Revista Punto

2018-09-14T13:46:50+00:00 Historias

Retallos dun pasado que nos lembra quen somos

As casas Bailly
Casas Bailly, en Cambre. Fotografías: Martín Pais.
Martín Pais
Martín Pais4 Setembro, 2018
Retallos dun pasado que nos lembra quen somos
As casas Bailly

Érguense impoñentes nas beiras da N-VI, estrada que entra e sae da Coruña. As casas Bailly aínda conservan a esencia do que foron a principios do século XX. Antonio Tenreiro e Peregrín Estellés foron os arquitectos deste complexo de vivendas con marcado estilo modernista europeo, edificadas entre 1920 e 1924. Julio López Bailly foi quen encargou a súa construción. En principio, ía ser un hotel de vinte e dúas habitacións, pero rematou por ser a residencia de verán da familia Bailly, galegos con empresas na Arxentina e descendentes dun soldado de Napoleón.

Agradecemento especial ao Concello de Cambre pola cesión de imaxes de arquivo.

As vivendas constaban de dous corpos dunha simetría cadrada case perfecta, con dúas alturas aparte da bufarra e o soto. Contaba cun espectacular lucernario no recibidor que unía as dúas vivendas. Na súa cuberta atopábase o que chamaban “xardín de inverno”. Ademais, neste mesmo nexo había unha fonte e un miradoiro. No interior, a beleza dos mosaicos dotaba aos edificios dunha beleza sen parangón.

Pero lamentablemente, a súa historia non ten un final feliz, polo menos de momento. No ano 1936, nunha España desgarrada pola Guerra Civil, a familia –de corte republicano– marchou de Galicia. A propiedade foi incautada pola Falange, onde durante a Guerra foi “fogar” de presos republicanos no seu soto. Aínda se poden ver as inscricións que alí fixeron, convertendo as súas paredes en testemuñas impertérritas dun pasado tormentoso. Con posterioridade, as casas Bailly serviron de sé para a escola de mandos do Movemento –adoutrinadora do réxime nacional e católico de Franco–, e a partir de 1951 pasarían a mans do Sindicato Vertical, única organización sindical legal durante o franquismo.

No ano 1969 as casas arderon debido a un cigarro mal apagado. De aí en diante, todo son sombras ao redor desta edificación. A maleza invadiuna case por completo e o interior está deteriorado debido á escasa consideración daqueles que se dedicaron a non respectar o seu legado. Máis o seu esqueleto, aínda en pé, semella emperrado en querer que non esquezamos, que lembremos quen somos e aos que loitaron por construír un mundo mellor.

Compartir artigo