Revista Punto

2018-06-14T10:39:40+00:00 En Destaque, Personalidades, Turismo

Nava Castro, directora de Turismo de Galicia

"Queremos seguir sendo referente do turismo tranquilo e de calidade”
Reyes Riveiro
Reyes Riveiro5 Xuño, 2018
Nava Castro, directora de Turismo de Galicia
"Queremos seguir sendo referente do turismo tranquilo e de calidade”

Nava Castro Domínguez é a directora da Axencia de Turismo de Galicia, organismo que se encarga de coordinar, planificar e impulsar o turismo na nosa comunidade. Nesta ampla entrevista fálanos, entre outras cousas, do potencial de Galicia como destino turístico, da competitividade do sector, do Xacobeo 2021 e dalgúns dos obxectivos e retos da axencia.

Como destino turístico, cales son os maiores atractivos que ten Galicia? Que é o que namora de Galicia a quen a visita?

Galicia está a demostrar ser atractiva por moitos e variados motivos. Quen nos visita interésase primeiro pola nosa natureza, despois pola nosa enogastronomía e nós ofrecémoslles experiencias diferentes para que coñezan, ademais, o destino ao completo. Para iso traballamos desde hai anos apostando por un modelo de turismo que poña en valor todos estes recursos que nos diferencian. Refírome aos nosos máis de 1.500 quilómetros de costa con 16 rías navegables durante boa parte do ano e máis de 800 praias de prestixio internacional, perfectas, en moitos casos, para a práctica de deportes como o surf e mesmo turismo de mergullo.

Xunto á natureza, a enogastronomía convértese no segundo motivo para visitarnos, con grandes atractivos como as nosas cinco denominacións de orixe vitivinícolas, a calidade das nosas materias primas, así como os numerosos profesionais da restauración, moitos deles recoñecidos coas máis prestixiosas distincións, como así o demostran os nosos 11 restaurantes Estrela Michelín ou os 37 Soles Repsol, que se suman ás nosas numerosas casas de cociña tradicional. E, por suposto, o Camiño de Santiago. Son cada vez máis os peregrinos interesados en percorrelo. O ano pasado foron máis de 300.000 e este é un dos nosos principais reclamos especialmente para os viaxeiros internacionais, que en 2017 supuxeron máis da metade dos peregrinos que chegaron a Galicia.

Facendo referencia ao ano 2017, como foron as cifras de turistas que acolleu Galicia? Rexistrouse crecemento con respecto a anos anteriores?

Efectivamente, en 2017 medrou o número de viaxeiros que recibimos ata convertelo no noso mellor ano ata o momento. Superamos por vez primeira na nosa historia os cinco millóns de turistas, pero sobre todo, tamén soubemos medrar en calidade. Conseguimos que os nosos crecementos máis intensos se rexistrasen nos meses fóra da tradicional tempada alta, dando así resposta ao noso obxectivo da desestacionalización.

Tamén conseguimos que os viaxeiros que recibimos quixesen quedar máis días con nós, cun incremento do 2,3% na estancia media. Ademais, convertémonos nun destino máis internacional. O número de viaxeiros estranxeiros incrementouse en preto dun 6% e os negocios vinculados ao turismo melloraron os seus resultados e rendibilidade, acumulando xa catro anos de mellora.

Cales son os xeodestinos favoritos escollidos?

Como dicía, o ano pasado Galicia demostrou que soubo crecer, pero tamén diversificar a súa oferta por toda a súa xeografía, como así o constatan os datos dos diferentes xeodestinos.  A área de Santiago de Compostela foi unha das zonas máis visitadas, pero tamén o foron lugares como a Ría de Arousa, que inclúe as vilas de Sanxenxo e O Grove; a Ría de Vigo e Baixo Miño e A Coruña-As Mariñas. Xuntos, estes xeodestinos representan máis do 60% do total da demanda hoteleira en Galicia. Sumado a eles, tamén foi salientable o comportamento turístico de zonas como Ancares-Courel, onde o número de noites nos establecementos hoteleiros medrou máis dun 40%, ou Deza-Tabeirós e a Ría de Muros e Noia, onde se rexistraron incrementos do 29 e do 20%.

