Revista Punto

2018-11-20T18:02:12+00:00 Talento

“As tetas de Tiresias”

Drama surrealista
Lucía Carballeda
Lucía Carballeda5 Xuño, 2018
“As tetas de Tiresias”
Drama surrealista

Con esta peza teatral de Guillaume Apollinaire aparece por primeira vez o termo surrealista’ en 1917 para referirse á produción creativa dun obxecto, que o transforma e enriquece. En palabras do propio autor: “cando o home quixo imitar a acción de andar, creou a roda, que non se parece a unha perna. Do mesmo modo crea, inconscientemente, o surrealismo… despois de todo, o escenario non se parece á vida que representa máis que unha roda a unha perna”.

O argumento de As tetas de Tiresias xira entorno á ambigüidade e os roles de homes e mulleres. Nela, a protagonista, Tiresias, desfaise das mamas para adoitar un rol masculino. Curiosamente os peitos son unha constante en todo o movemento literario e artístico do surrealismo. Non temos máis que lembrar algunha das pezas da célebre Louis Bourgeois, ou aquel disfrace que ela mesma confeccionou a base dunha repetición de tetas para despois vestilo e fotografarse.

Red Rabbit

Curiosamente, o disfrace é tamén un dos recursos preferidos do escultor barquense Iván Prieto, elemento que atopamos en Red Rabbit, unha das recentes creacións do artista e na que podemos intuír a pegada de Bourgeois. Nesta obra do escultor podemos atopar características propias do estilo de Prieto tales como a ambigüidade, as formas redondeadas ou cabezas humanas sobre as que dispón todo tipo de elementos, neste caso un par de orellas de coello.

No traballo de Iván Prieto os ecos surrealistas son máis que evidentes, tanto a nivel plástico coma no modo de enfrontarse á materia. Sintomático disto parece sela ausencia de premeditación e certo automatismo derivado da repetición de elementos, moitas veces tetas.

Nos seus derradeiros traballos a abstracción vai gañando terreo á figuración, que acaba por reducirse a unha pequena testa que coroa o obxecto. Ese ao que Apollinaire aludía dende o principio do movemento surrealista. Un obxecto que agora se constrúe a base de repeticións, de elementos replicados que compoñen o corpo das súas esculturas. Tetas pero tamén marmelos, ou tetinas, que seguen a aludir ao feminino, a Tiresias.

Algúns dos personaxes/obxecto de Iván Prieto pasarán o verán entre Gante – Galería Vlask – (mediados de xuño)- e Dinamarca -Lolland Festival- (mediados de agosto), pero na galería Federica No Era Tonta teñen un dos seus fogares permanentes.

Compartir artigo