Revista Punto

2018-08-07T11:35:40+00:00 Cultura, Talento

A sombra da Bourgeois é alongada

Lucía Carballeda
Lucía Carballeda7 Agosto, 2018
A sombra da Bourgeois é alongada

Recentemente seleccionada por segunda vez no Certame Internacional de Artes Plásticas de Valdepeñas, Cristina Fernández Núñez (Vigo, 1971) pode presumir dunha extensa traxectoria como artista plástica e docente. No primeiro dos casos atopamos unha obra sensible e chea de lirismo, onde a influencia de Morandi se evidencia na omnipresencia do cotiá.

Neste senso, existe dentro da súa recente creación unha serie de pezas onde a proxección da sombra sobre unha superficie, a falta de luz, se vertebra como eixo condutor. Así, a autora trata de esclarecer a escuridade que tradicionalmente se proxectou sobre o feminino. De feito, lógrao axilmente. Exemplo disto son os lenzos “Femme”, “Garder la Maison” ou “Louis Bourgeois”, nos que a palabra reforza ese mesmo concepto.

A muller, a casa, ou o feito de tecer suxiren a mesma idea, implican un espazo acotado, doméstico, na sombra. Porén, aluden a algo tanxible, unha muller, unha edificación ou unha araña como as da célebre artista Louis Bourgeois. Unhas tisserands que saíron á luz para asombrar ao mundo enteiro.

En setembro, a galería Federica No Era Tonta contará co talento de Cristina Fernández Núñez, un raio de luz.

Compartir artigo