Revista Punto

2018-11-21T20:28:53+00:00 En Destaque, Teatro

“Para poder rirte de calquera cousa, primeiro teste que rir de ti mesmo”

Entrevista a Xosé Antonio Touriñán
Paula Vázquez
Paula Vázquez2 Outubro, 2018
“Para poder rirte de calquera cousa, primeiro teste que rir de ti mesmo”
Entrevista a Xosé Antonio Touriñán

Xosé Antonio Touriñán e Carlos Blanco presentaron  no FIOT carballés ‘Somos Criminais’, un espectáculo no que os dous actores galegos analizan e dramatizan crimes autóctonos en todas as súas variables. Falamos con Touriñán (Culleredo, 1980), quen á hora de facer balance sobre a súa carreira non dubida en afirmar que este “é moi superior ao que eu agardaba ou podería soñar. É moi, moi superior”, insiste. Tras dar vida a Paquito Charlín na exitosa serie Fariña, o humorista culleredense, ao que todos gardamos na memoria como Mucha das Cantareiras de Ardebullo, atópase inmerso na gravación de dúas series nacionais en Madrid, traballo que compaxina coa súa participación semanal no Land Rober, a segunda volta de Somos Criminais e os monólogos de Manolo Lojo. “Estou a tope, moi feliz. Jodido, pero moi contento”, di.

Moitos coñecemos a Touriñán por primeira vez como Mucha das Cantareiras de Ardebullo. Mais daquela non vos dedicabades a isto, ti ías para filólogo galego… Como xurdiu a idea deste dúo humorístico xunto a Marcos Pereiro?

Estudei Filoloxía Galega e Portuguesa mentres Marcos estudaba Fotografía Artística. Nese tempo faciamos teatro xuntos na Universidade Laboral do Burgo e un día, fai dezaseis anos, o noso amigo Peter de Carral, que tiña un bar, propúxonos montar algo para o día das Letras Galegas.  E sen querer, nunha festa de cumpreanos, seguramente miña ou de Marcos, xurdiu a idea de facer Mucha e Nucha, unhas cantareiras que facían versións de temas actuais. Aquel ano Rosa ía a Eurovisión con Europe’s living a celebration e foi o noso primeiro hit, o primeiro tema que compuxeron as Cantareiras de Ardebullo dicindo que era seu. Así foi como empezamos.

Despois de Mucha, viñeron máis personaxes. Levas a conta de todos eles?

Non teño nin idea de cantos personaxes levo. Despois de Mucha viñeron todos, pero a máis importante foi ela. Foron moitísimos. Xa en Luar, antes de que saíran Mucha e Nucha, fixen moitos… despois en Era visto!, nos especiais que facíamos polo Nadal, e en Land Rober agora. Non sei cantos poden chegar a ser, habería que contalos un día, pero iso déixovolo para vós, para os xornalistas e para a xente que investigades sobre nós. Gustaríame saber cantos personaxes fixen ao longo da miña carreira!

“Mucha está no altar de todos os personaxes que fixen”

Humorista, presentador, actor de cine, teatro e televisión… Xa son moitas actuacións en diferentes formatos. A que show lle gardas especialmente cariño?

Mucha está no altar dos personaxes e todo o que facía con Marcos naquelas primeiras actuacións en bares diante de moi pouca xente. A todo iso gárdolle moito cariño, a todos eses shows en locais máis pequenos que apostaban por facer monólogos, comedia…ao tempo que se vendían cubalibres!

Seguramente as primeiras veces de case todos son as que máis recordas. A obra de teatro  Amigos ata a morte foi espectacular, con Ledicia Sola, David Amor e Javier Veiga, quen nos dirixía. Esa xira é algo que recordarei sempre porque o pasamos moi ben.

Tamén están os directos… Gardo un recordazo incrible cando vin a estrea de Fenómenos no Festival de Málaga. Recordo que lle comentei a quen tiña ao meu lado, que era Ledicia, que non quería que se me borrase esa sensación, cando vin que a xente se viraba cara nós a aplaudirnos. Sentín esa cousa que che corre así polo estómago cara arriba. Supoño que é o que engancha desta profesión.

Hai un par de anos das un forte salto á televisión nacional.  Primeiro como monologuista en El Club de la Comedia e, agora, como actor na serie Fariña. Como xorde a túa participación nestes dous proxectos?

Para o Club de la Comedia chamáronme unha, dúas ou tres veces e eu non o entendía moi ben porque a min a nivel nacional non me coñecían, nin tampouco me vía eu con cousas para contar, nin cun monólogo ao estilo de El Club de la Comedia… Pero un día animeime. Fíxeno, e a verdade é que saíu ben, e o que veu de volta foi todo moi chulo.

En canto a Fariña, souben que ían vender os dereitos do libro para facer unha serie, compreino e lin a historia. Había moitas cousas que non sabía e outras moitas xa me soaban de sempre, pero desde ese día dixen ‘Quero estar’.  A miña primeira proba foi para Paquito Charlín. Non me parecía que puidese ser o meu personaxe, porque era moi distinto ao que sempre fixera. Pensei que non mo darían polo tema de facer de malote, de baboso e de mala xente…Estrañábame, porque adoitan ver en min cousas de buenazo e de tontorrón, aínda que este era bastante tonto tamén!  Fixen outras probas para outros personaxes, pero o final resultou que lles gustei para Paquito Charlín.

