Revista Punto

Norberto López Amado

“Creo no cinema como ferramenta filosófica”
Jesús Silva Vilas
Jesús Silva Vilas5 Xuño, 2018
Norberto López Amado
“Creo no cinema como ferramenta filosófica”

Nado en Ourense e afincado dende hai anos en Madrid, Norberto López Amado (1953) é un dos directores máis polivalentes da industria audiovisual española. Capaz de enfrontarse con solvencia a todo tipo de proxectos, xa sexan películas independentes (La decisión de Julia) documentais (¿Cuánto pesa su edificio, Sr. Foster?) series de televisión (El príncipe; El tiempo entre costuras) ou grandes producións cinematográficas.

Este é o caso de El cuaderno de Sara, unha das películas españolas de maior éxito no que vai de ano. A súa última obra como director relata a emocionante historia de Laura, interpretada por Belén Rueda, que viaxa ata o Congo en busca da súa irmá Sara (cooperante española desaparecida en estrañas circunstancias). O que en principio podería parecer unha simple historia de aventuras presenta un contexto cunha gran carga social: os periplos de Laura no continente africano están fortemente conectados coa actual crise do coltán. A película pretende chamar a atención sobre as tráxicas circunstancias que rodean a este prezado mineral, moi popular en todo o mundo debido ao seu emprego na fabricación de aparellos electrónicos. Norberto López Amado fala sobre os motivos que o levaron a rodar esta película, fai un repaso á súa carreira e comparte connosco algunhas das súas reflexións sobre a sétima arte.

Un dos aspectos que máis se destacou da cinta foi a calidade da súa factura técnica, comparándoa con producións de Hollywood.

Tanto eu coma os produtores tiñamos claro dende o principio que queriamos rodar a película en África. Por unha banda sabiamos que iso aportaba realismo, e por outra permitíanos abrir espazos escénicos diferentes ao que vemos habitualmente no cine español. O feito de rodar alí xa era un valor engadido. Creo que isto é o que achega a película a esa industria americana que todos imaxinamos, que non ten ningún complexo á hora de abordar todo tipo de proxectos en calquera parte do mundo. Trátase de abrir fronteiras e demostrar que o cine español pode contar historias internacionais e á vez lograr unha gran factura técnica, o cal xera moitas expectativas no público. Podemos facer películas cunha amplitude de miras moito máis grande. Ademais foi unha película que funcionou moi ben en billeteira, acadando case 5 millóns e medio de euros. Cumpriu as expectativas que tiñan os produtores, e eu como director estou moi contento.

Como chegas a dirixir esta película?

Este é un proxecto que a min me ofrecen dende Mediaset. O primeiro que me preguntaron foi se sabía o que era o coltán. Nese momento eu non estaba moi posto no tema así que levei a cabo un traballo de investigación moi intenso. Informeime ao respecto e traballei de xeito conxunto co guionista da película, Jorge Guerrica Echevarría. Finalmente fixemos unha viaxe de localización a África onde realmente nos puxemos ao día coa situación. Alí coñecemos a nenos soldado e estivemos falando con distintos cooperantes e xente da ONU, que nos explicou de primeira man os problemas que se viven no territorio. O Congo é un país especialmente perigoso, a inseguridade persoal é tremenda e puidemos comprobar que o conflito é moito máis próximo do que imaxinabamos. Parecíanos moi poderoso poder falar deste tema na película, coa intención de axudar a reformularnos decisións que parecen tan simples e inofensivas como o feito de cambiar de teléfono móbil.

“Trátase de abrir fronteiras e demostrar que o cine español pode contar historias internacionais e á vez lograr unha gran factura técnica, o cal xera moitas expectativas no público”.

Norberto López Amado e Belén Rueda durante a rodaxe de “El cuaderno de Sara”. © Manolo Pavón.

Como se desenvolveu a rodaxe?

Aínda que non o pareza, a realidade é que rodamos con relativamente poucos medios. A película gravouse en oito semanas, cinco en África e tres nas Illas Canarias. Ao principio tiñamos moitas dúbidas con respecto ao rodaxe en África, sobre todo polo tema da seguridade. Non sabiamos se sería posible dispoñer dos medios que necesitabamos para o proxecto, pero finalmente decidimos asumir certo risco e apostar por gravar alí. Aínda que non tivésemos todos os medios técnicos o feito de rodar alí achegábanos á verdade da historia que queriamos contar, e para min era moi importante que a película tivese ese punto de veracidade. Unha vez que viaxamos ao Congo e vimos todos os conflitos que alí se viven parecíanos moi inxusto utilizalo só como fondo na película. O que realmente nos interesaba era contar o que está pasando alí: o tráfico do coltán e a cantidade de xente que está morrendo por culpa da ambición que rodea a este mineral.

