Revista Punto

2018-05-09T08:31:01+00:00 Galegos polo Mundo, Rexión

Da Costa da Morte á “cidade maravilhosa”

Lucía Sande é profesora universitaria de lingua e cultura galega en Rio de Janeiro. Aconsella a todo o mundo coñecer a cidade: “Aquí a vida é mais intensa”.
Reyes Riveiro
Reyes Riveiro9 Maio, 2018
Da Costa da Morte á “cidade maravilhosa”
Lucía Sande é profesora universitaria de lingua e cultura galega en Rio de Janeiro. Aconsella a todo o mundo coñecer a cidade: “Aquí a vida é mais intensa”.

Lucía é unha liracha, así é como lles chaman á xente de Lira, no concello de Carnota, de 28 anos. É licenciada en Filoloxía Galega pola Universidade da Coruña, con mestrado en Estudos Medievais Europeos e en Profesorado pola Universidade de Santiago de Compostela. Cando rematou os estudos, ante a falta doutras oportunidades, entrou a traballar nun supermercado, ao tempo que preparaba oposicións. Meses despois, apareceu a posibilidade de trasladarse a Brasil, e non o pensou dúas veces. E diredes, que foi o que a levou alí? Pois grazas ao programa de lectorados de galego da Xunta de Galicia é profesora de lingua, literatura e cultura galega na Universidade do Estado de Rio de Janeiro. “Desde o Programa de Estudos Galegos da facultade promovemos outro tipo de actividades relacionadas coa cultura galega como charlas, presentacións de libros, xornadas das Letras Galegas…”

Está en Rio de Janeiro desde 2016: “Cheguei cos Xogos Olímpicos e alá van dous anos!”. Cando lle pedimos que describa Rio non dubida en dicir que é unha cidade marabillosa, pero tamén é “a cidade dos contrastes”, con enormes desigualdades sociais. Ao chegar, o que máis lle chamou a atención foi a paisaxe e o clima festivo no que a cidade parece vivir permanentemente. “Rio é unha cidade con moitas cousas que ofrecer. O abano de actividades culturais é moi amplo, a natureza intégrase perfectamente co corazón da cidade e o clima é sempre agradábel”.

En Rio hai máis xente galega, “como en tódolos cantos do mundo, claro!”, asinte Lucía. “Hai unha comunidade galega que emigrou a principios do século XX e outra xeración que chegou cando a crise comezou en España e Brasil era un dos países que máis crecía, entre 2007 e 2011. Infelizmente, agora a situación do Brasil mudou bastante e moitos da nova xeración emprenderon o camiño de volta”. A principal dificultade é estar lonxe dos amigos e do que máis bota de menos de Galicia, súa nai. “A viaxe é moi longa e moi cara, polo que non se pode ir a casa sempre que se quere”.

Lucía danos algunhas recomendacións: “O Pão de Açucar e o Cristo do Corcovado son visitas obrigadas. Un paseo o domingo por Copacabana, un atardecer bebendo unha cervexa na mureta da Urca, facer a camiñada do Morro dos Dois Irmãos, asistir á roda de samba da Pedra do Sal… As opcións son infinitas”. Alén diso, comenta que toda a Rexión dos Lagos e Costa Verde, destacando Ilha Grande, son espectaculares. A nosa galega, cada vez máis brasileira, tivo tempo para coñecer as Minas Gerais, São Paulo, Forianópolis, Curitiva ou Salvador da Bahia. Pero quere visitar outros moitos lugares como as Cataratas do Iguazú, a selva Amazónica, a Chapada dos Veadeiros ou a Chapada Diamantina.

Aproveita para contarnos algunhas anécdotas peculiares que lle aconteceron: “Un día no barrio de Santa Teresa vin un adolescente cunha pistola dourada; outro día, o minibus da policía fíxonos de taxi a unha amiga e a min, e encontreime cun gaiteiro na praza de Cinelândia!” Queda bastante claro que, para Lucía, o balance desta etapa da súa vida é moi positivo: “Está sendo unha experiencia moi enriquecedora, tanto profesional como persoal. E quen sabe a onde me levará a vida despois”.

Compartir artigo