londres e cheguei a unha cidade próxima na que tiven que dar a volta. Un traxecto de dez minutos acabou durando máis de hora e media”.

A pesar de que o balance da experiencia é positivo, non son poucas as cousas que bota en falta da súa terra: “A miña xente, a comida, a calidade de vida, as paisaxes…” De aí que unha das principais dificultades que tivo que afrontar ao mudarse a Reino Unido, e que segue afrontando, é “superar a morriña”. Gonzalo planea volver a Galicia nun futuro, “pero aínda non teño fixado cando”, comenta. “Aconsellaría a todos visitar Londres tanto pola importancia dos seus puntos históricos como polas alternativas de ocio que ofrece esta cidade”.

Compartir artigo