Revista Punto

2018-09-17T15:00:33+00:00 Cultura, Música, Personalidades

“Gústame poñer as preguntas e o conflito sobre a mesa, e convidar á reflexión”

Entrevistamos á cantautora MJ Pérez
Paula Vázquez
Paula Vázquez4 Setembro, 2018
“Gústame poñer as preguntas e o conflito sobre a mesa, e convidar á reflexión”
Entrevistamos á cantautora MJ Pérez

MJ Pérez é o proxecto musical da cantautora coruñesa María José Pérez Ferreira (Arzúa, 1993). Unha moza que se iniciou no mundo da música con tan só 15 anos, ao comezar a tocar a guitarra. Máis tarde descubriría a poesía e un novo xeito de expresarse, creando as súas propias cancións: “Foi unha das mellores decisións raras que tomei na miña vida, porque ese curso fixo que eu sentise ganas e me obrigase a escribir”. Falamos cunha das actuais e futuras promesas da música en galego, que nos convida á reflexión, á loita e ao inconformismo.

Cal foi o punto de partida de MJ Pérez?

Cando comecei a aprender a tocar a guitarra. Desde o principio tiven xa certa inclinación a combinar música e letras, a xogar coas palabras e coa música… Así foi como empezou todo, alá cando tiña quince anos.

Que sentimento che produce compoñer e cantar a túa propia música?

No momento de compoñer é unha sensación moi íntima, de afondar en min mesma, nas cousas que teño na cabeza, nas cousas que me rodean e que entran en min e, tamén, nesas cousas que queren saír de min cara ao mundo. Pola contra, cando canto o sentimento é de compartir, de ter ese momento “ti a ti” co público.

Detrás dun tema, sempre hai unha intención. Cal é a principal mensaxe que queres transmitir ao público?

Mestúranse moitas cousas. Eu non busco transmitir unha única mensaxe, pero si busco facer pensar, remover algo por aí. É por iso que non adoito escribir mensaxes dunha soa lectura ou que só poidan ter un sentido, xogo moito coas palabras e tamén ao despiste co público. Creo que as miñas cancións teñen varias capas, hai quen queda coa máis superficial e hai quen afonda ata o interior da mensaxe, pero gústame ver como todo o mundo saca algo dela. Sempre digo que teño como varios tipos de temas, algúns son de corte humorístico, outros son dun corte incluso costumista, pero hai moitos temas que falan de sentimentos, frustración, rabia… tamén son reivindicativa, pero á miña maneira, gústame poñer as preguntas e o conflito sobre a mesa e convidar á reflexión… e tamén á loita e ao inconformismo!

“De nada serve que eu cante ou diga certas cousas enriba dun escenario se despois non fago nada cando baixo del para loitar con todo iso.”

Entre os títulos dos teus temas atopamos o de “Guerrilleira” ou “Morder a lingua”.  Cres que a  música é o mellor altofalante para sacar a rabia ante as inxustizas?

A música é un altofalante, estar enriba dun escenario con moita xente atenta a ti é unha oportunidade moi grande de entrar nos ouvidos, na cabeza e no corazón dese público. Pero desde o meu punto de vista, onde realmente se libra a batalla é na trincheira, isto é, na vida real. De nada serve que eu cante ou diga certas cousas enriba dun escenario se despois non fago nada cando baixo del para loitar con todo iso. A loita está no día a día, coa xente que nos rodea e desde as cousas máis pequenas. A música é boa para sacar esa rabia, pero tamén é necesario traballar moito e sen descanso para loitar buscando que todo sexa mellor. Por outro lado, tamén penso que é positivo que o público, máis alá da coraxe, leve consigo a motivación de que ten moito na súa man para sumar nesta loita.

Bebes moito da poesía, mesmo foi este xénero o que te levou a comezar no eido musical. Pasóuseche pola cabeza algunha vez o de publicar un libro?

Eu non escribía. Nunca fun de escribir… Nunca destaquei niso e, de feito, tíñame por “negada” para o asunto. Comecei a engancharme á poesía ao rodearme por xente que escribía e que realmente sentía paixón por ela. O punto de inflexión chegou de casualidade, cando estudaba na Coruña. Vin que había un curso de poesía impartido por Yolanda Castaño e tiven a arroutada de apuntarme sen saber moi ben por que. De feito, lembro o primeiro día pensar “eu que fago aquí?”. Foi unha das mellores decisións raras que tomei na miña vida, porque ese curso fixo que eu sentise ganas e me obrigase a escribir… e descubrín unha parte de min que descoñecía. Unha parte que só ten sentido se vai unida á música e se vai cantada, porque nun libro non a vexo (ri). Alén diso, a min encántame xogar coa música, a mensaxe, e o xeito de cantala (a énfase, a risa, o “drama”… moito teatro!)