“O ano pasado Galicia demostrou que soubo crecer, pero tamén diversificar a súa oferta por toda a súa xeografía”.

Sen dúbida, o Camiño de Santiago ten un papel esencial na visibilidade do turismo e da cultura galega no resto do mundo. Co Xacobeo 2021 máis cerca, cales son as principais accións que se levarán a cabo para a promoción e mellora do Camiño?

Levamos anos traballando de cara a esta cita, ata tal punto que podemos dicir que nunca antes se preparara con tanta antelación un Xacobeo en Galicia. Temos a vista posta no 2021 desde o ano 2015, cando puxemos en marcha o noso Plan director do Camiño de Santiago, a nosa folla de ruta coa que potenciamos a internacionalización da ruta xacobea, pero tamén a súa diversificación a través dos nove itinerarios por terra que percorren a nosa Comunidade.

Para iso, ano a ano, levamos a cabo tarefas de mantemento, iniciativas de dinamización sociocultural e de promoción e mesmo divulgación entre os máis novos de cada unha das rutas. Con máis da metade das actuacións do plan en marcha, xa actuamos no Camiño Francés, Camiño do Norte e Primitivo, Camiño Inglés e no Camiño de Fisterra-Muxía e este ano centrámonos no Camiño Portugués e na súa variante costeira. E, de xeito paralelo á posta a punto do Camiño de Santiago, tamén avanzamos a bo ritmo coa programación. De feito, a comezos deste ano se creou a Comisión organizadora do Xacobeo 2021 e tamén se reuniu xa o pleno do Consello Xacobeo no que se aprobou que Galicia presida un novo grupo de traballo para a promoción e difusión do Ano Santo. Con todos estes pasos, queremos que sexa o mellor Xacobeo da historia.

Como se augura a afluencia de peregrinos este 2018?

Este comezo de ano está a ser moi satisfactorio. Recibimos preto de 15.000 no primeiro trimestre, que viñeron de máis de 100 países diferentes e chegaron, ademais, de xeito moi repartido polos distintos itinerarios. É un claro exemplo do que tamén sucedeu en 2017 e confiamos en continuar esta tendencia porque, ademais, o Camiño de Santiago está a vivir un dos seus mellores momentos. Está a saber medrar de xeito ordenado e, como vimos de comprobar nos primeiros resultados dun estudo que emprendemos xunto coa Universidade de Santiago de Compostela constátase que, ademais, está a ser bo para a prosperidade de Galicia. Supón unha oportunidade de desenvolvemento para os concellos do rural galego, onde xera riqueza, contribúe ao mantemento da poboación e é un exemplo de sostibilidade.

“O Camiño de Santiago está a vivir un dos seus mellores momentos”.

Que factores son os principais problemas a encarar no sector turístico galego?

O sector turístico en Galicia está a avanzar á vez que aumentan as cifras de visitantes. O ano pasado, por exemplo, as tarifas hoteleiras medraron un 3%, algo que, sumado á mellora dos niveis da demanda e ocupación permitiulles incrementar os seus niveis de rendibilidade. E esta situación non é exclusiva do ano pasado, xa que os ingresos totais do sector hoteleiro galego levan subindo de forma consecutiva nos catro últimos anos. Son boas novas, pero sabemos que quedan retos por cumprir, polo que apostamos por continuar avanzando, sempre da man da calidade como queda reflectido na nosa Estratexia do Turismo de Galicia 2020, a folla de ruta coa que levamos traballando desde hai case un ano. Nela temos numerosas liñas dedicadas a este capítulo, porque queremos axudar ao sector a encarar estes retos afondando na súa profesionalización, na súa adaptación e incorporación das novas tecnoloxías, no seu coñecemento dos recursos turísticos e das ferramentas de xestión, e tamén no manexo de idiomas. Xunto a isto, seguimos a traballar pola desestacionalización e diversificación.

