Revista Punto

2018-10-02T20:58:20+00:00 Opinión

Handmaid’s Tale: inspiración feminista

Noelia Antelo
Noelia Antelo2 Outubro, 2018
Handmaid’s Tale: inspiración feminista

Asusta pensar que a sociedade actual pode chegar a un Gilead coma en Handmaid’s Tale, a serie adaptada á pequena pantalla a partir do libro homónimo de Margaret Atwood. A historia é unha alegación contra á misoxinia, a violencia machista institucionalizada e o fundamentalismo relixioso. Se non viches a serie, ponte a ver as dúas temporadas xa. Paga a pena!

Varias persoas recomendáronme a serie cando se estreou en HBO. Comentaban que Handmaid’s Tale era algo así como “un escenario dun futuro distópico que pode suceder no mundo real, estamos volvendo ao pasado”. Négome a pensar nun retroceso así logo de tantos logros conseguidos polas mulleres. A serie, abandeirada do feminismo, mostra unha sociedade patriarcal e machista que nos debe facer reflexionar. Pero coa esperanza que nos transmite unha muller loitadora. Porque iso é June, unha loitadora intelixente maxistralmente interpretada por Elisabeth Moss.

A primeira temporada deixounos abraiados coa historia e a forma de contala. De repente, o goberno totalitario de Gilead, coa escusa de defender o país da violencia, diminúe as liberdades da poboación e suprime os dereitos das mulleres. Ademais, para combater a taxa de natalidade en declive, crea a figura das criadas, as mulleres fértiles que poden traer nenos e nenas ao mundo (ou mellor dito, ás casas das familias ricas). A sutileza na montaxe e a coidada fotografía da primeira temporada fíxome quedar mirando fixamente os planos como se fosen imaxes dun álbum fotográfico. Porén, non foi impedimento para remover as tripas. E se Gilead está preto? Imos seguir permitindo as mulleres que manden sobre os nosos dereitos?

Tras un final cheo de esperanza na primeira temporada, chega a segunda. Máis escura e unha fotografía menos limpa. A luz dá paso ao negro. Este tamén substitúe en ocasións ás famosas capas vermellas das criadas. Hai quen critica que a violencia e as escenas de sexo se fixesen máis explícitas. Eu creo que non, que a sutileza continúa aí. Se hai escenas violentas que nos encollen o corazón, coma ver dous namorados afogados nunha piscina, quizais é para que reflexionemos sobre o mundo absurdo no que vivimos. Se hai unha escena de sexo con paixón -e consentido-, quizais é que hai esperanza de que exista algo máis ca os rituais vomitivos de Gilead.

Chega o final da segunda temporada e recuperamos a esperanza perdida. Pero no último momento, a heroína non foxe de Gilead. Sabemos que unha nai non faría iso. Ten que seguir loitando. E, por suposto, ten que deixar o final aberto para que poidamos gozar dunha terceira temporada.

Se algo conseguiu Handmaid’s Tale foi inspirar o feminismo. Un exemplo son as activistas da organización Demand Justice, que se disfrazan de criadas nas súas protestas políticas. Fixérono para manifestarse en contra da decisión de Donald Trump de nominar a Kavanaugh á presidencia do Tribunal Supremo. Dereitos sociais coma o aborto veríanse comprometidos cun maxistrado extremista e antifeminista que botaría por terra os dereitos das mulleres nos Estados Unidos (e diso que non estamos en Gilead!).

Sobre a autora

Carballesa que combina o traballo de social media con plans que falen de comer, concertos ou series.

Compartir artigo