Revista Punto

2018-10-10T11:23:54+00:00 Cultura, En Destaque, Música

“Foi todo un reto conseguir que o disco soase redondo”

Entrevista a Marem Ladson
Reyes Riveiro
Reyes Riveiro2 Outubro, 2018
“Foi todo un reto conseguir que o disco soase redondo”
Entrevista a Marem Ladson

Cantante, compositora, guitarrista… A artista Marem Ladson (Ourense, 1997) gravou o seu álbum debut homónimo, do selo discográfico Mont Ventoux, no que presenta once temas cun estilo folk e intimista que funciona “a modo de diario persoal, de autodescubrimento”. Con tan só vinte anos e cunha firme e prometedora carreira musical por diante, Marem Ladson está inmersa na xira de presentación do eu primeiro disco.

Comezando por recordar os teus inicios, a que idade empezas a tocar a guitarra? Cando foi a primeira vez que compuxeches una canción?

Comecei a tocar a guitarra sobre os dez anos, e os primeiros recordos que teño de escribir cancións creo que son de antes de aprender a tocar a guitarra, porque eu escribía cousas nunha libretiña que tiña e tamén a veces na axenda de clase en 5º de Primaria, e unha vez nunha tarefa que nos pediron escribir sobre algo pero de forma creativa e escribín unha canción sobre unha serea. Outra das primeiras cancións que recordo, unha era sobre as amistades do colexio na pre-adolescencia, outra sobre os meus pais, e outra sobre un paxaro. Pero diría que a primeira canción máis en serio que escribín foi For and About, sobre os trece anos.

De Ourense a Houston e Nova York, agora Madrid… De que maneira inflúe este recorrido vital na túa música?

Crecer nun entorno de diversidade cultural fíxome observar o mundo dunha forma distinta, quizais máis aberta e tolerante. A miña familia por parte de pai vive en Nova York e a miña familia por parte de nai en Galicia. Son dous lugares completamente diferentes que me inspiran a nivel musical. A natureza e as paisaxes galegas, a xente coa que crecín, e por outro lado a gran cidade, as distancias, as aspiracións e a ambición.

Tras vencer no concurso de bandas emerxentes do Dcode en 2017, tiveches a oportunidade de tocar no festival. Ata que punto foi importante este momento na túa carreira musical?

Non considero que ter actuado no Dcode supuxera un punto de inflexión na miña carreira, pero si que me permitiu actuar ante un gran público. Publicar o meu primeiro disco e xirar coa miña banda si que foi o gran cambio na miña vida. E é incrible, estou moi agradecida.

“Foi todo un reto conseguir que o disco soase redondo, queríamos que fose elegante e nunha liña de pop-folk contemporáneo”.

Marem Ladson é o título do teu álbum debut, que foi lanzado en maio de 2018. Como foi o proceso de creación deste disco? Cal é a intención deste traballo?

Hai aproximadamente un ano coñecín a Brian, eu xa escoitara os seus traballos máis recentes e gustábame o seu estilo, así que mandeille as miñas cancións e propúxenlle gravar o disco. Como coprodutor, Juandi aportou ideas esenciais de arreglos de percusión que axudaron moito a completar o disco como un todo. Creo que a intención era esa, coller esas cancións que eu fora escribindo ao largo destes últimos anos e recompilalas a modo de “diario persoal”, de autodescubrimento. Foi todo un reto conseguir que o disco soase redondo, queríamos que fose elegante e nunha liña de pop-folk contemporáneo.

“All my storms” foi o teu primeiro single, unha canción moi íntima e de ritmo pausado que compuxeches con só quince anos. Foi complicado escoller este tema como a túa carta de presentación?

Decidimos sacar esa canción primeiro porque era quizais coa que máis cómoda me sentía naquel momento.

No disco hai temas como “Shades of blue“ ou “West” que mostran un lado máis rockeiro e agresivo. Cal consideras que é o estilo que máis te define? Gustaríache explorar outros sons?

Creo que tocar coa miña banda permitiume abrirme a moitos máis sons. A miñas cancións acústicas estaban cargadas de preciosismo e un dos obxectivos ao gravar o disco era ensucialas un pouco, e iso vese claramente reflectido en “West”, por exemplo, xa que en acústico é unha versión bastante diferente. Gústame o camiño cara o que estou indo, creo que é máis interesante e apetéceme explorar cousas novas.

“Gústame o camiño cara o que estou indo, creo que é máis interesante e apetéceme explorar cousas novas.”

En que tipo de temas te inspiras á hora de compoñer?

Inspíranme moito as frases aleatorias. Gústame coller unha frase que escoito nalgún lado ou que leo nalgún sitio, sacala de contexto e deixarme levar, ver que me inspira e sorprenderme a min mesma. Así tamén descubro que é o que está no meu subconsciente.

Con que artistas che gustaría poder colaborar ou compartir escenario?

Gústanme moito Wolf Alice, Drugdealer, Snail Mail, Cat Power, Dick Stusso, Frank Ocean…

“Creo que hai moitas bandas formadas por mulleres e artistas solistas femininas con moitísimo talento, e pouco a pouco o sistema está cambiando para darnos máis visibilidade”.

Que opinas sobre a presenza feminina no panorama musical galego e español?

Creo que hai moitas bandas formadas por mulleres e artistas solistas femininas con moitísimo talento, e pouco a pouco o sistema está cambiando para darnos máis visibilidade.

Desde que saíu á luz o disco, levas todo o ano de xira por España. Como está sendo poder compartir a túa música co público? Cal foi a actuación máis especial?

Este verán todos os concertos en festivais foron xeniais, quizais un dos máis especiais foi o FIB, porque xamais imaxinei que co meu primeiro disco chegaría a tocar en un festival coma este, tamén foi incrible o Vida, e, sen dúbida o Sinsal na illa de San Simón.

Estás pensando xa en proxectos futuros?

Por suposto, sigo escribindo e compoñendo cancións. Pero agora estou centrada en todos os concertos que temos por diante.

Compartir artigo