Revista Punto

2018-11-10T14:32:42+00:00 Cociñar, Gastronomía, Lifestyle, Rexión

Ideas para quecer novembro

Redacción
Redacción7 Novembro, 2018
Ideas para quecer novembro

Os meses de outono correspóndense coa colleita de produtos gastronómicos de tempada como a castaña. Por iso, é a tempada na que aumenta a produción de marcas que fabrican produtos con elas. Un exemplo é Posada Marron Glacé, unha marca ourensá que leva máis de medio século elaborando marron glacé, un doce artesanal elaborado a base de castañas confeitadas e glaseadas, que a pesar de traballar con algo tan galego como é a castaña exportan case toda a súa produción. Tamén hai licores de castañas artesás, que poden degustarse sós ou usarse para elaborar doces ou mesmo para acompañar pratos como carnes; xeados, como os de Bico de Xeado, e ata iogures.

Os pratos de culler como as cremas e sopas son outra opción para quentar o corpo en días de frío. Cabaza, cenoria, cabaciña, cogomelos, castaña, mazá… Calquera verdura, hortaliza ou froita é válida para un menú saudable, rico e sinxelo.

Polo San Martiño…

Durante todo o mes, celébrase en Galicia o Magosto con festexos populares nos que se repartirán castañas de balde, viño, queimada e mesmo actuacións musicais para animar o ambiente. Tamén son as datas do San Martiño, unha festa que comparte elementos co Magosto como a de comer castañas, pero que ten tradicións propias como a matanza do porco e a reunión dos veciños en furanchos para comer cocidos ou laconadas.

Pero hai outras propostas gastronómicas ben interesantes. O “Outono Gastronómico”, unha iniciativa de Turismo de Galicia, combina as experiencias de turismo rural con menús degustación preparados especialmente para atraer visitantes durante esta época do ano. A iniciativa vai xa pola undécima edición e este ano conta coa colaboración de case noventa casas rurais de toda Galicia que ofrecen diferentes paquetes que van desde o menú básico ata menús para familias, con posibilidade de aloxamento. A promoción estará vixente ata o 16 de decembro.

Por outra banda, xa están en marcha as Xornadas Gastronómicas do Bacallau que se están a celebrar na Coruña e continuarán ata o día 14 de novembro ofrecendo diversos menús de cociña tradicional, pero tamén de vangarda, showcookings e degustacións de bacallau. Podemos achegarnos a Ourense onde arranca o concurso “Sabores de Ourense” entre o 5 e 18 de novembro, que ofrecerá pinchos de cociña local e de tempada, ou á Feira do Gourmet Galego, “Etiqueta Negra Gourmet”, os días 10, 11 e 12 en Pontevedra

En Santiago de Compostela terá lugar a décima edición do concurso Santiago (é) tapas, do 15 de novembro ao 2 de decembro no que o público ten a última palabra sobre os mellores pinchos e “12 doces do outono” cunha ampla programación nos centros cívicos da cidade pensada para gozar da cociña en familia. Tamén se organizan diversas xornadas micolóxicas en lugares como o Concello de Monforte, Bergondo ou Vilagarcía de Arousa.

Compartir artigo