Revista Punto

2018-10-26T11:32:03+00:00 Rexión, Turismo

Centro do Viño da Ribeira Sacra

Redacción
Redacción2 Outubro, 2018
Centro do Viño da Ribeira Sacra

O Centro de Interpretación do Viño da Ribeira Sacra está localizado en Monforte de Lemos, na provincia de Lugo. O centro construíuse nun edificio do século XVIII, que antigamente albergou un hospital e un casino, e que xa no século XX foi a sede do Concello de Monforte. Foi concibido como un centro que unira o ocio, a cultura, o turismo, a formación e a gastronomía. O seu principal obxectivo é achegar aos visitantes á historia e á cultura do viño na zona da Ribeira Sacra.

Foi posto en marcha en 2009 e, dende aquela, converteuse nun referente do enoturismo na zona, sendo incluso a sede do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas, que ten á súa disposición unhas completas e modernas instalacións. A creación deste centro foi posible grazas ao traballo conxunto do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, a Consellería de Medio Rural, o programa LEADER + da Unión Europea, a Deputación de Lugo, a Dirección Xeral de Turismo, AGADER, o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra e o Concello de Monforte.

O centro conta con diversas salas distribuídas arredor dun patio central, e o espazo máis destacable é a zona expositiva, que contén fotografías e pezas audiovisuais e interactivas sobre a historia da comarca e sobre o sector do viño. Tenda cunha ampla selección de viños D.O. Ribeira Sacra, cafetería-tapería e unha sala de catas ocupan o resto do edificio.

O Centro de Interpretación do Viño é unha das paradas da Ruta do Viño da Ribeira Sacra, creada tamén co fin de promover e divulgar o patrimonio da zona. Este lugar merece unha visita por parte daquelas persoas interesadas, vinculadas ou non coa cultura vitivinícola.

Compartir artigo