Revista Punto

2018-09-05T17:35:09+00:00 Cultura, Música, Personalidades

MORDEM

Fotografías: © Elba Fernández.
Reyes Riveiro
Reyes Riveiro7 Agosto, 2018
MORDEM

“O disco [Fragments to Dominate the Silence] fala de ‘dominar o silencio’, é dicir, ser conscientes de cando ou para quen temos que calar ou falar sobre nós e os nosos pensamentos”

Elba Fernández (Mordem)

Mordem é o novo proxecto musical da galega Elba Fernández. Nesta entrevista, a propia artista revélanos como é o seu primeiro traballo, Fragments to Dominate the Silence.

Descubrímosche hai varios anos como Jane Joyd, o teu anterior proxecto, ao que dicías adeus poucos anos despois. Que fallou daquela?  

Non é que fallase nada, simplemente a miña vida cambiou, cambiei de cidade e necesitei un tempo para reubicarme. Nese proceso xurdiu o momento de volver a facer música e sentín que tiña que empezar de cero, xa que Jane Joyd acabou sendo un proxecto compartido e quedouse como unha etapa da miña vida musical. Agora mesmo intento aplicar a aprendizaxe deses erros e acertos neste novo camiño.

Mordem é a túa nova etapa musical. Como nace este proxecto? Era o momento?

Realmente naceu grazas a un encargo. Desde Portocabo, unha produtora galega, chamáronme para compoñer unha canción para unha serie que estaba en proxecto nese momento e que agora mesmo se está rodando e que emitirá Movistar+, Hierro. Unha vez feita ‘The Darkest Times’ para min abriuse o grifo creativo de novo e sentinme con ganas e forzas para facer un disco completo e xurdiume a necesidade de plasmar o meu proceso interno nesas cancións. Seguramente tardaría algo máis senón fora por iso, así que a veces os empurróns veñen por razóns externas, e axudoume moito a arrancar de novo.

En Mordem apréciase claramente un novo estilo. Por que este cambio de dirección na túa traxectoria? Estamos ante unha especie de “renacer”?

A miña traxectoria non é tan grande, escoito moitos estilos de música e teño un proxecto pero estaría en 200. Cando estaba con Jane Joyd, quizais non sabía cara onde ía a evolucionar, pero está na miña personalidade que cada paso musical me leve a algo distinto. Así que para min é algo natural. Non me gusta plantearme os estilos, prefiro falar dos instrumentos que vamos a utilizar e non que estilo de canción sairá, é a maneira de deixarse levar pola música coas ferramentas que un ten. Non sei cara onde me levará o seguinte que faga, pero o que sei seguro é que será distinto outra vez. O que fixen xa está feito, xa xoguei a iso, agora quero xogar a outra cosa.

Fragments to Dominate the Silence é o título do primeiro álbum. Como describirías este disco?

É un disco moi especial para min porque é o meu primeiro largo, é un disco moi persoal a pesar de que escribo dunha maneira moi encriptada, refuxiada en historias de cine. Gran parte do disco está inspirado no guión de Hierro, a serie que detonou a composición do disco. Esas temáticas fanme reflexionar sobre os grandes temas do ser humano, a morte, a identidade, o desexo, a perda, o planeta, as crenzas… Por iso a nivel musical, está planteado desde unha perspectiva pop, pero con intención de darlle a esas historias unha banda sonora, un sentido emocional a través da música.

“Non sei cara onde me levará o seguinte que faga, pero o que sei seguro é que será distinto outra vez. O que fixen xa está feito, xa xoguei a iso, agora quero xogar a outra cosa”.

 

Os singles “All of me is you” e “Magma” xa teñen videoclip. Tendo en conta a influencia do cinema neste traballo, que buscas plasmar co formato audiovisual? Para cando o próximo?

Fascínanme os videoclips con vocación artística ou creativa. Neles únense música e imaxe, como todo en este mundo, dos recursos que teñamos poderemos facer unhas ou outras cousas. No meu caso son dous vídeos moi sinxelos, con imaxes case anecdóticas onde o foco está na propia canción. ‘All of Me is You’, realizado por Jose González, foi un precioso vídeo de apoio á saída do single; ‘Magma’ é un video realizado por min, un DIY en toda regla, un experimento visual a nivel persoal que quería compartir. En ambos prima o minimalismo en todos os sentidos, e aínda que nos gustaría facer algún día un vídeo con máis recursos, estes exercicios demostran a nós mesmos que con pouco se pode expresar igualmente unha idea e que transmita a esencia e o estilo que un quere contar.

Os temas baséanse moito nas túas propias experiencias persoais. Consegues así mostrar o teu lado máis íntimo?

Cando a temática se basea no persoal, desde logo estase contando cunha parte da propia intimidade. As miñas cancións son o meu lado máis íntimo no plano creativo, unha intimidade reflexionada e transformada nun exercicio creativo, neste caso a música, que pode e debe ser reinterpretada pola persoa que escoita en función das súas circunstancias. É unha intimidade artística. Logo está a parte íntima persoa, a do día a día, a relacional que a veces se comparte ou se vive directamente con outras persoas, e outras veces só se vive de maneira interna, e outras só sae a través de, no meu caso, a música, os soños, os medos e os desexos. De todas maneiras, escribir cancións axúdame moito a reflexionar sobre isto e estou aprendendo a compartirme cada vez máis, por iso o disco fala de ‘dominar o silencio’ é dicir, ser conscientes de cando ou para quen temos que calar ou falar sobre nós e os nosos pensamentos.

Compós, cantas, tocas… Como comezaches no mundo da música? Outras facetas que non coñezamos?

Gústame moito o mundo da ilustración, o deseño gráfico, a fotografía… De feito forman parte do meu día a día como fonte de ingresos. O da música é moi matizable, unha cousa é empezar no mundo da industria da música e outra é o mundo da música. Para min o mundo da música é cantar nun coro, facer unha coreografía con amigos, ir a concertos, tocar a guitarra, ou os sábados no karaoke, e cantar en casa, ou en festas, ou montar un grupo con outros colegas…me gusta pensar que levo toda a vida no mundo da música, na miña familia é habitual ver mulleres cantantes, así que é algo de sempre. E oficialmente cos meus proxectos formados e máis profesionalizados, desde o 2009. Así que non sabería dicir como empecei, non teño a sensación de empezar.

Ata o momento, os teus traballos foron en inglés. É posible que cheguemos a escoitarche noutro idioma?

A voz para min é un instrumento máis, como pode ser unha guitarra. Os idiomas teñen distintas sonoridades, ao igual que as guitarras poden ser españolas, eléctricas, ou utilizar efectos para darlle outra sonoridade. A cor que ten o inglés gústame para o tipo de música que fago. Non descarto o galego ou o castelán se sinto que a canción o necesita, como non descarto unha gaita ou unha zanfona, se o necesita a canción.

O 7 de agosto actúas no Festival Noroeste en Coruña. Que verá o público neste concerto? Que ten de especial para ti tocar na casa?

O público verá a tres tolos da vida enriba dun escenario, David Unison (baterista e produtor dodisco), Adrián Solla (teclista) e eu (guitarra) facendo un repaso de todos os temas do disco e intentando plasmar o son da gravación en directo, desde unha perspectiva máis epidérmica, é dicir, a maxia do directo, nisto implica moito o público, a enerxía que se  xere nese momento, e tocar na casa sempre garante unha enerxía moi especial. Así que agradecidos e con ganas.

Compartir artigo