Revista Punto

2018-07-26T09:07:42+00:00 Descubrir, Lifestyle

O Fuciño do Porco

Un dos segredos mellor gardados da costa lucense
Filipa Santos Sousa
Filipa Santos Sousa8 Maio, 2018
O Fuciño do Porco
Un dos segredos mellor gardados da costa lucense

O “Fuciño do Porco” xa se converteu, xunto coa Praia das Catedrais, nunha das maiores atraccións turísticas do norte da provincia de Lugo. A divulgación de fotografías e artigos deste lugar suscitou unha gran presenza nos medios, e deulle fama a este emblema da natureza, que mantén a pureza das súas paisaxes.

Galicia é un territorio repleto de tesouros naturais. Cun patrimonio cultural e histórico igualmente vasto, non deixa de ser sorprendente a capacidade de continuar redescubrindo novos e cativadores lugares. Despois de que o Miradoiro do Campo da Rata suscitara merecidas mencións co epíteto de “mellor banco do mundo”, chegou a quenda da costa da provincia de Lugo para acaparar tódalas atencións. Recentemente revelouse un dos maiores segredos da costa lucense, o Fuciño do Porco. Por agora, este lugar mantén a pureza das súas paisaxes naturais, e sitúase no podio, xunto coa Praia das Catedrais de Ribadeo, das principais atraccións turísticas da Mariña. Coñecida anteriormente como Punta Socastro, a nova curiosa toponimia débese á peculiar xeografía da zona, que se asemella, literalmente, ao fociño dun porco para quen avista esta prominencia de terra desde o mar. Situado no Concello do Vicedo, sobre a praia de Pereira, na área marítima occidental de Lugo e na fronteira coa provincia da Coruña, este lugar destaca pola súa beleza natural virxe, onde unicamente se ven ao lonxe construcións humanas e, por suposto, as pasarelas de madeira que permiten o acceso aos camiñantes. O Fuciño do Porco ofrece a tódolos visitantes un miradoiro privilexiado no cal se avista o Cantábrico en estado puro.

Froito do (re)descubrimento deste sitio –que se volveu viral nas redes sociais–, melloraron as sinalizacións na contorna. Así, o Fuciño do Porco volveuse en pouco tempo destino obrigatorio para os entusiastas das andainas e haberá que esperar que a masificación non traia consigo efectos negativo. Polo momento, é preciso ter en conta que debido á repentina afluencia foi necesario instalar un aparcadoiro nos arredores; nas épocas de verán ou de festivos aconsellamos aos visitantes madrugar. Nas inmediacións, xunto ao espazo reservado para vehículos, poden encontrarse postos de venda de comida e bebida para os máis desprevidos.

Despois de encontrar a Ruta Fuciño do Porco coa axuda do GPS, e de aparcar o seu vehículo, nada mellor que seguir a viaxe a pé, verdade sexa dita que non podería ser doutra maneira. Un percorrido de cerca de 1,3 quilómetros, incluíndo un paseo polos fermosos pasadizos de madeira, que promete ofrecer unha experiencia encantadora. Na primeira etapa do itinerario hai que atravesar un bosque de eucaliptos, pero non se deixe enganar e evite tomar os camiños adxacentes, e déixese levar polo esplendor da natureza. As pasarelas desembocan na punta do Fuciño do Porco, onde se pode camiñar polo cumio dos acantilados e contemplar de cerca un mar de paisaxes indescritibles: ao leste vese a ría de Viveiro e o illote de A Gaveira; no oeste, divísase a praia de Area Gran e outros lugares como a illa Coelleira. Alén das vistas e da camiñada –que incluso parecerá demasiado breve–, pode ter no Fuciño do Porco unha das  actividades ao aire libre máis indicadas para toda a familia.

Compartir artigo