Revista Punto

2018-09-11T13:27:05+00:00 Cultura, En Destaque

Vestindo as rúas

Arte urbana en Galicia
Reyes Riveiro
Reyes Riveiro4 Setembro, 2018
Vestindo as rúas
Arte urbana en Galicia

Derrubando Muros con Pintura, Rexenera Fest, Vigo Ciudad de Color, Expostas, DesOrdes Creativas, 7H Cooperativa Cultural, Vella Escola, Mutante Creativo, Elas tamén pintan, As meninas de Canido… En Galicia contamos cunha chea de colectivos e iniciativas que teñen como foco principal a arte urbana como ferramenta para revitalizar e revalorizar espazos públicos. Estas iniciativas que nomeamos, e outras tantas, lévanse a cabo sobre todo no rural, onde as políticas urbanísticas derivaron en centos de edificios en desuso, abandonados e en ruínas ou a medio construír. Pero tamén nalgunhas das principais cidades galegas como Vigo ou Santiago de Compostela, nas que existe un panorama urbano semellante, se promove a mellora da estética da paisaxe urbana.

Artistas galegos e do resto de España, así como tamén artistas internacionais, invitados a este tipo de eventos, son os encargados de cambiar a “vestimenta” das rúas e dos barrios con murais en gran formato. Os artistas encárganse de inundar de cor e dar unha nova vida a multitude de espazos, convertendo as rúas nun museo público ao aire libre. As temáticas elixidas para os murais e a interpretación que cada artista fai do espazo é o que logo os converte en pezas únicas. Calquera fachada ou medianeira pode convertese nunha obra de arte que verán miles de persoas. Moitos dos murais nacidos a partir de diferentes proxectos culturais, vólvense virais grazas a Internet e ás redes sociais, e dan como resultado engadido multitude de fotografías dos murais que axudan a difundir iniciativas de arte urbana e o traballo de moitos artistas, posiblemente descoñecidos polo gran público.

Fotos: Paula Vázquez.

E non só se trata de engalanar o espazo público con pinturas e graffitis. Os festivais de arte urbana organizan charlas, obradoiros, clases maxistrais, rutas para coñecer os murais, danza, música en directo. Todo isto para poñer en valor e manifestar o papel da arte urbana, e invitando á cidadanía á descubrir unha nova cara das súas vilas e cidades sumándose ao movemento street art galego.

Compartir artigo