Revista Punto

2018-11-21T10:36:58+00:00 Cultura, En Destaque, Música

“Sentín que necesitaba poñerlle música a todo o que me estaba acontecendo”

Fotos: ©Miguel Vidal.
Paula Vázquez
Paula Vázquez6 Novembro, 2018
“Sentín que necesitaba poñerlle música a todo o que me estaba acontecendo”

Susana Seivane Hoyo (Barcelona, 1976)  vén de presentar o seu quinto e ambicioso proxecto, FA, un dobre disco no que a gaiteira galega fai unha profunda reflexión sobre as sensacións producidas durante o embarazo e a posterior maternidade dos seus dos fillos, Fiz e Antón.

FA é moito máis ca unha nota musical. Está inspirado na maternidade dos teus dous fillos. Como xorde a idea?

Logo de coñecer que estaba embarazada do meu primeiro fillo, Fiz, entrei nun momento de inspiración que non tivera antes. Sentín que necesitaba ‘musicalizar’ todo o que me estaba acontecendo de maneira tan forte.

Foron oito anos de silencio discográfico. Porque esta tardanza?

Si, foron oito anos nos que afortunadamente non deixei de traballar ata que tiven que coller en ámbolos dous embarazos a baixa, ter os dous partos, ademais de dúas recuperacións. Como dicía, estiven de xira todos os anos menos nos que naceu Antón, que foi en agosto (aínda que ese ano fixemos xira de inverno), gravei discos como artista invitada doutros artistas, estiven en proxectos na televisión, sacamos un DVD dun concerto en directo moi especial nas festas de María Pita con colaboradores chamado “Susana Seivane e amigos”… É dicir, que traballar, seguín traballando.

Trátase de novos ritmos que imprimen modernidade á tradición. Foi fácil esta evolución?

A verdade é que si porque foi moi natural. Digamos que ao longo de todos estes anos fun atopando o son que me gusta a través dos concertos en directo, que é onde os artistas máis aprendemos e experimentamos para chegar ao que nos satisfai realmente. Así que foi moi fácil, é o que me saía de dentro e o que me apetecía facer.

“’Sabendo miradas’ é o tema que máis me remove por dentro cada vez que o escoito ou o toco en directo”.

Tocas temáticas universais como o amor superlativo, o medo, a inseguridade ou a felicidade absoluta. Destacarías algún tema en concreto?

FA vai acompañado dun libro no que conto a miña historia vital, cousas que nunca contei, sentimentos bos, malos, vivencias, experiencias, etc. Destacaría un tema que me remove moito por dentro cada vez que o tocamos en directo ou cada vez que o escoito. Chámase “Sabendo miradas”, unha canción con tres partes diferenciais: na primeira parte quixen reflexar as últimas semanas dos embarazos, como as vivín e o que sentía. Trátase dunha parte bonita melódica e harmonicamente falando, moi evocadora na que a gaita vai apagándose pouco a pouco, querendo reflexar así a realidade, ese momento no que xa non puiden tocar porque o diafragma xa estaba demasiado comprimido; a segunda parte reflexa o momento máis duro, o das contraccións, tiven partos moi dolorosos e longos, con berros, ouveos, respiracións moi fortes e cunha melodía que se vai endurecendo xunto cun tratamento instrumental que pouco a pouco vai rematar nunha loucura de sons eléctricos, con moita forza e un pouco caótico; e a terceira parte do tema é o nacemento, onde xa non sufro, a melodía volve ser preciosa, nese momento recuperei dous sons moi especiais: o latexo de Fiz en xestación e o primeiro choro de Antón ao nacer. Así remata, co nacemento dos nenos, eu rota de dor e de amor, a gaita volve soar tímida, feliz, moi emocionada e conmocionada porque por fin lles coñecín as miradas aos meus nenos, por fin nos “soubemos as miradas”.

Comezaches a tocar a gaita desde cativa. Como definirías a túa evolución artística?

Os primeiros discos eran máis tradicionais, non me refiro á miña maneira de interpretar ou á miña técnica, que segue sendo máis ou menos a mesma, refírome aos instrumentos acompañantes. Desde sempre quixen darlle á miña música máis forza con outros instrumentos como a batería ou o baixo eléctrico e, tamén, máis cor fusionando con outros estilos de música que me gustan como o jazz, funky ou rock. Polo que foi unha evolución querida e natural.

“A música tradicional está ben en canto a talento, pero é mellorable en canto a apoios”.

Descendente de familia de gaiteiros. Como ves a situación actual da música tradicional galega?

Ben en canto a talento, pero mellorable en canto a apoios. Non podemos perder nin deixar de expandir o único que nos fai diferentes como pobo, as nosas tradicións, a nosa lingua, a nosa música e, en xeral, a nosa identidade. Así, vexo que hai moitos nenos que comezan a tocar a gaita a idades moi novas, e iso é moi interesante e significativo. Se achegamos a cultura aos nosos pequenos estamos facendo un gran traballo porque eles recíbena dunha maneira moi especial, séntena como súa. É verdadeiramente impresionante ver o que lles gusta! Cando vou aos coles flipo porque os nenos pequenos séntense moi atraídos pola gaita de forma natural, é un instrumento cuxo son remóveos dunha maneira moi fermosa.

Compartir artigo