Revista Punto

2018-08-14T10:37:26+00:00 Galegos polo Mundo, Rexión

Experiencias froito da casualidade

A nova ‘Galega polo mundo’ é Bárbara Casais, unha moza de O Pindo (Carnota) que deixou a terra para embarcarse nunha aventura en Suíza, país que a acolleu cos brazos abertos.
Reyes Riveiro
Reyes Riveiro7 Agosto, 2018
Experiencias froito da casualidade
A nova ‘Galega polo mundo’ é Bárbara Casais, unha moza de O Pindo (Carnota) que deixou a terra para embarcarse nunha aventura en Suíza, país que a acolleu cos brazos abertos.

Bárbara Casais, de 29 anos, é da vila carnotá de O Pindo. Cursou estudos de azafata de avión e ao pouco tempo mudouse a Londres para traballar unha tempada e mellorar os idiomas, e logo regresou a Galicia para seguir traballando. Pero hai case sete anos a súa vida deu un gran cambio: viaxou a Suíza de visita, e alí quedou. “Fun para ver a meu pai, que viviu alí moitos anos era o seu último ano alí, e ao final pedíronme se lles podía botar unha man nun restaurante e quedei xa a traballar”. Todo foron casualidades, “en realidade, nin sequera pensaba en quedar alí”, cóntanos Bárbara.

Vive na cidade de Biel (en alemán) ou Bienne (en francés), situada na rexión de Seelaand, que é considerada a metrópole dos reloxos suízos. “Adapteime sen demasiada dificultade a pesar de que tiven que aprender francés e alemán a causa de estar nun cantón bilingüe e de ter a oportunidade de aprender italiano”. Quizais o que máis lle sorprendeu foi o independente que é a xente alí e a diversidade de culturas que hai, “porque hai xente de todas partes do mundo nun país moi pequeno”.

 

“O máis peculiar é que nunca podes dicir que non sabes en que hora vives, porque hai reloxos por todas parte, e a gran afección que se vive nun estadio de hockey sobre xeo”. E que bota de menos de Galicia? “Aparte da familia, como é natural, o mar é unha das cousas que máis me faltan”, asente.

Para quen lle guste camiñar ou esquiar, Bárbara cita como visita imprescindible unha visita a Valais (“É impresionante”, di) ou o Tessin. E, sen dúbida, visitar Xenebra, Zürich e a capital Berna. De momento non se lle pasou pola cabeza volver, pero, como afirman moitos dos nosos entrevistados para esta sección di que ”nunca se sabe o que che depara o futuro”. Pensa que a calidade de vida en Suíza é magnífica e hai moitas posibilidades de cambio, “que é o que penso aproveitar”. Ten que agradecer a oportunidade de aprender tres linguas máis, algo que considera moi importante, e que sabe que lle pode abrir moitas portas neste país. “Aconsellaría a todo o mundo visitar Suíza, é un país fantástico”.

Compartir artigo