Revista Punto

2018-07-12T10:18:05+00:00 Descubrir, Lifestyle

Gozar dun verán radical

Filipa Santos Sousa
Filipa Santos Sousa3 Xullo, 2018
Gozar dun verán radical

Unha das marabillas do turismo en Galicia é que hai opcións infinitas. Pódese gozar da tranquilidade dun día na praia ou no medio da natureza, tamén se poden visitar sitios con cultura e diversión ao mesmo tempo. Mais as persoas non precisan facer sempre as mesmas cousas. Os máis aventureiros poden sentir a adrenalina cunha miríade de actividades deportivas, pero tamén hai plans para os máis relaxados. Hai que romper a monotonía e vivir experiencias alternativas. Cos deportes radicais é posible descubrir os ríos, o mar e o aire dunha maneira diferente.

A paixón do surf

A praia de Razo, no Concello de Carballo (A Coruña), é unha verdadeira meca para os afeccionados do surf. Con seis quilómetros de extensión, a praia ten unha area fina e moitas ondas, de feito é un sitio perfecto para a práctica de deportes no mar. No Art Surf Camp nenos e adultos poden perfeccionar a súa técnica, ou aprender dende o inicio os mellores consellos para practicar surf. Por suposto, tamén hai unha variedade inmensa de actividades paralelas: volley praia, paddle surf, mini ramp ou ping pong, entre outras. Todo é posible. Ademais, está situado no Espazo Natural de Razo–Baldaio, un dos máis bonitos da zona.

Descender os ríos bravos

Os ríos son perfectos para nadar e gozar dun bo día de sol en familia. Pero en Galicia tamén se poden contemplar as paisaxes máis incribles mentres se sente pura adrenalina. Unha das opcións máis famosas para os aventureiros é o rafting. Este é un deporte que se practica en ríos con augas bravas e o obxectivo é descendelos en balsa. O mellor é que se pode compartir esta experiencia con amigos e familiares. Como se trata dun deporte de certo risco é preciso ter coidado e ter un monitor. Hai diferentes niveis e rutas, dende os máis simples aos complicados. Os ríos Ulla, Deza, Miño, Sil, Tambre e Lerez son lugares nos que se pode practicar rafting.

Kayak no Ézaro

A Fervenza do Ézaro é unha das paisaxes naturais máis maxestosas da comunidade galega. Esta famosa caída de auga está no Concello de Dumbría (A Coruña), en plena Costa da Morte. Cun fermoso paseo e xardíns, esta fervenza oferta unha mirada única para os ollos de todos os que veñen a visitala. O río Xallas é o único de toda Europa que desemboca no mar en forma de fervenza. De feito, hai aquí outro miradoiro incrible para contemplar a nai galega. Ademais, os lectores radicais deben probar o barranquismo ou o kayak na desembocadura do Xallas.

Diversión con bólas de pintura

Os ríos e mar son sempre escolas excelentes para facer cousas alternativas, pero os bosques e as zonas urbanas tamén. De feito, o paintball é unha das actividades máis estendidas en Galicia e xa se pode practicar en case todos os lugares da nosa terra. É un xogo de estratexia que ofrece moita diversión para gozar ao aire libre. Os xogadores teñen que usar roupa adecuada e unha máscara, despois soamente hai que divertirse e golpear coas bólas de pintura aos xogadores dos equipos contrarios. Unha maneira distinta e divertida de pasar as fins de semana.

Compartir artigo