Revista Punto

2018-07-03T17:46:55+00:00 Opinión

Cravos de nove polgadas na sétima arte

nine inch nails
Pablo Dorado
Pablo Dorado3 Xullo, 2018
Cravos de nove polgadas na sétima arte

Todos os veráns o NOS Alive de Lisboa ofrece un dos mellores carteis que compite en cantidade e calidade con os grandes festivais de toda Europa. Este 12 de xullo estarán alí Nine Inch Nails e seguro que os asistentes desfrutarán dunha experiencia alén da música porque a relación de Trent Reznor, a persoa e cerebro detrás das siglas NIN, co visual e co cinema é tan vasta que xa faría falta un libro para recompilar exhaustivamente todas as súas achegas, que son máis de cen referencias (en cantos filmes aparece Hurt en versión orixinal ou na de Johnny Cash?) por non falar da influencia do cine de terror na súa imaxe.

Malia que xa achegara algunha canción á banda sonora dalgunha película de case serie B coma Class of 1999 no ano 1990, o seu primeiro encargo importante non chegou ata catro anos despois cando Alex Proyas lle encargou a banda sonora de The Crow onde ademais de reunir bandas tan diferentes coma Pantera, The Cure e Violente Femmes, gravou a súa propia versión do Lost Souls de Joy Division. O resultado foi inmellorable xa que malia que é un filme de acción e vinganza de ton escuro e algo existencialista (repetiría no 2004 con algo similar coma Man on fire de Tony Scott), cada tema adáptase de marabilla sen parecer videoclips, principal problema ao engadir cancións pop-rock a unha película.

A partir dese ano, grazas ao éxito do disco de The Downward Spiral, a mestura de metal industrial e música electrónica con letras abertamente sexuais e anticlericais das cancións de Nine Inch Nails comeza a aparecer ininterropidamente ata o día de hoxe en multitude de películas de directores da importancia de Oliver Stone en Natural Born Killers (1994) achegando tres cancións e produción executiva, David Fincher en Se7en (xenial Closer acompañando os títulos de crédito no filme de 1995) ou David Lynch (Lost Highway, producindo e incluíndo unha canción aínda que a música orixinal foi cousa de Angelo Badalamenti e Barry Adamson), pero tamén en películas moito máis comerciais case sempre relacionadas co cine de terror ou, polo menos con certa escuridade, xa que tanto a súa música como a súa imaxe é o primeiro que suxiren. Non debemos esquecer que Trent Reznor foi o descubridor e produtor de Marilyn Manson polo que o complicado sería imaxinalo na banda sonora dunha comedia romántica e non en películas coma Final Destination (2000), Resident Evil (2002) ou The Cabin in the Woods (2012).

A comezos da década do 2000 Trent Reznor adoitaba dicir que non cría que Nine Inch Nails fose a durar moito máis e que el se vía producindo a outros grupos e bandas sonoras antes que continuando o proxecto. Foi certo a medias para gozo de todos nós que non tivemos que renunciar a nada. Se ben é certo que parou de xirar durante varios anos, NIN seguiu sacando Eps con bastante regularidade ademais de algún longa duración de música ambiental e a partir do 2010 comezou, xa non a producir ou permitir utilizar as súas cancións, senón directamente a compoñer bandas sonoras orixinais unindo forzas con Atticus Ross, produtor inglés co que xa traballara en varios discos anos atrás. Desta sociedade saíu a banda sonora de The Social Network (2010) outra película de David Fincher na que demostra mellor ca nunca a facilidade de Reznor para crear ambientes tensos e desasosegantes e que lle van coma unha luva ao seu cine. O resultado foi tan bo que gañaron o Globo de Ouro e o Oscar da Academia e repetirían un ano despois con Fincher en The Girl With The Dragon Tattoo (2011), aínda que sen o mesmo éxito xa que é un dos filmes máis prescindibles de Fincher. Recentemente escribiu a música para Gone Girl (2014) de Ben Affleck pero moito máis interesante resulta a colaboración de Reznor, Ross, a banda Mogwai e o compositor arxentino Gustavo Santaolalla no documental Before the flood (2016) xa que rompe con todos os estereotipos que calquera seguidor de Nine Inch Nails, coma min mesmo, pode ter sobre a súa música e móstrase coma un músico moito máis completo e aberto a outros estilos.

De seguro que chegarán novos proxectos, seguramente sorprendentes vista a súa evolución, relacionados co cinema, pero polo de agora, todos e todas as que teñades a sorte de estar en Lisboa o 12 de xullo non vos perdades a Nine Inch Nails no NOS Alive e os que quedamos traballando sempre podemos revisionar eses filmes e bandas sonoras na casa.

Sobre o autor
Tudense exiliado na cidade de Bernard Shaw. Paso o tempo vendo moito cine, lendo e, ás veces, ata escribo sobre iso.

Compartir artigo