Revista Punto

2018-07-05T16:02:27+00:00 Cultura, Historias

A música marca o camiño

Festival O Son do Camiño 2018
Redacción
Redacción3 Xullo, 2018
A música marca o camiño
Festival O Son do Camiño 2018

Difícil describir o vivido no Monte do Gozo durante O Son do Camiño na edición de 2018. A programación anticipaba un éxito que se viu reflectido na atmosfera do festival. Cun cartel de sold out que se fixo de rogar, só a chuvia podía enturbiar o que semellaba sería unha fin de semana marabillosa. E aínda que fixo acto de presenza, non cabe dúbida de que se portou mellor do que moitos esperabamos.

Case 30.000 persoas pasaron por Santiago de Compostela para vivir algo único: un evento que congregaba a bandas como Jamiroquai, The Killers, Franz Ferdinand ou Lenny Kravitz, algúns dos mellores DJ´s do panorama mundial como Martin Garrix ou Don Diablo, bandas galegas como Novedades Carminha, Agoraphobia, Furious Monkey House, Triángulo de Amor Bizarro, ou Eladio y los Seres Queridos, rapeiros como Residente, Arce ou C. Tangana, e outros grupos como Two Door Cinema Club, La M.O.D.A, León Benavente, Mando Diao, The Gift.

Monte do Gozo, para quen non coñeza este espazo da capital de Galicia, é perfecto para acoller un evento desta magnitude. Cunha colocación estratéxica de ambos escenarios, conxugando acústica e aforo, foi posible albergar tantos concertos con tanta puntualidade. Os “ires e vires” de xente realizáronse con perfecta fluidez, rozando o cheo en moitos dos espectáculos. Nin a choiva –si ben ameazou con complicar a xornada do sábado- puido parar o brotar de público día tras día.

Vivir momentos para o recordo con himnos como Take me out, Human, Are You Gonna Go My Way, Little L ou Cosmic Girl fan desta fin de semana un inolvidable recordo na retina de moitas persoas de Galicia e tamén fóra das nosas fronteiras. Pero sen lugar a dúbidas, outro dos aspectos máis positivos dun festival desta índole é que sempre te levas na axenda nomes para o recordo. Sumar á lista temas que eran descoñecidos para ampliar as playlists persoais é, de seguro, unha das mellores sensacións que deixan eventos como este. Un espectáculo no que a música foi protagonista, no que a música marcou o camiño. Tres días frenéticos nos que un ambiente espectacular e un entorno único fixeron as delicias das afortunadas e afortunados que puideron contemplar este primeiro Son Do Camiño. Daquí nun ano!

Fotografías: © Martín Pais Wyka.
Compartir artigo