Revista Punto

2018-06-11T15:11:48+00:00 Opinión

Galicia selfie

© Benxamín Otero.
Lidia Bao
Lidia Bao6 Xuño, 2018
Galicia selfie

ti pronuncias Galicia nunha praza de París e un vello pintor dáse a volta e di eu son Galicia di eu son di Galicia coma se Galicia estivera alí con forma de lentixa en cada unha das súas fazulas e puidese sinalalas coas cores do seu pincel e pintar Galicia á vez que pinta unha nena americana de cabelo longo ás seis da tarde en Montmartre

ti dis Galicia ás beiras do río Neretva camiño de Bosnia nun coche do ano noventa e oito co vento no aftersun da after praia na túa pel na estrada todas esas sombras verdes e ese olor a detén o tempo aquí e finxamos que nos divide o Cabe o Sil e o Miño e que esa muller con mantelo a cadros non nos recoñece porque as mulleres de oitenta e cinco de Croacia están no antigo lavadoiro de Sobreviñas falando do tempo e se este non podería ser o teu pobo que sexa só porque nós chegamos aquí nun avión e tres horas que xa é

a túa lingua é Galicia e ten o sabor de todas as viaxes do mundo nas papilas cando sacas a lingua vexo as floriñas dos toxos deitadas no teu padal tatexando Holanda roendo Rusia cuspindo os talos sobre Copenhague e quero pasear sen présa sobre o teu xardín galaico e volver a ti coma quen volve a casa cun jet lag e un souvenir rarísimo

ti moves Galicia do seu sitio e múdalo todo e de repente a terra faise un oco entre o que podes ter e o que desexas e sentes que se no teu peto vai Galicia estás segura e podes dicirlle a un xaponés que o seu Hachiko e o teu palleiro falan o mesmo idioma aínda que non ladren á mesma xente porque á xente hai que ladrarlle en linguas xeroglíficas non en galego non en xaponés non en vasco non xente sen lingua e xente sen don de xente bla bla bla Galicia blablá

cando nun mail omites o asunto penso que o que queres que entenda é Galicia iso que nós sabemos que hai tras as bateas iso é mesmo tamén o hai na India restos de picante nos dedos e os teus dedos na miña boca e xa entendes cara onde vou

ti aliméntasme con Galicia nun metro en Barcelona e as rúas que máis nos gustan de Coimbra son escuras ti máis eu entrando nos bares todos esgotando latas de Zumol saudando aos veciños porta con porta porta por porta sen importarnos se son nosos ou debemos dicir que non o son

chamas Galicia aos nenos que xogan na rúa cun zapato roído na Habana e do zapato saen redes que conectan directamente co teu móbil e alí tamén está Galicia durmindo na súa almofada #Galicia en posturas imposibles en ceos anubrados en cadeiras que sentan onde rompe o mar e as pantallas e tamén rompe a vergoña na Galicia que non podes tocar coas mans porque sabemos que Galicia vai tras de nós co seu abrazo

por que Galicia

je ne sais pa

i don’t know

no lo sé

non lo so

ich weiß es nicht

e logo non?

e punto.

Compartir artigo