Revista Punto

2018-05-11T09:00:28+00:00 Opinión

“Espabilados”

Cinema
Pablo Dorado
Pablo Dorado
8 Maio, 2018
“Espabilados”

A película Streetwise nace dunha reportaxe fotográfica da muller do director, Cheryl McCall, que quería amosar como a pobreza e a miseria tamén estaban presentes nunha das cidades máis acomodadas de América nese momento, Seattle. Despois de contactar con varios adolescentes sen fogar, Martin Bell segue as súas vidas durante varios meses aínda que centrándose en Tiny, unha prostituta de catorce anos que vive intermitentemente coa súa nai alcólica.

Que nos Oscar do ano 1985 decidirán premiar como mellor documental The Times of Harvey Milk seguramente marcou o futuro dunha das súas competidoras, Streetwise (1984) de Martin Bell. De gañar, non creo que a película tivese que agardar case trinta anos a ser remasterizada desde as escasas copias en VHS que aínda circulaban. Tamén, probablemente tivese moita máis difusión xa que en moitos países como España nunca foi estreada. Grazas ao Festival Internacional de Documentais Play-Doc de Tui finalmente tivemos a oportunidade de ver esta pequena xoia en pantalla grande.

A película nace dunha reportaxe fotográfica da muller do director, Cheryl McCall, que quería amosar como a pobreza e a miseria tamén estaban presentes nunha das cidades máis acomodadas de América nese momento, Seattle. Despois de contactar con varios adolescentes sen fogar, Martin Bell segue as súas vidas durante varios meses aínda que centrándose en Tiny, unha prostituta de catorce anos que vive intermitentemente coa súa nai alcólica.

Malia que é un tema moi dado ao sensacionalismo e ao melodrama, aquí tódalas personaxes son mostradas con respecto e honestidade. As imaxes máis duras son apenas insinuadas xa que a proposta visual do director é moito máis luminosa e ofrece momentos de auténtica beleza desas coma Rat patinando entre as luces e sombras que atravesan o corredor do hotel abandonado no que vive sen subministración ou el mesmo explicando por que lle gusta saltar mentres o seu corpo recentemente saído do mar desprende vao.

Iso non quere dicir que non sexa dura, todo o contrario. Streetwise normalmente tradúcese como “espabilado” e realmente impresiona oílos falar do xeito que o fan, poden chegar a parecer adultos pola tranquilidade coa que expresan opinións sobre o aborto, contan experiencias con enfermidades de transmisión sexual ou planean roubos, malia que en cada escena na que interactúan coas familias queda claro que non son máis que nenos buscando o que tódolos nenos, cariño.

Supoño que aí está a clave da franqueza do material que recolleu Bell, todos eses intres de tanta intimidade só poden ser explicados por esa necesidade de atención. Outro dos grandes acertos da película é que non sinala nin xulga aos pais e nais porque ao final están tan perdidos coma os protagonistas e non poden facer máis que observar con resignación como van cometendo os mesmos erros, cando non peores, que os levaron a perder eses fillos. Por último, a breve participación de Tom Waits na banda sonora é outro motivo para ver esta marabilla do cine documental que, independentemente dos premios, merece que non pasen outros trinta anos para que poida ser exhibida de novo en Galicia.

Pablo Dorado

Tudense exiliado na cidade de Bernard Shaw. Paso o tempo vendo moito cine, lendo e, ás veces, ata escribo sobre iso.

Compartir artigo