Foi difícil manter o equilibrio entre a trama da película e o tema de fondo?

Un dos problemas que tiven á hora de armar o proxecto era precisamente atopar esa harmonía. Non quería que a película quedase soamente nun proxecto comercial, porque para min era moi importante o contexto. Tampouco hai que esquecer que se trata dunha película para Mediaset, e eles loxicamente queren que a xente vaia ao cine a vela. Non estabamos facendo unha película independente, se non que por detrás tiñamos todo un aparello de produción moi poderoso. Con todo, pola súa banda tamén había moito compromiso co tema, o cal me sorprendeu gratamente. Eles querían contar unha historia accesible para todo o mundo, pero que tamén tivese un pouso máis profundo. Para min esa foi a chave que me permitiu contar a historia dende o enfoque que a min me interesaba, dende o lado da verdade. Sabía que tiña que conseguir esa harmonía para que no quedase todo nunha simple película de aventuras sobre unha muller que vai a África. Interesábame moito contar que lle pasaba a esta muller, por que facía esa viaxe. Durante a nosa estancia en África atopámonos con moitas Saras, cooperantes de todo o mundo con diferentes motivacións. Hai moita xente comprometida coa utopía dun mundo mellor, e gústame moito que o cinema poida contribuír, aínda que sexa un pouco, a poñer sobre a mesa conflitos que doutra forma pasarían desapercibidos.

Outro aspecto moi eloxiado foi a elección dunha personaxe feminina nun rol tradicionalmente interpretado por homes. Era unha aposta clara dende guión?

Dende o principio a historia concibiuse cunha protagonista feminina que ía en busca doutra muller. Barallouse a posibilidade de que fose a súa filla, pero non acababa de convencernos a idea por iso pensamos na historia das dúas irmás. Sobre todo queriamos falar do conflito familiar que se xera ás veces en torno á figura do cooperante humanitario. Parece que as persoas que marchan a outro país para axudar aos demais teñen unha especie de aura de grandeza. Son as persoas que levan os eloxios, por así dicilo, mentres que os que quedan aquí son considerados máis covardes ou acomodados. A personaxe de Belén Rueda, por exemplo, queda na casa axudando ao seu pai, que ten alzhéimer. Cremos que os heroes son só aqueles que se van, pero hai moito valor e abnegación naqueles que se quedan, e moitas veces as familias sostéñense polo sacrificio compartido. Estas dúas irmás, coas súas dúas formas de ver o mundo, son para min un dos temas máis interesantes da película. Esta viaxe de entendemento entre as dúas mulleres parecíame o eixe motor da historia, a razón pola que me apetecía moito rodar a película.

Cales son os referentes principais da obra?

Para empezar vinme practicamente todas as películas ambientadas en África, e por suposto inspireime en moitas delas. A nivel literario un dos referentes máis importantes foi El corazón de las tinieblas, de Joseph Conrad. Outro autor que me influíu enormemente foi Kapuściński, porque ten unha forma realmente conmovedora de retratar África. De feito levei comigo o libro de Ébano, e non paraba de lelo durante a rodaxe. Hai outro libro que se chama Cineasta blanco, corazón negro, de Jesús Lens, que tamén me axudou moito. É un libro no que se fai unha análise pormenorizada de todas as películas ambientadas en África. Penso que é un referente para calquera ao que lle guste o cinema ambientado neste continente.

A nivel técnico, parece que a cámara sempre acompaña aos personaxes dunha forma moi íntima.

Xustamente ese foi un dos obxectivos que me marquei dende o principio. Eu quería que se vise África a través dos ollos dos personaxes. Non quería rodar de forma grandilocuente, nin ser pretensioso coa forma de narrar. Buscaba intentar transmitir a sinxeleza que hai alí, o ruído, a desorde, a vida nas marxes… África tamén ten un olor moi especial, pero como iso aínda non podemos captalo co cine, intentamos polo menos compensalo a través da fotografía.

“África tamén ten un olor moi especial, pero como iso aínda non podemos captalo co cine, intentamos polo menos compensalo a través da fotografía”.