A gravación de Fariña foi un período marabilloso. Estabamos desexando que chegaran os días que tocaba gravar porque xa se respiraba que estabamos facendo algo importante e, sobre todo, moi chulo. Estábase poñendo todo de parte de todo o mundo. Pola miña parte, creo que o resultado é excelente.  É unha serie que seguramente pasará a historia xa que cambiou moitas cousas na ficción deste país. Ata ese momento Fariña parecíanos, a todo o equipo, unha serie moi dura e demasiado escura para poñer en Antena 3. Non nos pegaba moito. A verdade é que, ás veces, é un misterio, pero cando as cousas se fan ben da igual en que canle o emitan… A priori parecía unha serie que para Netflix ou para HBO, para a xente máis consumidoras dese tipo de xénero… Pero foi marabillosamente ben, e segue sendo marabilloso o que vén de volta de Fariña.

“Co personaxe de Paquito Charlín deixeime levar”

Acostumado a personaxes cómicos. Foi fácil encarnar á familia dos Charlíns?

Non sei se foi fácil a familia. Con Paquito Charlín deixeime levar.  É un personaxe que non existe na realidade. Está baseado nas historias que contan sobre os fillos de Manuel Charlín, pero é un personaxe que se construíu case de cero. Carlos Sedes tíñao moi claro e eu fun por onde el ía marcando. Estou moi contento co resultado.

E sen deixar de lado o mundo das drogas, pero xa en clave de humor, xorde ‘Criminais’ xunto a Carlos Blanco. Sabemos que a idea do nome propuxéchela ti. Que sentido ten para Touri a palabra criminal?

Criminal ten ese dobre sentido, polo menos en Galicia e na miña zona. Criminal é para o bo e para o malo. A min téñenme dito moitas veces:  “Joder Touriñán, eres criminal”. No sentido bo, das cousas que che saen, do que nos fas sentir e canto me fas rir. Iso é co que eu me quedo para o título do que fixen con Carlos Blanco, que foi un enorme pracer. Traballar co mestre. É o máis grande enriba do escenario no noso país. Agora mesmo é o tipo máis exitoso, o que máis xente leva ao teatro, e traballar con el é un placerazo.

O espectáculo debulla a criminalidade que temos os galegos, desde os crimes por herdanza ao narcotráfico. Trátase de rirnos nós mesmos da nosa propia idiosincrasia?

Sempre entendín que para poder rirte de calquera cousa, primeiro tes que rir de ti mesmo. Eu entendo así a comedia. Se non sabes rirte de ti, mal te podes rir dos demais e facer humor.

Na anterior xira a expectativa ante o espectáculo foi verdadeiramente ‘criminal’, con entradas esgotadas tan pronto saíron á venda. Contabades con tanto afán?

É certo que a min no me ía mal nos meus espectáculos e Carlos estaba enchendo en todos os lugares por onde pasaba, así que contabamos de que fora ben pero o certo é que superou con moito as nosas expectativas e , sobre todo, os ritmos de venda. Quero dicir, ter vendidas quince mil ou vinte mil entradas antes case de saír o cartel, antes de saber como ía ser o espectáculo, sabes? Nós anunciamos, empezamos a vender, tiñamos unha idea de espectáculo, tiñamos un texto… pero non tiveramos ensaios, non sabiamos como ía ser a escenografía, non sabiamos como ían ser as luces…  E xa estaba todo esgotado, todo vendido! Ó final foron trinta mil entradas na primeira volta!

E o que está a pasar nesta segunda volta xa é criminal outra vez porque sacamos as entradas coas datas moito máis apretadas e estanse vendendo,  tamén, a un ritmo espectacular. Non é unha cousa normal, que non sabes explicar moi ben, o cariño que vén de volta da xente… Nós o que intentamos é divertir á xente e divertirnos nós. Conseguímolo. E encima enchendo en todos os lugares. É marabillosísimo.

Despois de máis dunha década facendo rir ao público. Cal é o balance? Non te cansas?

Creo que estou facendo as cousas medianamente ben. Hai cousas nas que acertei máis e noutras menos, pero desas foi das que máis aprendín sempre. Creo que o balance é moi superior ao que eu agardaba ou podería soñar. É moi, moi superior.

Hai días que ao mellor non teño ganas de rir e ata non teño ganas de facer rir, que é peor que non ter ganas de rir por cousas da vida. Pásanos tamén, cánsome, cansámonos, calquera se cansa de facer o seu traballo pero é saír ó escenario, ver á xente, as risas, os aplausos…  E ese cansanzo case sempre se esquece, aínda que sexan os peores días ou non leves ganas de actuar nin de traballar.

“Os que máis me fan rir do mundo son Andrés e Antía, os meus fillos”

Por curiosidade. Quen te fai rir a ti?

Fanme rir moitos dos meus amigos, sobre todo Marcos Pereiro, Federico Pérez, David Perdomo, David Amor, Javier Veiga, Quico Cadaval, Carlos Blanco… Unha chea de xente! Pero os que máis me fan rir do mundo son Andrés e Antía, os meus fillos.

E se falamos de futuro, hai algo novo no que xa esteas traballando?

Un montón de cousas que oxalá tivera tempo para facelas todas. Agora mesmo estou con Land Rober; a segunda volta de Somos Criminais; rematando xa despois de, non sei cantos anos levo… con Manolo Lojo . Agora terei que montar un espectáculo novo, de monólogos.

Ademais, estou gravando dúas series en Madrid. Unha serie para Amazon e Atresmedia, que é unha comedia romántica, aínda que o romanticismo non vai moito co personaxe que fago na serie, pero sí é unha comedia. E outra comedia para Movistar+, así que estarei en Madrid ata decembro, e a verdade que teño un papel importante dentro da serie de romanos, onde vou traballar con xente moi importante da comedia a nivel nacional. Estou a tope, moi feliz. Jodido, pero moi contento!

Compartir artigo