En Galicia, a oferta de eventos culturais, así como de turismo gastronómico e enolóxico é case incontable: xornadas, encontros, festas de interese nacional e internacional… Cales foron os que lograron un maior impacto turístico no territorio galego? E algo que nunca se fixo e que podería ter boa acollida?

O enoturismo e a cultura galega, xunto coa natureza, son dúas das principais fortalezas de Galicia e comprobamos tamén que se está configurando un mercado de gran interese vinculado a ambos recursos. De aí o éxito de experiencias como as Rutas do Viño, que permiten coñecer o potencial das nosas cinco denominacións de orixe vitivinícolas, ou mesmo os Trens Turísticos de Galicia, nos que algunhas das súas 11 rutas se aproximan ás contornas das nosas zonas con potencial vitivinícola. O ano pasado a ruta do tren da Ribeira Sacra esgotou os seus billetes e itinerarios como o do Ribeiro-Rías Baixas, Ribeira Sacra-Valdeorras ou Monterrei superaron o 70% de ocupación. Tamén foron moitas as visitas aos nosos recursos culturais, tanto os nosos cinco Patrimonios Mundiais como os case 700 Bens de Interese Cultural (BIC) ou as nosas preto de 140 festas de interese turístico autonómico, nacional ou internacional, entre outros moitos.

O modelo turístico galego traballa por poñer en valor cada un destes recursos que nos fan diferentes e por iso, na nosa Estratexia 2020 os temos moi presentes. De feito, estamos traballando xa en iniciativas como o Plan de Turismo Rural ou o Plan de Enogastronomía que porá especial énfase no vínculo coa tradición e cos elementos que diferencian e enriquecen a oferta turística galega, e o turismo cultural conta cun apartado especial con accións como o impulso da dimensión turística de museos e centros interpretativos, o desenvolvemento do turismo literario co deseño de roteiros específicos, ou o fomento do turismo cultural accesible, entre outras iniciativas.

En materia de transporte, que é necesario mellorar para unha maior competitividade de Galicia no sector turístico? Está freando o noso potencial?

Temos tres aeroportos que só o ano pasado moveron algo máis de 4,8 millóns de viaxeiros, un 7% máis que o ano anterior. E por mar chegaron preto de 350.000 cruceiristas, neste caso un 10,5% máis que o ano anterior. Esta mobilidade turística xa fai de Galicia un destino atractivo. Pero estamos preparados para dar un paso máis, coa chegada da alta velocidade que reforzará de xeito notable a competitividade da nosa Comunidade como destino. Será unha gran oportunidade para Galicia e especialmente para as cidades, permitindo mellorar a conectividade con Madrid e a meseta.

Vénse falando máis que nunca da necesidade dun turismo equilibrado e sostible. Cal é mellor forma de garantilo?

Galicia traballa día a día por ter un turismo sostible. E así o demostraron os datos que obtivemos o ano pasado cun crecemento sostido durante todo o ano, pero especialmente intenso fóra de tempada alta. Para garantilo, a responsabilidade de todas as administracións e do propio sector é non baixar a garda, manter a aposta por esta liña de traballo e mesmo incrementar os recursos destinados a estes fins.

Así o facemos desde a Xunta, pois dos 240 millóns de euros de orzamento da Estratexia de turismo de Galicia 2020, a paisaxe, os recursos naturais e a sostibilidade concentran o 37%; a potenciación dos valores diferenciadores, o 12%; a mobilidade turística, o 15%, e os Camiños de Santiago como dinamizadores, o 11%. É unha boa noticia que a sociedade sexa consciente dos beneficios dun turismo responsable, ordenado e ben planificado, como o que facemos na nosa Comunidade. Debemos buscar un equilibrio entre a actividade turística e a vida da poboación local. E en Galicia estámolo acadando.

A conservación do patrimonio e da natureza é primordial, non só como recurso turístico. Neste senso, considera que Galicia vai polo bo camiño?