Como foi o proceso de montaxe?

Foi unha montaxe moi laboriosa porque rodamos moito material. Unha das cousas que buscaba era representar África dunha forma realista. A maioría da xente que aparece na película non son actores, e nos lugares onde rodamos intentei sempre que a realidade que se captase fose real. Non quería que houbese ningunha intervención pola miña banda. O que fixen en montaxe foi intentar que prevaleza o punto de vista da personaxe de Laura (Belén), pero ao mesmo tempo que desapareza a posta en escena cinematográfica. Intentei que a cámara se notase pouco, que sempre estivese pegada á narración. Foi un traballo moi meditado co director de fotografía, co que decidimos rodar de maneira que eu logo en montaxe puidese borrarme o máximo posible.

Vendo a túa filmografía en perspectiva, cal cres que é o trazo común que unifica as túas obras?

Sempre me sentín fascinado polo universo feminino e as películas con mulleres protagonistas. Como director ofrécenme moitas posibilidades á hora de contar historias, e axúdanme a desentrañar algúns aspectos que para min son misteriosos. Se penso nas películas que me gustan, ou nas que me marcaron por algunha razón, as protagonistas son case sempre mulleres. Unha das miñas películas favoritas é La mujer del teniente francés, unha historia de amor con Meryl Streep. No caso de La decisión de Julia, unha película moi persoal que fixen de forma máis independente, o que me atraía era a historia e o tema que trataba. El cuaderno de Sara é unha película máis grande, feita por encargo para unha cadea, pero ambas teñen como eixe común a historia persoal dunha muller. En ambos casos asistimos a unha viaxe espiritual na que as protagonistas viven unha transformación interior. Pero por encima de todo creo que o que máis valoro do cine é que logre emocionarme, que me abra portas permitíndome atopar respostas a cuestións persoais. Creo no cinema como ferramenta filosófica para poder dar resposta a todas esas preguntas que nos facemos na vida. Paréceme que esa é a clave da arte en xeral.

Falamos principalmente de cine pero ti tamén traballaches moito en televisión. Que destacarías de cada formato?

Estou lendo un libro de Coppola no que precisamente fala das diferenzas entre o cine e a televisión. Por suposto o cine aparece primeiro e inventa unha forma de narrar, marcando as primeiras regras do xogo: a forma de rodar, a linguaxe cinematográfica… Cando chega a televisión esta herda os códigos do cine, pero a emisión é diferente. En televisión os contidos ofrecíanse de forma fragmentada por mor dos anuncios e a necesidade de patrocinios. Agora mesmo está ocorrendo unha cousa moi interesante, xa que coas novas plataformas dixitais a xente pode ver unha serie ou programa sen cortes. O contido destas plataformas pode verse con continuidade, e iso achegou a linguaxe do cine á televisión. Eu penso que hoxe en día case non hai diferenza entre unha forma de narrar e a outra. Os medios son practicamente os mesmos, e no caso de España os profesionais traballan agora de forma indistinta en ambos formatos.

Agora mesmo estás en plena preprodución, traballando en varios proxectos.

Efectivamente. Estou preparando unha serie para Mediaset, Warner e Netflix que se chama Brigada Costa del Sol, e que empezaremos a rodar en breves. Agora estamos coa preprodución, preparándonos para gravar este verán na zona de Málaga. En paralelo eu sempre estou desenvolvendo ideas persoais. Agora mesmo estou escribindo cun par de guionistas dous proxectos que me apetece moito facer. Un deles ten que ver coa terrible vaga de atentados que se produciron durante os últimos anos, principalmente relacionados co ISIS. Tamén terá unha parte moi teatral, relacionada cunha obra de Ibsen que a min me fascina chamada El enemigo del pueblo, e que en principio levará por título Viajando con Stockmann.

Hai algún proxecto que che apeteza contar ou ambientar en Galicia?

Agora mesmo estou preparando distintas ideas e proxectos de guión que me gustaría rodar aquí. Estou colaborando con Carlos Reigosa, un escritor galego que traballou durante moitos anos como xornalista, e que ten varias novelas ambientadas en Galicia. Estamos preparando xuntos un proxecto en particular que nos gustaría moito levar a cabo proximamente. A verdade é que estou desexando traballar na miña terra.

“Estou desexando traballar na miña terra”.

Norberto López Amado
Compartir artigo