Revista Punto

2018-05-02T19:38:54+00:00 Galegos polo Mundo, Lifestyle

Jönköping, a cidade dos lagos

Alí atopamos a Paloma Pinto, a nosa primeira “Galega polo mundo”.
Reyes Riveiro
Reyes Riveiro5 Abril, 2018
Jönköping, a cidade dos lagos
Alí atopamos a Paloma Pinto, a nosa primeira “Galega polo mundo”.

Situada a pouco máis de 300 km de Estocolmo, ao sur da provincia de Småland, Jönköping é unha das principais cidades de Suecia. “Jönköping é unha cidade chea de encanto, cunha natureza fermosísima e a xente é moi agradable”. Todo isto fai que sexa unha cidade ideal para vivir. Atópase xunto ao segundo lago máis grande de Suecia, o que fai que un teña a sensación de vivir á beira do mar”. Así é como describe Paloma Pinto a cidade na que leva vivindo preto de cinco anos. Tras acadar o título superior de música, na especialidade de clarinete, polo Conservatorio Superior de Música de Aragón (Zaragoza), continuou a súa formación no Conservatorio de Rotterdam (Holanda). De volta en Galicia, despois de traballar como profesora de clarinete, formou parte, durante case dous anos, da academia orquestral da Real Filharmonía de Galicia, en Santiago de Compostela. Sen ningunha dúbida, esta etapa foi o principal motivo de que hoxe en día viva en Jönköping. “Aínda que non todo foi doado e bonito, alégrome moito de ter dado o primeiro paso que me levou a Jönköping”, explica Paloma Pinto, de 32 anos.

Grazas ao portal Musicalchairs, no que orquestras de todo o mundo publican anuncios das súas prazas vacantes, Paloma aterrou en Jönköping, en abril do 2013, e despois dun longo proceso, e tras un contrato de proba de un ano, en 2015 obtivo unha praza fixa como clarinetista na Jönköpings Sinfonietta.

A súa principal dificultade foi, sen ningunha dúbida, o idioma. O feito de que gran parte da poboación fale inglés con fluidez fixo máis sinxelos os comezos, pero co paso do tempo, decidiu que era hora de intentar aprender sueco. “Estou moi contenta de ter feito o esforzo, porque se un non se atreve a facelo ao principio, co paso do tempo faise máis complicado”, conta Paloma.

Paloma (dereita) cunha compañeira da Jönköpings Sinfonietta.

“Culturalmente, Suecia é bastante diferente a España, pero a xente é moi amable e disposta a axudar se un o precisa”, explica Paloma. Iso si, “é moi complicado romper a barreira da mera cordialidade e chegar a ter a sensación de ser realmente amigo seu. Facerse amigo dun sueco é un proceso que leva máis tempo que en España. Non son moi amigos de expresar sentimentos con demasiada efusividade e ata teñen unha palabra para expresar ese concepto da cantidade xusta, nin moito nin pouco: lagom.”

“Un non pode vir a Jönköping e non pasear polo centro da cidade e despois entrar nunha cafetería para recuperar forzas cun café e un bolo de canela ou kanelbulle. Tamén hai que subir a un parque que está no alto da cidade para gozar dunha panorámica espectacular. E, como non, visitar o único museo do mundo dedicado aos mistos. Desde que vive en Suecia, Paloma tivo a oportunidade de viaxar bastante e coñecer diferentes zonas do país. “Estocolmo merece unha visita de varios días e para quen lle guste a natureza, este país é ideal porque ten bosques inmensos, illas, lagos, ríos e montañas. Kiruna, Visingsö e Höga Kusten tamén merecen a pena”. A finais de xuño, durante o chamado ‘sol de medianoite’, Paloma recomenda visitar o Parque Nacional de Abisko.

Para Paloma, o balance da experiencia é moi positivo. “Agora mesmo teño un traballo que me encanta, compañeiros xeniais e moi boas condicións laborais, salariais e de calidade de vida. Ademais, agora que xa domino mellor o idioma, aprendín a patinar sobre xeo ou esquiar… terei que amortizar, polo menos uns aniños, a inversión feita!”, di entre risas. Malia isto, non pode deixar de botar de menos algunhas cousas de Galicia, sobre todo á familia e aos seus amigos de sempre. Recoñece que, de momento, volver a Galicia non está dentro dos seus plans. Despois de todo o dito, a Paloma non se lle ocorre moito máis que engadir: “Só me queda recomendar unha visita tanto a Jönköping como a Suecia. Espérovos!”.

Compartir artigo