Revista Punto

2018-09-06T15:14:15+00:00 En Destaque

25 anos achegando a arte contemporánea a Galicia

Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC)
Reyes Riveiro
Reyes Riveiro4 Setembro, 2018
25 anos achegando a arte contemporánea a Galicia
Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC)

O Centro Galego de Arte Contemporánea -CGAC- conmemora este ano o 25º aniversario da súa inauguración. Localizado no límite da zona monumental de Santiago de Compostela, xunto ao Museo do Pobo Galego, antiga igrexa e mosteiro de San Domingos de Bonaval, a sede do CGAC foi construído entre 1988 e 1993. O edificio, obra do arquitecto portugués Álvaro Siza Vieira, caracterízase pola luz, que entra en perfecta harmonía coa sobria arquitectura do mesmo, esa mesma luz que trouxo consigo o proxecto do CGAC á arte e á cultura de Galicia. 

O proxecto do Centro Galego de Arte Contemporánea arrancaba o 29 de setembro de 1993 cunha exposición retrospectiva de Maruja Mallo. Sen embargo, non comezaba a funcionar como museo propiamente dito ata uns anos despois, en 1995, coincidindo tamén coa creación da colección permanente do CGAC, cuxos inicios foron posibles grazas á suma de novas adquisicións e depósitos pertencentes á Xunta de Galicia, institución que impulsou a creación e da que depende directamente.

De acordo co actual director, Santiago B. Olmo, “o museo, a partir da súa creación, converteuse nun espazo de encontro internacional de gran prestixio no que comezaron a convivir e a mesturarse moitas ideas e o traballo de moitos artistas”. Axiña se afianzou como un dos motores da arte e da cultura en Galicia. A partir da creación da institución, medrou a divulgación e o coñecemento da arte moderna, propiciando a internacionalización e actualización da cultura. “O CGAC desempeña en Galicia desde a súa fundación a función dun museo nacional de arte contemporánea”. Segue sendo a maior institución de arte contemporánea da comunidade e un dos proxectos culturais máis sólidos, que continúa a apostar forte pola investigación e a experimentación.

O CGAC é o proxecto artístico que transformou radicalmente a arte feita ata o momento en Galicia; propiciou a internacionalización e actualización da cultura.

O CGAC é, por riba de todo, un proxecto dinamizador de cultura. Por el teñen pasado as creacións dalgúns dos mellores e máis prometedores artistas de diversas linguaxes e manifestacións da arte contemporánea, como pintura, escultura, fotografía ou vídeo. As exposicións temporais, individuais e colectivas, son o principal reclamo do centro, o cal ofrece a posibilidade de realizar visitas guiadas, co acompañamento de profesionais do sector, para fomentar o interese nas obras expostas e mellorar a comunicación entre público e arte. Pero é que ademais, ao longo da súa ampla traxectoria, os profesionais do centro foron incorporando multitude de propostas para conseguir involucrar ao público na vida cultural, para conectalo coa vida do museo. Así, ofrecen actividades educativas para tódolos públicos tales como cursos, charlas, seminarios, obradoiros, xornadas de investigación, e unha ampla oferta de lecer para o verán. O cinema é outro dos piares importantes do CGAC. Organízanse ciclos de cinema de temáticas diversas, colabora e acolle nas súas instalacións eventos tan importantes como son Cineuropa e Curtocircuíto, e, por se fose pouco, no verán pódese gozar cos ciclos de proxeccións ao aire libre. E, por suposto, a música tampouco podía faltar. A música forma parte da vida do centro durante todo o ano, xa que se levan a cabo diversos ciclos de concertos como por exemplo as Xornadas de Música Contemporánea, a participación no WOS Festival ou o vixente ciclo Correspondencias Sonoras, que promove a creación musical a partir de exposicións artísticas do CGAC e que prolongará a súa programación ata o mes de decembro. Tamén se busca darlle visibilidade á danza contemporánea, a través da colaboración con proxectos como o festival herDanza, o cal ofrece unha residencia creativa para estudantes.

Con este tipo de oferta cultural ofréceselle ao público, desde o máis novo ata o adulto, a posibilidade de poder afondar en diferentes aspectos da arte contemporánea. Neste senso, o CGAC funciona como unha plataforma pedagóxica e educativa de gran valor. Seguindo nesta liña, tamén xogan un papel importante na labor de divulgación cultural as publicacións propias do CGAC, que teñen determinado, en gran parte, o prestixio do museo, así como a biblioteca e a libraría do centro, que dispoñen de obras especializadas en arte contemporánea, arquitectura, deseño e fotografía. A cifra de visitantes que recibiu o CGAC o pasado ano é maior a 50.000, polo cal tamén é un activo turístico moi importante para a cidade compostelá e para Galicia no se conxunto.

Colección CGAC 25

A colección permanente do CGAC creouse en 1995 e, desde entón, non deixou de incorporar obras procedentes do contexto galego, nacional e internacional, con especial atención aos artistas españois, portugueses e latinoamericanos. No folleto da exposición defínese así ao museo: “Probablemente o CGAC sexa actualmente a única institución cultural galega pública centrada na arte e a cultura contemporánea cun proxecto sólido, definido, coherente, contrastado e transparente”.

