Revista Punto

2018-06-07T08:00:36+00:00 Opinión

Guiando en Galicia

Marian Santiago
Marian Santiago6 Xuño, 2018
Guiando en Galicia

A miña aventura como guía en Galicia comezou no ano 2009, xusto para o último Ano Santo. E se tivera que subliñar aquilo que máis me gusta desta profesión, é que deixei de ser da Pobra do Caramiñal, (o pobo onde me criei e a onde volvo sempre, a miña orixe),  porque agora son de Galicia. Non importa a ruta que teña que amosar: dende a mariña lucense, Ferrolterra, as mariñas Coruñesas, a Costa da Morte, o Camiño de Santiago, a Ribeira Sacra, as rías Baixas… vaia onde vaia síntome profundamente orgullosa da beleza da miña terra, da súa variedade, das súas xentes, da súa paisaxe, como arrecenden os carballos, os pinos e os castiñeiros, o mar, a choiva, a pedra, os campos… como é posible que non importe as veces que entre en Compostela, que sempre se me escapa unha bágoa cando chego á Praza do Obradoiro. Que xenerosa e agradecida é Galicia. Canto nos aporta.

Así que, con tanto potencial como ten a miña terra, convertinme nunha embaixadora dela, nunha privilexiada que desfruta de cada intre, de cada recuncho, mentres descubrimos natureza en estado puro, inxectando directamente na retina a inmensa variedade de cor verde, desafiando a liña do tempo brincando dende o románico ata o barroco, falando da profunda historia que temos os galegos, deixándonos agarimar pola fina choiva, fresca…  agasallando os nosos sentidos con sensacións, imaxes, sons e sabores que non se esquecerán xamais. Así é Galicia. Terra de sensacións.

Presentala é un pracer. En todos estes anos de profesión traballei con xente de tódalas partes do mundo, sobre todo de fala inglesa. É moi curioso ver como marchan os estereotipos que traen cando oen soar a nosa gaita, e como se intensifican as ganas de querer saber máis, de querer ver máis, de que lles fale da nosa forma de vida, das nosas tradicións, das lendas e das meigas, da emigración, da nosa música, da nosa lingua… Emociónanse con Rosalía, e queren saber de Curros Enríquez ou de Castelao. Pero tamén descobren a parte da Galicia contemporánea, moderna, as nosas cidades, esa parte que lles proporciona tódolos servizos e infraestruturas necesarios para desfrutar dunhas vacacións tranquilas pero intensas.

É ben certo o dito que di que “non importa as veces que se visite Galicia, porque en cada unha delas viviremos unha experiencia diferente”. A sorte é que che pase o mesmo cando estás a traballar. Traballar de guía non só é falar do que ves. É moito máis ca iso. É asumir a responsabilidade de transmitir información e sentimentos. É como falar da túa nai. Quen non sente emoción cando falamos de alguén a quen queremos tanto? Para min é doado sentir a miña terra. E cando os demais tamén a senten, quérena. E cando a queren volven.  É cando volven quere dicir que xa os enganchou para sempre.

Marian Santiago

Guía oficial de turismo en Galicia.

Compartir artigo