Revista Punto

2018-05-23T09:06:43+00:00 Compás, Lifestyle

Illas Feroe

Un paraíso natural en pleno século XXI
Redacción
Redacción8 Maio, 2018
Illas Feroe
Un paraíso natural en pleno século XXI

As Illas Feroe, situadas no Atlántico Norte, entre as escarpadas terras de Escocia e Islandia, son un territorio dependente de Dinamarca. O pequeno arquipélago, formado por 18 illas maiores e outras menores (deshabitadas), presenta unha morfoloxía cun relevo accidentado, rochoso e con costas abruptas recortadas por fiordes. Neste escenario de perfecta harmonía coa natureza, pódense apreciar algunhas das tradicións dos feroeses, como a danza de cadea con acompañamento principalmente vocal, a gastronomía ou un dos loados deportes nacionais, o remo. Nesta pequena comunidade, que aínda vive un pouco á moda antiga, os semáforos cóntanse apenas cunha man!

Se quere viaxar a este pequeno paraíso escandinavo, a mellor altura do ano para facelo será de maio a setembro, sendo que catro ou cinco días son suficientes para coñecer o país. E, mesmo viaxando no verán, prepárese para levar na maleta roupa de abrigo, un chuvasqueiro e calzado confortable. Incluso na estación máis cálida, as temperaturas raramente superan os 10ºC, por non falar do vento e dos chuvascos esporádicos durante todo o día. No inverno vólvese un pouco complicado facer turismo nas Illas Feroe, dado que os puntos de interese son atraccións naturais e hai poucas horas de luz solar, pero, mesmo así, as temperaturas raramente están por debaixo dos 0ºC.

Non faltan opcións para visitar lugares preciosos: están, por exemplo, a illa Mykines, a aldea Saksun, na zona norte da illa Streymoy, onde hai un lago que fai fronteira co océano, ou a aldea Gjógv, na illa Eysturoy, que ten un elegante porto natural. A cascada Bøsda lafossur, un pouco escondida, cae do lago Leitisvatn directamente ao océano e é un dos puntos máis bonitos das Illas. A cascada e o maxestoso acantilado Trælanípan son outros puntos de interese. Con bo clima, pode aproveitar para facer unha pequena viaxe nun barco de pesca local, aproveitando para ver a grandiosa paisaxe desde o mar e entrar en contacto con un dos aspectos fundamentais da cultura feroesa.

Para un pouco máis de acción, pode facer un tour polas grutas ou unha camiñada pola aldea de Norðradalur, na costa occidental de Streymoy, desde onde se pode ver a illa Koltur, ou facer escalada nunha impresionante parede de basalto. Na illa Streymoy, non pode deixar de visitar a capital, Tórshavn, unha antiga cidade que se estende ao longo do porto e que está repleta de casas antigas ben preservadas.

En canto á mellor solución para aloxamento, alugar un apartamento pode ser unha boa opción. Como non hai moitos hoteis, ocúpanse rápido. Ademais, o prezo non é demasiado atractivo. Para explorar o país, como practicamente non existe transporte público e as excursións organizadas son limitadas, o ideal é alugar un coche. As illas principais están unidas por pontes e túneles e as distancias son curtas, por iso os traxectos non se volven fatigantes. O maior problema pode ser comprender as indicacións, que están na lingua nativa, feroés. Pero non é motivo para preocuparse: o país é pequeno e cun mapa é fácil orientarse. A pesar de que as Illas Feroe non son grandes, son un territorio cheo de beleza natural. En cada pequena cidade sempre hai algún recuncho para ver e as paisaxes son incribles.

Compartir artigo