Revista Punto

2018-05-24T09:37:30+00:00 Opinión

Arquitectura sen arquitectos

Compartir artigo
Alexandre Mouriño
Alexandre Mouriño
8 Maio, 2018
Arquitectura sen arquitectos

Os arquitectos somos unha especie singular, diso non hai dúbida. Un grupo hermético, coas nosas propias ideas e unha linguaxe tamén propia. Moi capaces de comunicar os nosos proxectos a outros colegas de profesión, de intercambiar ideas e coñecementos en congresos endogámicos ou de escribir en revistas especializadas explicando as marabillosas calidades de tal obra, tendencia teórica ou nova técnica construtiva. É como se o que facemos, por moito que o intentemos, non consiga chegar ao gran público. Esa incapacidade de comunicación co público, fai que sexa difícil conseguir que se valore o noso traballo na súa xusta medida.

A retórica que acompaña a creación arquitectónica e a súa comunicación é inculcada desde o primeiro día nas escolas de arquitectura, onde ás veces, o saber comunicar un proxecto é máis importante que a súa propia calidade. Crecemos como profesionais en ambientes controlados, incubadoras de coñecemento nos que se ensina como debe ser a expresión plástica e a verbal do futuro deseñador. Pero ás veces esquecemos que moitos dos “superheroes” que comezamos a admirar na escola tiñan algo en común: non eran arquitectos!, ou cando menos non tiñan unha formación regulada como tal. Nomes ilustres como Frank Lloyd Wright, Le Corbusier, Mies van der Rohe ou o contemporáneo Tadao Ando teñen en común que nunca pisaron unha escola de arquitectura. Isto non impediu que fosen recoñecidos como algunhas das personaxes máis importantes dentro da profesión de toda a historia. Nin falar claro, de tódolos arquitectos construtores da antigüidade, que deixaron obras para a posteridade cando os estudos regulados aínda non existían.

Máis preto, temos o traballo dos homes e mulleres que foron construíndo pedra a pedra as vilas e pobos de Galicia sen máis coñecementos que a súa propia lóxica e as experiencias transmitidas de xeración en xeración, o que hoxe damos en coñecer como arquitectura vernácula.

O valor deses coñecementos adquiridos ao longo dos séculos estase a perder, no medio da espectacularidade dunha arquitectura froito da globalización. Estamos a dar un salto sen rede, perdendo as bases que sustentaban cada decisión ata non fai moito tempo. Xeracións de coñecementos asentados e agrandados pedra a pedra. Hoxe, iso desapareceu na maior parte dos casos. O papel aguanta todo, as infografías representan un mundo idealizado, aínda que irreal, e a suma destas condicións produce unha arquitectura anódina, sen raíces, unha arquitectura non global senón globalizada, válida tanto para Ourense como para Berlín.

Nesa perda das bases corremos o risco de perder a nosa identidade como pobo, entrar na era da unificación e da “produción de imaxe” en serie, da perda de carácter das nosas paisaxes urbanas e rurais. Perder o noso idioma, o idioma arquitectónico.

Debemos tentar volver á esencia da arquitectura e da construción, sen renunciar aos novos avances da técnica, á época da arquitectura sen arquitectos na que cada construción respondía con precisión ao lugar onde terminaba botando raíces, e onde semellaba levar alí por sempre. Arquitectura xurdida da terra, do contexto e das persoas. Camiñar cara unha “nova vella” arquitectura.

Compartir artigo