Podes dicir algún referente musical no que máis te sintas identificada?

A nivel musical non sei dar unha resposta exacta, escoito diversas artistas e xéneros, pero o que fago non ten moito que ver con elas (aínda que todo inflúe dun xeito ou doutro). O Fado sempre está aí de fondo, sobre todo no xeito de crear as mensaxes e de buscar sempre a intensidade. Podo dicir que teño moita “vena portuguesa” nese aspecto.

Alguén con quen sinto unha conexión moi forte é con António Variações, un dos grandes referentes da música portuguesa dos 80´s, que xa non está entre nós. Descubrino hai pouco e hai moitos detalles nos que compartimos a forma de ver a realidade que nos rodea e o xeito de expresarnos, sobre todo no momento de facer as letras, de usar o humor e a ironía, pero ao mesmo tempo falar moi en serio de tantas e tantas cousas.

O teu último disco, Casandra, marca un antes e un despois na túa traxectoria como cantautora. Que hai de diferente nel respecto aos dous anteriores?

É o primeiro disco que consigo gravar en estudio. O primeiro que gravo con banda (custou moito chegar a isto). E ademáis de todo isto, conto con colaboracións especiais: Martiño Cabarcos (zanfona), Serj (voz), Ailén Kendelman (percusións), Richi Casás (ventos) e Paco Cerdeira (bouzouki). A maiores, está o feito de que comezo xa a desmarcarme do estilo meramente rock-pop que amosaba ata o de agora, comezan a asomar outros sons: ritmos latinos, algún guiño ao Fado…

Galega, mais con raíces portuguesas. Para cando unha composición no idioma luso?

Así como exclusiva podo dicir que xa está feita. Agora estamos traballando nos arranxos e agardo poder compartila moi pronto. A miña primeira canción en portugués leva por título: “Vá embora!”.

Como ves o estado actual da música e cultura galegas?

Eu creo que a nivel de creación estamos vivindo un momento de moita riqueza, estamos ante moitas e moi diversas propostas, cada vez máis e capitaneadas por xente cada vez máis nova. Alén de ser propostas galegas, son propostas en galego moitas delas, que é un plus moi importante. Vexo que hai moita creatividade e moita proposta, pero por outra que o sector camiña con moita dificultade. Cada vez é máis difícil camiñar cara á profesionalidade (a nivel burocrático) dentro da música, e se é difícil para xente que leva xa varios anos, imaxina para propostas de xente que está comezando… hai que buscar vías e xeitos para que todo sexa máis fluído e que todo teña cabida. Se cadra soa moi utópico, pero hai que loitar por conseguilo, ao igual que hai que loitar para que a situación dos músicos mellore en canto a condicións e a condicionantes. Así, deberiamos aproveitar todo este talento e canalizalo dalgún xeito para axudar a que a industria e o sector camiñen cara a profesionalización ao máximo. Hai moito camiño feito, pero queda moitísimo por facer, e non só temos que remar músicas, senón tamén institucións, sector e o propio público. É preciso poñer a cultura en valor por parte de todos.

A miña primeira canción en portugués leva por título: “Vá embora!”

E se falamos de futuro, cara onde quere ir MJ Pérez?

Unha cousa é cara onde quere ir MJ e outra será cara onde acabe indo finalmente… (ri). Non podo adiantar moito, pero só digo que eu quieta non paro, que algo está por vir e que vai sorprender. Agora mesmo temos no forno algunhas sorpresas audiovisuais que compartiremos en breve e que agardo que gusten. Quero ir cara un novo disco, e contar outras cousas que teño aquí gardadas no caixón. Quero seguir compartindo, seguir creando e poder chegar a máis xente. Ir máis a Portugal, onde tivemos moi boa acollida. E, sobre todo, a xente que aínda non escoitou este proxecto, que concedan o beneficio da dúbida, que abran as orellas e que veñan a algún concerto.

Por último, actuarás no Festival de la Luz de Boimorto. Como está sendo a resposta do público e que supón para ti ‘xogar’ case coma na casa?

A xente está contenta, incluso houbo moita que me escribiu para felicitarme. É especial porque é un festival que a xente de Arzúa sentimos coma “da casa”, porque somos veciños. Iremos con toda a banda e compartiremos co público o noso repertorio dun xeito máis potente e eléctrico!

Compartir artigo