Revista Punto

2018-10-08T09:05:56+00:00 Opinión

Eu quero ser topo

Román Aday
Román Aday2 Outubro, 2018
Eu quero ser topo

Non hai mellor tema que un simple. Co seu desarrollo o seu nudo e a súa conclusión. Claridade meridiana e un público satisfeito. É a mellor forma de facer isto. Dicir “é aquí unha mesa” e que o auditorio asinta.

De feito, buscar cousas complicadas para falar ten bastante mala prensa. A xente foxe diso. Ten certo tufillo de intelectualidade da mala, de parvo fumando en pipa. É coma traer a colación temas e conflitos dos que ninguén se acordaba. Sentar cátedra, darse ínfulas, pensarse mellor ca os demais.

Un tema moi simple pode ser o de que comer verduras todos os días é boa cousa. Digo a frase e teño o respaldo médico e nutricionista necesario para que todos estean de acordo comigo. Asunto arranxado. Pero, nesta postmodernidade nosa, as cousas, incluso as simples, deixaron de selo.

Supoñamos que eu digo, efectivamente, que hai que comer verduras de forma diaria. Sería fácil que alguén se puxera a mirar estadísticas e encontrase que unha gran parte da poboación non pode permitirse esa dieta. Que as leitugas non son tan baratas coma o son aquí. Que non se cultivan igual no Gobi.

Da mesma forma, é lexítimo ver aí unha especie de imposición gastronómico-cultural. Unha obriga que outras culturas non tiñan rexistrada. O imperio da verdura. Tamén poden sospeitar do sistema médico europeo, que rexeita directamente os modelos de saúde tradicional de Oriente, comerán en Oriente cinco pezas de froita ao día? E verduras dabondo? Vaite ti saber.

Tamén poden dicir que a produción de verduras dáse nos países Europeos. Que somos nós os que esixen esa exportación. Que é todo un sistema enormemente lucrativo que pouco ou nada ten que ver coa realidade. E outros dirán que iso é de veganos, que é absurdo, que mellor a carne, o porco, o criollo.

Chegados a este punto, se as verduras son boas ou non o son é case o de menos. A cousa é: a quen favorecen? Quen sae gañando con que eu coma san? O meu corazón? As industrias? O capitalismo europeo? Todo isto está en órbita, afástase cada día máis. As preguntas poden ser inocentes, ou parecelo, pero o seu desenvolvemento non o é. Non hai que ter sensibilidade para falar, hai que ter intelixencia e non facelo.

Os ánimos están alterados. Buscarei unha esquina libre afastada de todos. Comerei mirando cara ao prato, en silencio. No centro do comedor estarán a berrar, a cuestionarse, a rebaterse. Voarán as leitugas e os apios. Unha batalla campal. Que non me vexan desfrutar do meu prato. Mirarei o móbil ao comer, fareime o distraído, finxirei ser parvo, e todo mentres penso en que non hai tema máis complicado ca un simple.

Compartir artigo