Revista Punto

2018-11-22T17:27:46+00:00 Decantar, Lifestyle, Radar

Bodegas Martín Códax: Albariño entre a tradición e a innovación

Fotos: ©Paula Vázquez.
Reyes Riveiro
Reyes Riveiro12 Novembro, 2018
Bodegas Martín Códax: Albariño entre a tradición e a innovación

As Bodegas Martín Códax teñen moita historia. E ata alí nos achegamos para coñecer como traballa esta cooperativa, considerada unha das mellores bodegas de albariño de Galicia.

Hai que remontarse ao 1986, ano da súa fundación, para coñecer a súa evolución. Comezaron sendo 50 socios, con viñedos propios, que pouco a pouco foron medrando ata converterse no que son hoxe: 270 socios, colaboradores particulares e 2.300 parcelas cun total de 500 hectáreas.

Viticultura e investigación

Trasladámonos para coñecer a finca de Pé Redondo, a oito quilómetros do mar, onde se atopan os viñedos de investigación. “En 2002 o ritmo de ventas da cooperativa ía máis rápido que o ritmo de crecemento natural dos socios entón pensamos que era estratéxico poder crecer en volume con uva de xestión propia”, coméntanos un dos seus responsables, fillo dun dos fundadores da cooperativa que veu como creceu Martín Códax desde os inicios.

Nese momento xurdíronlle moitas dúbidas, de se deberían facer o mesmo que facían os demais ou innovar, facer algo diferente. Entón, contactaron con diversos organismos expertos en viticultura e comezaron a traballar coa Universidade Politécnica de Madrid, concretamente co profesor José Ramón Lisarrague, para decidir cal sería a mellor forma de deseñar a finca experimental de Pé Redondo. “Os obxectivos e necesidades de produción sempre van cambiando, e intentamos buscar e probar distintas alternativas e logo trasladar os coñecementos do campo aos viticultores e á zona en xeral”. Distintos tipos de perfiles de uva, de poda, de abonado, de rego. Nesta parcela empregan a tecnoloxía de teledetección aplicada á viticultura para comprobar o que é representativo e se pode aplicar a outras parcelas: “É o noso banco de probas”. Deste viñedo extráese a uva para elaborar viños totalmente distintos como son o ‘Martín Códax Lías’ e o espumoso.

Da gran extensión de terreo de Pé Redondo pasamos a coñecer o máis representativo da comarca do Salnés, os viñedos tradicionais. Nunha zona situada na desembocadura do río Umia, moi preto do mar, predomina o minifundismo con pequenas parcelas de diferentes socios viticultores que empregan o emparrado, a moi pouca altura para facilitar a vendima manual.

Propostas enoturísticas

O edificio das bodegas atópase na parroquia de Vilariño, en Cambados, e as súas vistas dos viñedos e do mar desde o alto son impoñentes. Visitamos as instalacións onde se atopan diferentes depósitos, como os 10 mil litros nos cales nun principio xa se producía un volume de 80 mil litros de viño, unha cifra moi ambiciosa para a época. A vendima faise en caixas de 20 quilos, trasládanse á zona de recepción de uva, onde se controla que cumpran os requisitos da Denominación de Orixe Rías Baixas, pasa directa a despalillado, logo á prensa neumática para extraer o mosto, as bombas empuxan o viño cara os depósitos onde permanece de 24 a 48 horas para eliminar as impurezas. De aí pasa a outros depósitos onde se leva a cabo a fermentación alcólica durante aproximadamente un mes.

Tamén dispoñen dunha bodega experimental, que conta con depósitos de diferentes tamaños, formas e materiais para traballar coas uvas que extraen de diversos viñedos.

As Bodegas Martín Códax organizan itinerarios que dan a posibilidade ao visitante de coñecer non só as instalacións, os viñedos, ou asistir de catas e degustacións, senón de gozar da cultura viño e da zona. A idea é ofrecer un enoturismo de calidade, personalizando cada visita en función do perfil de visitante. Algunha das propostas que máis éxito teñen é “As tardes do Atlántico” e “Os sabores do Atlántico”, na que experimentan con diversas maridaxes. Asistimos a unha cata especial da man da enóloga Katia Álvarez para dar proba do que se fixo ao longo de varios destes eventos. Probamos o Albariño Martín Códax con ceviche de berberecho, lima e chile; Martín Códax Lías maridado con empanada de vieira; Martín Códax Vindel con queixo curado, e por último, o Organistrum con torta de mazá. Nesta cata probamos que o a frescura e acidez do albariño Martín Códax vai perfecto con todo, incluso con sobremesas!

Ao rematar a visita só pensamos en cando volveremos. Así que animámosvos a probar os viños Martín Códax e visitar as súas bodegas, porque sen dúbida, quereredes repetir!

Compartir artigo