Revista Punto

2018-09-06T21:38:39+00:00 Galegos polo Mundo, Rexión

“Berlín é unha cidade fronteiriza en todos os sentidos”

Este mes viaxamos ata Belín, a capital que mellor plasma a historia recente europea, para coñecer a Olalla Tuñas.
Paula Vázquez
Paula Vázquez4 Setembro, 2018
“Berlín é unha cidade fronteiriza en todos os sentidos”
Este mes viaxamos ata Belín, a capital que mellor plasma a historia recente europea, para coñecer a Olalla Tuñas.

A sección de ‘Galegos polo mundo’ deste mes viaxa ata Berlín, a capital que mellor plasma a historia recente europea. As súas rúas aínda conservan a pegada dos 160 quilómetros de muro que durante case trinta anos dividiron un pobo en dous. Vinte anos despois, Berlín é unha mestura perfecta de modernidade, moda, arte, deseño e arquitectura. Ten case 400 museos, 300 galerías, 7.000 restaurantes , así como os locais nocturnos máis vangardistas de toda Europa. Tanto é así que esta é unha das cidades que mellor reflexa a multiculturalidade, acollendo a máis de 200 nacionalidades diferentes.

Olallla Tuñas (Outes, 1989) é licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, cun mestrado internacional en Xornalismo e Relacións Interculturais que realizou entre Dinamarca, Santiago de Chile e Hamburgo. Cando rematou os estudos en Compostela, Olalla tiña claro que quería marchar fóra para coñecer xente e vivir outras experiencias e, tamén, buscar novas saídas laborais. “Deixei Galicia despois do verán do 2011. Daquela estaba facendo unhas prácticas nun diario local galego e o ambiente da redacción era realmente malo: estaban comezando nun ERE, e dalgunha maneira respirábase falta de futuro alí. Todo o mundo me animaba a marchar e así fixen”, comenta.

Logo de rematar o máster e pasar un ano en Hamburgo escribindo artigos ocasionais e facendo algunha tradución, esta galega mudouse a Berlín a finais do ano 2014, a pesares de non ser a súa idea inicial: “Eu quería volver ao sur mais nunca obtiña resposta aos currículos que mandaba. Con esta situación, e como volver á casa de meus pais non era unha alternativa, decidín estudar alemán e sobrevivir como podía aquí. Mesmo me fixen autónoma”. Olalla conseguiu o seu primeiro traballo na capital alemá como axudante de edición nunha axencia de noticias internacional, oficio que deixou a comezos deste 2018 para incorporarse nunha rede social para xornalistas chamada Hostwriter. “Lévolle toda a comunicación interna con membros da rede, fago tarefas de comunicación externa: promoción, redacción de material, e redes sociais. Recoméndolle a todos os xornalistas que lle boten un ollo! A inscrición é gratis e poden atopar a xornalistas de todo o mundo cos que poden intercambiar pareceres, consellos e mesmo atopar aloxamento.”

As principais dificultades que tivo e ten que afrontar Olalla son a lingua e o clima. De feito, a falta de horas de luz foi unha das primeiras e peores sensacións que tivo ao chegar ao país alemá: “Xa levo seis anos aquí e sigo botando en falta a luz en decembro, xaneiro, febreiro. Iso non hai mercado de Nadal que o substitúa”, sostén. O que peor leva a día de hoxe, di, é tratar coa Administración. “Os trámites oficiais son pesados e eu por moi europea que sexa non deixo de ser estranxeira. Hai funcionarios que che tratan con respecto e outros non”. Mais non todo foron obstáculos nin malas sensacións, e destaca que o que máis lle sorprendeu de Alemaña foron os sistemas educativo e sanitario –totalmente diferentes aos españois, di-. Polo demais, para Olalla vivir en Berlín non é exactamente vivir en Alemaña, senón nunha metrópole Europea cunha forte herdanza do leste e moita influencia turca, árabe-libanesa, ademais dos recen chegados mozos e mozas do sur de Europa. “É unha cidade fronteiriza en todos os sentidos. O muro caeu o ano que nacín eu e ata aquela a cidade eran dúas poboacións situadas en países distintos con lóxicas e sistemas opostos. E esa herdanza séguese a notar”.

Ao reflexionar sobre a súa estadía no estranxeiro, recoñece que aprendeu sobre outras culturas e xentes, e que isto lle fixo ser mellor persoa e coñecerse a si mesma. Iso si, tamén bota de menos o mar, e perder tantos momentos cos seus. Aínda así, non ten plans de volta por agora, e recoméndanos a todos coñecer Berlín. “Vinde no verán. Dá igual no barrio onde quededes: camiñade moito, lede antes sobre a historia da cidade, sobre a guerra, a RDA, a chamada unificación, e vinde gozalo”. Tamén recomenda achegarse a Potsdam e, con máis tempo, visitar Hamburgo: “Está só a 3 horas de Berlín e é precioso”.

Compartir artigo