Revista Punto

2018-10-05T08:59:43+00:00 Galegos polo Mundo, Rexión

“Estou vivindo unha transformación persoal enorme”

Con estas palabras resume Miño Guerreiro Rodríguez a súa experiencia en Honduras, onde reside actualmente como beneficiario dunha beca PCR da oenegué Enxeñería Sen Fronteiras Galicia.
Paula Vázquez
Paula Vázquez2 Outubro, 2018
“Estou vivindo unha transformación persoal enorme”
Con estas palabras resume Miño Guerreiro Rodríguez a súa experiencia en Honduras, onde reside actualmente como beneficiario dunha beca PCR da oenegué Enxeñería Sen Fronteiras Galicia.

A sección de Galegos polo Mundo deste mes aterra xusto no corazón de Centroamérica, en Honduras, un país pouco coñecido pero cheo de secretos por descubrir.  Miño (30 anos) é de As Pontes (A Coruña) e estudante de Enxeñaría de Camiños na Universidade da Coruña. Así mesmo, desde o 2012 é voluntario en Enxeñería sen Fronteiras Galicia, asociación independente sen ánimo de lucro baseada no voluntariado que busca construír unha sociedade mundial xusta e solidaria mediante a Cooperación para o Desenvolvemento. “Este ano, ao deixar a Presidencia da asociación, decidín presentarme á convocatoria da beca Programa de Coñecemento da Realidade (PCR) para unha estancia en Honduras”.

O obxectivo principal desta beca PCR é que persoas participen en programas de Cooperación Internacional para achegarse á realidade doutros países, sendo  testemuñas directas das desigualdades que existen, e xerando coñecementos que permitan afondar na causas das mesmas. Así, Miño participa nun proxecto financiado polo Concello de Santiago de Compostela para a xestión pública da auga con transparencia e rendición de contas  no municipio hondureño de El Triunfo.

“O rural, onde estou asentado, recórdame moito á realidade galega que vivín de cativo”

Está en Honduras desde agosto e, aínda que nun principio conta que chegou algo marcado polos prexuízos que hai a nivel internacional, “sendo un dos países con Estado con maior conflitividade”, polo de agora Miño non se atopou con nada que realmente lle impida levar unha vida ‘tranquila’ no país centroamericano, se ben é certo que as diferenzas culturais son bastantes: “Aínda que no rural, onde eu estou asentado, recórdame moito á realidade galega que vivín de neno, o cal fixo que, nese sentido, a adaptación fose fácil”, relata.

Unha das cousas que máis lle impresiona a este galego é o ambiente familiar e acolledor do municipio de El Triunfo, no departamento de Choluteca, no que di que é fácil tecer relacións. “Un urbanismo en cuadrícula, típico das Américas, sen asfaltos… Mais cunha actividade moi alegre e auténtica”, conta. Mais se tivera que dicir o que máis lle sorprendeu ate o momento de Honduras, Miño quédase “co instinto de supervivencia do pobo garífuna, que visitamos hai unhas semanas nos Cayos Cochinos. Tiñan unha comuñón coa terra difícil de describir”, engade. Así, ademais dos Cayos Cochinos, tamén recomenda visitar a cidade de Tegucigalpa, o municipio de Amapala –sitio tranquilo e con xente acolledora- e as cidades da Tela ou La Ceiba, así como a illa de Roatan ao norte de Honduras.

En canto á adaptación, as principais dificultades coas que se atopou Miño foron o clima e poder levar unha hixiene persoal axeitada, problemática importante no país: “Sendo eu unha persoa que pode saír en camisa curta no inverno do meu pobo de As Pontes, o calor foi algo que me afectou bastante ao principio. O organismo ten que adaptarse aos procesos, tanto físicos coma mentais”. Tamén lle custou o idioma, algo a ter moi en conta para o galego, xa que el non fala castelán de xeito habitual en Galicia. “E aínda que o falase, o idioma ‘catracho’ e as expresións son abondo diferentes ao español”, sostén.

Fai un balance totalmente positivo da experiencia e, aínda que nun principio retornará á terra a comezos do mes de novembro por temas administrativos, afirma que lle gustaría moito volver. “Estou vivindo unha transformación persoal enorme, ademais de achegarme á realidade dun pobo que ten afrontar dificultades tremendas… pero fano con alegría e con vontade de saír adiante”. Miño conta, tamén, que alí os ritmos son máis lentos e que non hai tanto estrés como hai en Europa, o que “favorece moito os procesos mentais e a ser máis consciente das cousas que verdadeiramente importan”. Por todo isto, aconsella coñecer calquera outra cultura do mundo: “Ás veces parece que o ‘mundo occidental’ é unha burbulla, pero fóra del existen outras moitas realidades que merece a pena coñecer, e que son tan válidas coma calquera”.

Compartir artigo