Na actualidade, conta con máis de 1.200 pezas, fundamentalmente por obras de artistas que consolidaron a súa traxectoria a partir da segunda metade do século vinte, adquiridas tanto grazas aos orzamentos anuais da institución como a través das doazóns doutras institucións, artistas ou coleccionistas particulares. O centro alberga fondos procedentes dalgunhas coleccións da Xunta de Galicia e entre estas doazóns destaca o depósito da Colección Carlos Areán, crítico, historiador, comisario de exposicións galego que foi director do Museo Español de Arte Contemporánea de Madrid.

Para celebrar os cinco lustros do Centro Galego de Arte Contemporánea creouse, expresamente para a ocasión, unha ambiciosa exposición: Colección CGAC 25. A exposición Colección CGAC 25, comisariada polo director do museo, Santiago B. Olmo, comparte a formulación de Modelo x armar, o anterior proxecto sobre a colección do museo. É un balance do traballo feito ata o día de hoxe e serve para amosar unha pequena selección dalgunhas das obras e series máis relevantes e representativas que acolleu o CGAC ao longo deste vinte e cinco anos. A Colección CGAC 25 pon de manifesto a importancia de reforzar os fondos propios do museo, dando valor á adquisición de obras de referencia.

Sen embargo, a diferenza de Modelo x armar, este novo proxecto expositivo presenta tres seccións ben diferenciadas. A primeira das seccións é de carácter histórico e cronolóxico, e funciona “como un caso de estudio”, que serve para amosar o contexto nacional e internacional para entender o desenvolvemento da arte galega entre os anos cincuenta e setenta. Inclúense obras de Labra, Mampaso e Grandío, Nóvoa, Lodeiro e Mantecón, Manolo Milleiros, Luís Feito, e en Dau al Set, como Tàpies, Tharrats ou Cuixart, todas elas pertencentes á doazón de Carlos Areán, así como unha serie de debuxos de Luís Gordillo, doazón do propio artista.

Se ben a fotografía non ten demasiada presenza nesta primeira parte da colección CGAC, se a comparamos co volume de obras pictóricas, experimenta un cambio a dirección grazas á adquisición -en 2016- do arquivo fotográfico da Fundación Camilo José Cela, que contén fotografías de varios artistas que serviron de inspiración ao escritor nas súas obras, ao mesmo tempo que tamén é moi relevante a selección de fotografías de Vito Acconci ou Joseph Beuys.

O segundo capítulo céntrase en poñer de manifesto o rol modernizador e transformador do museo, no que ten moito que ver o gran valor e calidade da súa colección, a partir dos anos noventa. Como indica o seu director, Santiago del Olmo, “a partir dos setenta comeza a configurarse unha colección máis densa no terreo internacional, e que permite establecer uns contextos máis sólidos”.

Na terceira parte da exposición, chegamos aos anos noventa, momento no que o proxecto arquitectónico do museo gaña importancia como argumento artístico ao conseguir que moitos artistas se inspiren e dialoguen con el, dando como resultado espazos de encontro entre as creacións artísticas e o edificio do museo, e tamén coa arquitectura compostelá en xeral. O proxecto fotográfico de Günther Förg ou as pinturas de Juan Araujo son unha mostra desta relación.

Xa no Espazo de Proxectos, reúnese unha selección de vídeos que conxugan e fusionan a vertente documental e a experimentación, e que amosan unha pequena selección do material visual da colección CGAC. Existe un importante fondo de fotografía e vídeo internacional dos anos 70, momento no xorden artistas que utilizan o vídeo e a performance como ferramenta de discurso feminista e de xénero, sobre todo mulleres entre as que destacan nomes como a pioneira Eleanor Antin, Virginia Villaplana ou María Ruído. Por outra banda, a presenza de obras escultóricas correspóndense con tres pezas, dúas delas dos artistas galegos Manolo Paz e Xavier Toubes, e outra do italiano Gilberto Zorio. Series e pezas seleccionadas doutros artistas nacionais e internacionais de gran relevancia como Jürgen Partenheimer, Chistian Boltanski e Félix González-Torres; Janis Culleslis, José Luis Santalla, Carin Sandler, George Rouge, Grabiele Basilico, Ricardo Basbaum, Berta Cáccamo, Victor Grippo Ton Carbajo ou Montse Rego están presentes nesta exposición. Todos estes nomes están estreitamente relacionados co CGAC, en tanto que dunha maneira ou outra contribuíron á maduración da institución. A exposición ‘Colección CGAC 25’ estará dispoñible ata o último día do mes de setembro.

O Centro Galego de Arte Contemporánea é renovación, constancia, solidez, un punto de encontro artístico de referencia. Celebremos que siga por moito tempo enriquecendo a arte e a cultura galegas.

Fotos: Cedidas polo CGAC. 
Compartir artigo