Revista Punto

2018-08-02T09:44:48+00:00 Decantar, Lifestyle

Condes de Albarei, no berce do albariño

Fotos: Condes de Albarei.
Reyes Riveiro
Reyes Riveiro4 Abril, 2018
Condes de Albarei, no berce do albariño

Inauguramos a sección ‘Decantar’ coa historia dun vello coñecido nas mesas galegas: Condes de Albarei. A Adega Condes de Albarei nace en 1988 en Cambados, na zona do Val do Salnés (Pontevedra), como un proxecto entusiasta dun grupo de viticultores que buscaban comercializar a súa produción de uva albariño. Baixo a Denominación de Orixe Rías Baixas, en 1991 xa acadaban a medalla de ouro no prestioxoso Challenge International du Vin de Bordeaux (Francia), momento a partir do cal aumentou o recoñemento da marca no ámbito nacional e internacional e comezou a súa fase de internacionalización. Actualmente, Condes de Albarei é unha cooperativa vitivinícola que exporta a máis de 40 países como Estados Unidos, México, Alemaña, Reino Unido, Irlanda, Xapón e Australia, e produce un millón de botellas anuais. Todo isto converte ao albariño Condes de Albarei nuns dos máis valorados e vendidos do mundo. O “segredo” do éxito desta marca galega é a súa calidade. 

O albariño Condes de Albarei elabórase a partir de mostos flor de uva albariña, que conseguen extraer a máxima pureza aromática e gustativa deste tipo de uva. A adega conta cunha ampla extensión de viñedos propios −máis de 300 hectáreas− e dispón do equipo humano e técnico necesario para controlar de maneira exhaustiva o proceso produtivo do viño: desde a selección e vendima manual da uva en pequenas caixas, a suave extracción e decantación do mosto, pasando por unha longa fermentación a baixa temperatura, ata rematar co seu embotellado, etiquetado e comercialización. Así pois, o coidado e o respecto da viña son esenciais para garantir a calidade do produto final, tal e como aseguran desde a marca.

É un albariño con reflexos verdosos, limpo e brillante, no que predominan os aromas varietais, con notas de albaricoque, pomelo e froita tropical, e matices de flores brancas. No padal é de trago largo, con delicadas notas minerais e recordo a cítricos, e destaca polo seu equilibrio e frescura.

Con que pratos se pode acompañar un Condes de Albarei? As suxestións de maridaxe da adega son: aperitivos, queixos sen curación, mariscos e peixe, arroces e comida oriental.

Dicía o escritor Robert Louis Stevenson que o viño é “poesía embotellada”. Se queredes gozar dun pouco de poesía, que mellor maneira que facelo cun albariño Condes de Albarei.

A Adega Condes de Albarei é unha referencia do enoturismo nas Rías Baixas. Ofrece a posibilidade de realizar visitas guiadas e catas con desgustación dos seus viños. Toda unha experiencia!
Compartir artigo