Revista Punto

2018-11-20T17:57:20+00:00 Cultura, Talento

“Tiritas para este corazón partío”

Lucía Carballeda
Lucía Carballeda3 Xullo, 2018
“Tiritas para este corazón partío”

‘Little’ é o máis cativo de tres irmáns, de aí o nome artístico de Pablo J. Rodríguez (Córdoba, 1989), que é quen de transmitir os conceptos máis complexos con só tinta e papel. A morte, a fraxilidade, o medo, as lembranzas ou as relacións afectivas amósanse no seu mundo naif en branco e negro, facendo gala dun estilo directo e plenamente universal. Licenciado en Comunicación Audiovisual e especialista en arte contemporánea, comezou a escribir dende a adolescencia. Co tempo deixou a escrita pola fotografía e máis tarde as fotos polos debuxos.

Toda esta bagaxe previa deriva nunha plástica tremendamente narrativa, funcionando en moitos casos coma microrrelatos. Exemplos disto son as súas obras “La construcción de un animal de compañía”, “Que me protejan las fieras”, “Aquí vais a estar seguros” o “Te elijo a ti”. Nada ten de casualidade que arestora participe na mostra “Selección artificial” na galería Federica No Era Tonta, que permanecerá aberta ata o vindeiro 20 de xullo e que xira entorno as relacións que o ser humano establece co medio e o resto das especies, xa que Little xurdiu dunha necesidade. Hai anos, un dos seus cans sufriu un accidente e o único que este artista puido facer para poder afrontar o custo da operación foi poñer á venda todos eses debuxos que nunca foran concibidos para ser mostrados. Así, ademais da supervivencia de Mateo, naceu un artista.

Na súa obra atopamos unha forte influencia de David Shrigley, aínda que Little amósase moito menos irónico e con certa intención cicatrizante ou sanadora nas mensaxes das súas obras. É pura creatividade en expansión, polo que agora atópase experimentando coa cerámica. Neste campo, as súas diminutas tiritas antóllansenos irresistibles, como lle ocorreu ao propio Alejandro Sanz ao ver que un dos seus estribillos collía nunha pequena tira de 8 centímetros, non podendo resistir a tentación de facerse con unha.

Compartir artigo