Revista Punto

2018-08-08T15:19:13+00:00 Arquitectura, Cultura, Opinión

BIG (BJARKE INGELS GROUP), arquitectura dun éxito

Alexandre Mouriño
Alexandre Mouriño7 Agosto, 2018
BIG (BJARKE INGELS GROUP), arquitectura dun éxito

Nun momento no que a profesión de arquitecto xa non semella ser a mellor opción para ter unha vida laboral longa, cómoda e respectada, os novos arquitectos na procura dun exemplo ao que seguir, atoparon como auga no deserto ao dinamarqués Bjarke Ingels. Popular, millonario e con tan só 43 primaveras, este “arquitecto arquetipo” é o espello no que se miran as novas xeracións de estudantes.

Pero máis aló da calidade da súa arquitectura, ou do seu talento, o factor a ser analizado na traxectoria profesional deste novo mesías é como é posible formar un dos estudios de arquitectura máis importantes do mundo nun período de tempo tan curto, tendo en conta que arquitectura e experiencia historicamente sempre foron indisociables. E é neste punto onde debemos por o foco de atención.

BIG, máis que unha oficina de arquitectura, é unha forma de entender e asociar arquitectura e visión empresarial. Lonxe de ensinarse nas escolas, os novos talentos formados cada ano nas facultades de todo o país, chegan a rúa sen o máis mínimo coñecemento de como afrontar a súa vida profesional de unha maneira lóxica e produtiva. Desta maneira, nos primeiros anos de exercicio vense truncadas as carreiras de moitos talentosos arquitectos pola súa incapacidade de atopar persoas que demanden os seus servizos.

Na era da información e da sobre cualificación académica, para destacar nun campo profesional específico é preciso ademais de traballo, talento e sorte, unha axeitada estratexia empresarial. E isto aínda que pareza algo lóxico, so é posto en práctica por un limitado número de profesionais. Ingels non chegou onde chegou por causa do azar, ademais dun grande talento, o director de BIG entendeu que o que tiña entre mans era nin máis nin menos que unha empresa e un produto, e como tal e preciso dotala das ferramentas axeitadas para o seu normal funcionamento e progresivo crecemento. E é que dende as oficinas centrais en Copenhague adícanse moitos esforzos e medios todos os días en aspectos relacionados co marqueting, as redes sociais, a prensa, ou a comunicación audiovisual. Lonxe quedan os días nos que os arquitectos sobrevivían se apenas necesidade de publicitar os seus negocios. Actualmente, a arquitectura é un ben de consumo máis, e como tal ten o seu público potencial e o seu anaco de mercado e para chegar ata el o arquitecto ten que deseñar unha boa estratexia publicitaria e investir parte dos seus beneficios nestes campos. Só así se pode por en comunicación o produto e cliente.

Non cabe a menor dúbida de que Bjarke Ingels é un excelente arquitecto, pero tamén é sen lugar a dúbidas un gran empresario, que ademais de ofrecer un bo produto foi capaz de vendelo (venderse) como tal ao gran público pasando de ser un completo descoñecido a un dos arquitectos máis recoñecidos e recoñecíbeis do mundo actualmente.

Compartir artigo