Revista Punto

2018-08-10T08:02:50+00:00 Opinión

A invisibilidade das emisións de CO2 en Galicia

João Rodrigues
João Rodrigues7 Agosto, 2018
A invisibilidade das emisións de CO2 en Galicia

As emisións de gases de efecto invernadoiro, como o dióxido de carbono (CO2), é moitas veces invisíbel para a maioría de nós. Pensemos nunha televisión. O proceso envolvido na fabricación dunha televisión é complexo. É necesario extraer os recursos naturais que forman parte dos compoñentes da televisión. Hai que transportar eses recursos, probabelmente desde distintas partes do globo, até a liña de montaxe dunha fábrica. Todo isto require enerxía. Séguelle a montaxe dos compoñentes de acordo cun plano definido. É necesaria máis enerxía. Despois está o acto da compra, seguido do uso do aparello que pode durar meses, anos e até décadas, e moita enerxía despendida. Na etapa final do produto, dáse o procesamento dos residuos que poderán ser reciclados, en parte, ou vertidos nun calquera vertedeiro de lixo. Isto é un exemplo simplificado dun ciclo de vida dun produto. A análise dos ciclos de vida de produtos, e as emisións de CO2 a eles asociados, é unha técnica cada vez máis usada para entender a (in) sostibilidade do noso consumo.

En Galicia existe moi pouco coñecemento sobre as emisións de CO2 resultantes do noso consumo cotián. Con todo, o coñecemento está a mellorar. Un equipo de investigadoras da Universidade de Santiago de Compostela publicou recentemente un estudo sobre as emisións de CO2 asociadas ao ciclo de vida de todos os bens e servizos, transporte e vivenda, usados polos habitantes e turistas de Galicia. Dos 12 kg do equivalente a CO2 emitido por día por cada habitante, as grandes cifras correspóndenlle á vivenda (41%), alimentación (38%) e transporte (21%). Xa un turista en terras galegas emite en media 80 kg de CO2 por día. O maior responsábel destas emisións é o transporte (59%), a vivenda (27%), seguido da alimentación (14%). Os datos máis recentes indican que as emisións en Galicia son máis reducidas se son comparadas coas doutros países europeos. Con todo, fronte á gravidade das consecuencias que o colapso climático ten xa nas nosas vidas e nas outras formas de vida do planeta, é absolutamente fundamental desenvolver accións e políticas concretas para alcanzarmos emisións líquidas cero de gases de efecto invernadoiro.

É posíbel reducir esta pegada de CO2 de Galicia sen que as persoas perdan calidade de vida? Penso que si. Individualmente, podemos axudar a reverter a nosa pegada evitando “comprar cousas que non precisamos, con diñeiro que non temos, para impresionar a persoas que non queren saber de nós” (Tim Jackson). Pasar a unha dieta a base de vexetais e con pouca carne é unha gran contribución. A forma na que nos movemos é tamén fundamental: menos coche e máis transportes públicos, bicicleta e a pé, son mudanzas positivas. Así como encoraxar un tipo de turismo máis lento en Galicia e menos dependente do transporte contaminante.

Pero o máis importante é a acción colectiva. Esixamos a quen ten responsabilidade de gobernar o país que conserve efectivamente a natureza que resta, restaure os ecosistemas degradados, combata o consumismo e a obsolescencia programada, e cree as condicións necesarias para unha economía de emisión líquida cero de gases de efecto invernadoiro, baseado en enerxías limpas. Só así a sostibilidade será posíbel.

Compartir artigo