Revista Punto

“Dá a sensación que atravesamos un proceso de descomposición da cultura da autonomía”

Alberto Ramos, escritor.
Paula Vázquez
Paula Vázquez4 Setembro, 2018
“Dá a sensación que atravesamos un proceso de descomposición da cultura da autonomía”
Alberto Ramos, escritor.

A simetría das bestas. Así se chama o último traballo do escritor e xornalista Alberto Ramos (Santiago de Compostela, 1986). Unha novela gañadora do XVIII Premio Risco de Creación Literaria que narra a historia de Caridad Verdet, que sofre unha enfermidade terminal. “A doenza funciona como inicio para unha emenda á totalidade e serve de vía para falar de todo o demais, o realmente importante, que non é outra cousa que a propia vida”, afirma o escritor. Con el falamos sobre literatura e concursos literarios, a precariedade e desprestixio do oficio de xornalista , así como do futuro da lingua e literatura galegas.

Cando te iniciaches na creación literaria?

Oficialmente digamos que me iniciei no ano 2006, cando gañei o Premio Biblos Pazos de Galicia de novela para menores de trinta anos. Era un galardón que serviu de canteira para varios autores. Ese premio, que puxeron en marcha Tucho Calvo e Carmela González Boo desde Biblosclube, permitiume  gañar certa confianza, así como seguir intentándoo e non desbotar a escrita. Mágoa que desaparecese o premio, que tiña a particularidade de que un autor consagrado conducise unha sorte de titoría co autor premiado para rematar a novela galardoada. Agustín Fernández Paz, Xabier P.Docampo, Ferrín, María Xosé Queizán ou Manuel Rivas foron algúns deses titores. No meu caso, era Darío Xohán Cabana, pero pouco trato tiven con el, que se puxo tan de perfil que non o vin diante.

A túa última novela, A simetría das bestas, conta a historia de Caridad Verdet, que sufre unha enfermidade terminal. Que foi o que te levou a tratar este tema?

A enfermidade serve de mecha para explosión, é unha escusa para revisar o pasado, reflexionar sobre a existencia. En realidade, a doenza funciona como inicio para unha emenda á totalidade e serve de vía para falar de todo o demais, o realmente importante, que non é outra cousa que a propia vida. Por iso, no caso de Caridad Verdet, a escritora protagonista d’A simetría das bestas, a enfermidade está presente como dínamo para tratar os grandes asuntos da vida como a soidade, a vulnerabilidade e o amor. É dicir, dos fíos cos que se escriben desde sempre as historias.

Tal e como destacou o xurado, a novela dálle un espazo de dignidade aos marxinados. Como consegues isto?

Esta é unha obra que reflexiona sobre a integración, pero  tal e como di Caridad, a integración é un mito como a do ciclope, pero peor contado. Caridad, pola súa difícil vida que comeza xa cunha sabotaxe da natureza ao nacer, vese na obriga de pelexar pola integración desde o comezo. Así se converte na maior das bestas. Non pola violencia nin pola fealdade, senón pola procura constante de adaptarse ao medio hostil para sobrevivir. Algo que fai Caridad e que tamén facemos, en maior ou menor grado, calquera de nós.

“O xornalismo dáme poucas satisfaccións. No caso da escrita, achégame unha vía de escape e de alivio.”

Escritor e xornalista a partes iguais. Que satisfacción che dan ámbolos dous mundos?

O xornalismo dáme poucas satisfaccións, realmente. No caso da escrita, achégame unha vía de escape e de alivio. A posibilidade de poder esquecerme absolutamente de todo ao crear uns personaxes e pasar determinadas horas mergullado nun mundo que só existe, mentres escribes, na túa vida secreta, privada e intransferible. E despois, chegado o momento da publicación, trasladalo a uns cantos lectores.

Decantácheste polo xornalismo porque che gustaba escribir, ou pola profesión?

Probablemente porque levo equivocándome, como mínimo, desde o ano 2005. Que podo dicir que non saibamos ou que non dixeramos xa sobre a situación do xornalismo e a súa precariedade? O oficio viviu un proceso de desprestixio, de precarización e reconversión  agudo e brutal, e por iso talvez a mellor solución é fuxir e reciclarse.

“O xornalismo tivo influencia nun xeito de escribir e nunha serie de teimas á hora de poñerse diante da folla en branco.”

Ser xornalista axudouche a escribir novelas?

Non sei se me axudou realmente, xa que antes de estudar xornalismo xa escribía e mesmo publiquei antes de exercer. Pero realmente si tivo influencia nun xeito de escribir e nunha serie de teimas á hora de poñerse diante da folla en branco. E tamén nalgúns temas a tratar nas obras. O caso máis evidente atopámolo no meu libro Todos os días, no que reflectía a vida dun xornalista en paro tras o peche do seu periódico por un ERE de extinción. E tamén en Máscaras rotas para Sebastian Nell, outra obra miña que se estrutura por ser unha longa entrevista a un actor británico ficticio.

Obtiveches cinco galardóns de diversos certames literarios. Sentes presión de cara a futuras creacións?

A verdade é que non teño presión. Os libros que publiquei foron publicados a través da vía dos premios literarios. E ao participar, aceptas as normas do xogo e que pode saír o libro publicado ou non.

Neste sentido, os concursos literarios axudan a abrir o camiño?

Poden servir para abrir camiños, danche certo percorrido e unha proxección nuns medios de comunicación que cada vez lle dedican menos tempo e recursos á información cultural. Mesmo pode ser garantía dun maior número de vendas en determinados casos.

Sempre escribiches en galego. As nosas lingua e literatura son proxecto de futuro?

Tanto no ámbito laboral que exerzo, que é o xornalismo cultural, como na escrita escribo en galego. E por esa dobre vertente falar de lingua-literatura e o seu futuro, dáme para moita reflexión que se estende tamén ao pasado. Dá a sensación, por non dicir que resulta bastante evidente, de que atravesamos na última década un proceso de descomposición ou deterioro da cultura da autonomía. É dicir, do mesmo xeito que se esgotou o concepto/lenda da Transición no estado, en Galicia, no ámbito cultural, vívese un esgotamento da cultura da autonomía, que afecta a todos os sectores: dende a literatura até o audiovisual, pasando polo xornalismo, polas artes plásticas ou a danza, que practicamente desapareceu. O modelo está esgotado, incluíndo a Lei de Normalización Lingüística que, e non dicimos directamente que fracasou a estas alturas cando xa fala máis xente castelán que galego por primeira vez, si podemos dicir que caducou. A cultura, ademais, sofre unha tensión constante no sentido de que dun tempo a esta parte, se considera industria cultural e aplícase un modelo economicista que non se adapta á realidade sectorial. Nin tampouco garante a promoción e difusión da cultura, algo necesario sobre todo cunha lingua minoritaria. Falar de futuro da lingua e da literatura é complexo e toca revisar todo o pasado. Porque xa non nos funciona. Ou talvez nunca chegou a funcionar realmente, senón que foi ilusión.

Para cando outro proxecto literario?

Teño por costume non dicir cando estou a traballar nalgún novo proxecto. Mesmo me afano a ocultalo. Probablemente, sexa un comportamento un tanto neurótico, pero esa é a verdade. Pero respondendo á túa pregunta, de momento non estou a traballar en nada literario.

Fotografías: Distrito Xermar. 
Compartir artigo