Si, porque esa é, ademais, unha das nosas principais teimas, na liña da sostibilidade da que estamos a falar. A actividade turística está a ser un factor clave para a protección, conservación e posta en valor do noso patrimonio natural e cultural e desde o Goberno galego contribuímos a que así sexa. Facémolo, por exemplo, a través das nosas liñas de axudas para concellos e empresas privadas que afondan nestas cuestións. Dos preto de 6 millóns de euros que destinamos este ano ás liñas de axuda no seu conxunto, case a metade están orientadas á conservación e mantemento dos nosos recursos, xa que dedicamos 2,9 millóns a entidades locais para actuacións de mellora nas infraestruturas turísticas.

“Galicia traballa día a día por ter un turismo sostible”.

Nos últimos anos, deuse un incremento na cantidade de aloxamentos turísticos en Galicia. Pode supoñer isto unha problemática en canto á calidade da oferta?

Para dar resposta a isto, tan só basta con facer unha comparativa para comprobar que o incremento de aloxamentos turísticos en Galicia está indo parello ao aumento das oportunidades de desenvolvemento social e económico por toda a xeografía galega, o interior e a costa. A día de hoxe, Galicia ten case 163.000 prazas de aloxamento regrado distribuído en todas as tipoloxías. O 34% son prazas hoteleiras, o 19,8% son de campamentos turísticos, o 15,8% de vivendas de uso turístico, o 13% de pensións, o 7,9% de albergues turísticos, o 4,4% de turismo rural, o 4,1% de apartamentos turísticos e o 1% son vivendas turísticas.

Esta diversificación está a fortalecer a competitividade empresarial e, de feito, de xeito paralelo á incorporación das vivendas de uso turístico á oferta de aloxamento, o sector hoteleiro segue a mellorar, como comentaba antes. Os establecementos hoteleiros rexistraron en 2017 un 3,5% máis de viaxeiros e un 6,5% máis de noites. Xunto ao aumento da rendibilidade, os establecementos galegos tamén son referentes en calidade. Así o demostra por exemplo, o feito de que preto da metade dos servizos de turismo rural de España que contan coa Q de Calidade Turística estean en Galicia ou os máis de 70 hoteis galegos con esta distinción, que supoñen xa o 18% dos de España.

Como Directora de Turismo de Galicia desde 2013, cales considera que foron as súas principais achegas á labor da axencia?

Un dos aspectos máis salientables dos últimos anos é a posibilidade de ter feito realidade proxectos ilusionantes co noso compromiso e implicación e tamén a do propio sector. Ademais, é para min unha satisfacción poder comprobar que a nosa folla de ruta e os nosos retos se van cumprindo.

De cara ao futuro, e atendendo á Estratexia de Turismo 2020, que obxectivos procura a axencia? Que iniciativas son prioridade?

En Galicia traballamos para seguir acollendo viaxeiros, que cada vez sexan máis e que veñan dun xeito máis repartido xeográfica e temporalmente. E queremos seguir sendo referente do turismo tranquilo e de calidade. Na nosa Estratexia do turismo de Galicia 2020 as previsións indican que ata o ano 2020 producirase un incremento do 21,6% ata os 6 millóns de turistas, cunha subida tamén das pernoitas e un aumento do turismo estranxeiro. A Estratexia do turismo de Galicia 2020 tamén se interesa polo prezo medio por habitación e o grao de ocupación hoteleira, que está por debaixo da media. Polo tanto, aquí tamén hai unha marxe de mellora na que o sector está a traballar.

Son progresións realistas e sostibles. E se fixamos a atención no eido do turismo rural, podo dicir con orgullo que o ano pasado cumprimos o obxectivo, acadando en 2017 o nivel de ocupación previsto para 2020. Nunca antes este sector superara unha ocupación media do 20%, o que ademais mellora a marca de ata nove comunidades. Pero queremos continuar nesta liña. Por iso, entre as nosas prioridades deste ano está a elaboración do Plan estratéxico de turismo rural, no que xa estamos nas súas primeiras fases de deseño, coa celebración das primeiras mesas de traballo por toda a xeografía galega. En definitiva, con todo este traballo o noso obxectivo é consolidar Galicia como un destino de calidade, sostible, responsable, desestacionalizado, diversificado e accesible.

Compartir artigo