Revista Punto

2018-10-04T09:22:54+00:00 Lifestyle, Radar

“Avogo pola especialización xornalística no mundo da moda”

Entrevista a Patricia G., Donkey Cool
Paula Vázquez
Paula Vázquez2 Outubro, 2018
“Avogo pola especialización xornalística no mundo da moda”
Entrevista a Patricia G., Donkey Cool

É un fenómeno en auxe e no que as marcas de moda atopan o seu mellor escaparate. Cada vez máis, internet está cheo de bloggers que proxectan a través das súas redes sociais as últimas tendencias no mundo da moda. Mozas que nos amosan diariamente en cada un dos seus blogs e redes de Facebook e Instagram o que debe levarse cada tempada, e como combinalo. Este é o caso da xornalista coruñesa Patricia García Lema (Corme, A Coruña, 1984), que desde hai cinco anos ten aberta a súa ventá virtual chamada Donkey Cool. “O meu consello é ser constante, facer o que che gusta, intentar interactuar todos os días cos seguidores e, sobre todo, pasalo ben!”, di.

Desde cando tes aberto o blog e porque?

Todo comezou o 1 de xaneiro do ano 2013. Nese momento traballaba no xornal Ideal Gallego como redactora de información municipal e de política local. Levaba tempo consumindo blogs de moda a todas horas (no meu tempo libre, mentres tomaba o primeiro café da mañá ou antes de durmir…). Gustábame moito o mundo dixital (mesmo fixen un posgrado de Community Manager no camiño), a moda e gozar descubrindo novas tendencias. Así que o día de Ano Novo, baixei á rúa co meu mozo, fixemos unhas fotos co móbil ao lado da casa de Amancio Ortega e así empezou todo. Ata hoxe!

De onde vén o de DonkeyCool?

Todo o mundo mo pregunta! Mentres estabamos na casa o día de Ano Novo pensando no nome que lle iamos poñer ao blog vimos un burro da roupa que temos. Pensamos nesa palabra, burro, e decidimos engadirlle ao final o de ‘cool’: donkeycool. De aí vén, do burro para a roupa. Co tempo foi derivando no animal, ao que lle teño moito cariño. Incluso hai xente que me etiqueta en fotos de burros cando os ve por aí.

Xornalista de profesión. Volverías atrás no tempo e formaríaste en algo relacionado unicamente co mundo da moda ou avogas pola especialización xornalística neste campo?

Avogo pola especialización xornalística no mundo da moda. Son licenciada en Xornalismo e defendo o Xornalismo como profesión. Se volvese atrás no tempo volvería a estudar o mesmo, pero o que si tería claro é que me centraría no mundo da moda moito antes. Iso si, completaría a miña formación con posgrados ou mestrados relacionados con este mundo; facendo moitas prácticas en empresas relacionadas coa moda e, por suposto, potenciando a miña marca persoal a través dun blog.

Ser influencer cámbiache a vida?

En certo sentido si porque agora todo xira entorno a este traballo. Cando baixo a tomar algo sempre penso en facer unha foto, cando viaxo sempre o planifico coa idea de compartilo despois no blog. Pero é un cambio que me gusta, que me obriga a estar sempre activa e creo que iso é bo.

Como é un día na vida de Patricia García? Fotos, publicacións en Instagram, traballo…

Os meus días comezan pola mañá, sobre as oito e media, e rematan as dez e media da noite cando subo a última foto do día ao Instagram. Normalmente teño previsto do día anterior o novo post que vou publicar no blog. Despois de tomar tres ou catro cafés (si, son adicta a cafeína, [ri]) póñome co ordenador a pensar os temas da revista YES de La Voz de Galicia, fago chamadas para programar as seguintes reportaxes para o xornal e respondo aos correos electrónicos. Sempre hai que facer algunha fotiño na casa e procuro aproveitar as mañás, cando entra máis luz. Logo sempre baixo á compra (cociño moito na casa), e pola tarde volvo outra vez ao ordenador para seguir editando fotos e preparando novas publicacións. Dedico moitas horas do día a camiñar pola cidade para encontrar novos locais que me gusten para fotos ou para reportaxes, así que é fácil cruzarte comigo pola Coruña. Iso si, vasme ter que saudar ti que eu son miope e non me dou conta! Ás tardes tamén vou a clases de inglés, e sempre hai algunha festa que é a oportunidade perfecta para quedar con outras amigas blogueiras. Xa pola noite encántame poñer música e buscar inspiración no Instagram ou en revistas.

Polo que vemos nas túas redes, as viaxes son constantes. Como organizas a roupa entre tantas maletas? Un truco para facela?

[Ri]. Xa me volvín unha experta en facer maletas! Aínda que pareza mentira sempre viaxo cunha maletiña de man e cunha mochila. Adoito preparar os looks antes de saír de viaxe: probo a roupa diante do espello e fago todas as combinacións necesarias para os días que vou estar fóra. Despois gardo a roupa na maleta facendo un rolo (como se fose un canelón) e aproveito todos os espazos. Por exemplo, meto calcetíns dentro dos ocos das zapatillas! Nunca levo por si a casos porque todo está pensado. E ata podo deixar un oco por se compro algo de viaxe.

Como consegues distinguir traballo de vacacións?

A verdade é que, como comentaba antes, non o consigo. Para min case todo é traballo. Sempre teño algún momento de desconexión, pero o bo e malo deste traballo é que che obriga a estar conectada permanentemente.

“A miña idea é publicar máis e de mellor calidade”

Moitas blogueiras xa deixaron de publicar no propio blog para centrarse unicamente no Instagram. Isto está nos teus plans?

Non, todo o contrario! A miña idea é publicar máis e de mellor calidade. Creo que Instagram está moi ben para consumo rápido, pero ao final é so unha plataforma máis na que estás suxeita ás súas normas, que cada vez son peores para a xente que, como min, non está disposta a pagar para promocionarse.

Falando de Instagram, cal é o segredo para facerse un oco e medrar en visitas e seguidores?

Cada vez é máis complicado destacar e chegar a máis xente polo famoso algoritmo de Instagram. As regras cambian constantemente para dar só visibilidade a aquelas persoas que gastan en publicidade ou teñen máis seguidores. Así que o meu consello é ser constante, facer o que che gusta, intentar interactuar todos os días cos seguidores e, sobre todo, pasalo ben!

“Unha das tendencias que máis se está vendo xa para o outono son os estampados animais”

Ás portas dun novo outono, cal é a tendencia para esta tempada?

Unha das tendencias que máis se está vendo xa para o outono son os estampados animais: leopardo, serpente, cebra… Tamén volve a pana, máis forte aínda que o ano pasado, os colores flúor e o marrón chocolate. Entre as miñas tendencias favoritas: as botas de montaña, estou desexando que baixen un pouquiño as temperaturas para poder levalas!

Fotos: ©DonkeyCool.
Compartir artigo