Revista Punto

2018-11-12T09:20:28+00:00 Opinión

Leccións vitais

Alexandre Mouriño
Alexandre Mouriño7 Novembro, 2018
Leccións vitais

A vida é unha gran lección feita de pequenas e grandes (e)leccións. Todas importantes, todas determinantes do que somos e do que seremos. Ás veces, as maiores ensinanzas non veñen de grandes actos. Os grandes mestres agóchanse baixo un manto de humildade, pero aínda así non son quen de ocultar no seu facer a inmensa capacidade do seu xenio. Este é o caso do arquitecto que foi capaz de converter unha humilde vivenda de vacacións nunha das pezas de arquitectura máis sobresaíntes (dende o meu humilde punto de vista) da historia.

Como a súa obra, este coruñés vital, amable e divertido segundo os que tiveron a sorte de  coñecelo, foi exemplo de humildade e paixón polo seu traballo, pero sobre todo pola vida. Esta paixón, humildade e vitalidade dánse forma na xoia que deixou varada na enseada de Bueu (Pontevedra). A Roiba, esa pequena enorme xoia da arquitectura contemporánea construíuse en dúas fases a partir das ruínas dunha antiga fábrica de salazón. A primeira fase entre os anos 1967-69, e a segunda entre 1975-80.

A casa construída por Molezún para si mesmo e para a súa familia, é só un refuxio, pero como outros refuxios de arquitectos (como a casa de lago de Aalto), foi unha oportunidade para experimentar con todas as ideas que unha mente creativa, analítica e honesta pode dar. A casa aséntase sobre os espesos muros de pedra que batidos polo mar no inverno protexen os espazos vivideiros da furia do mar. Nos seguintes niveis o salón que como perfecto exemplo entre exposición e ocultación enmarca a vista do mar unha experiencia única. Os dormitorios coma camarotes dun barco, a terraza exterior como a cuberta e más dormitorios na “ponte de mando” fan desta construción unha expresión física da personalidade dun xenio. Un xenio dos detalles, do uso dos materiais e das solucións xurdidas da lóxica. Xogos de poleas para abrir portóns de acceso ao embarcadoiro, e tamén nas portas de paso. Múltiples estratexias arquitectónicas, un control absoluto do espazo e os seus ambientes fan de esta pequena obra un tipo de decálogo arquitectónico, no que calquera estudante, profesional ou amante da arquitectura pode aprender unha das maiores leccións da súa vida. Unha lección de honestidade e rigor, en equilibrio con atrevemento e liberdade creativa.

Debe ser A Roiba por méritos propios declarada Ben de Interese Cultural, porque o patrimonio que esta obra esconde ten o valor do irrepetible, do único e do aleccionador. Mesmo a profesión se volcou hai uns anos para axudar á familia a rehabilitar parte da estrutura danada nos últimos anos polos fortes temporais de inverno que baten con forza contra a casa, mariñeira estoica de mil océanos.

Invitamos dende estas liñas á xente interesada na arquitectura e na arte en xeral a visitar esta obra única e pouco coñecida fóra do círculo académico ou gremial.

A vida son leccións, e a lección vital de amor pola profesión, pola paisaxe e pola súa familia fica varada en Bueu como declaración universal e mostra conmovedora do que un xenio galego pode facer sen desmerecer aos grandes nomes da historia.

Compartir artigo