Revista Punto

2018-07-05T17:53:01+00:00 Opinión

E Siza dixo: Fágase a luz!

Alexandre Mouriño
Alexandre Mouriño3 Xullo, 2018
E Siza dixo: Fágase a luz!

Co gallo do oitenta e cinco aniversario do mestre portugués sucédense as homenaxes á figura de Álvaro Joaquim de Melo Siza Vieira. Perante a excepcionalidade da súa obra, colegas, medios de comunicación, estudantes e admiradores de todo o mundo comezan a ser conscientes da sorte que teñen (temos) de ser contemporáneos do que é por méritos propios considerado como un dos mellores arquitectos dos séculos XX e XXI.

Fumador compulsivo e debuxante incansable, no seu rostro amósase o paso do tempo e nas súas palabras, medidas e xustas como as súas obras, o peso da experiencia. Dicía unha colega colaboradora de Souto de Moura, que a obra de Eduardo é froito do esforzo, do estudo incansable e dunha cultura arquitectónica inmensa, mentres que Siza simplemente ten un pequeno xenio agochado tras a súa xenerosa fronte. Totalmente de acordo, por máis que tentes estudar o proceso proxectual do Pritzquer de Porto, por máis que os seus entrevistadores pretendan revelar o seu segredo, a súa pócima máxica, ninguén, nin el mesmo, é capaz de explicar algo que en realidade non ten explicación, a xenialidade.

E é que na súa obra, honesta por natureza, móstranse as solucións máis complexas da forma máis sinxela, os esforzos proxectuais máis titánicos da maneira máis natural e distendida, a arquitectura convértese en arte. Cada unha das súas obras é unha clase maxistral de resolución de conflitos arquitectónicos, nas que todo parece sinxelo.

Heroe de todo un país, comezou facendo arquitectura social despois da revolución do setenta e catro, xunto a Nuno Portas e outros destacados arquitectos traballando nas “ilhas” de Porto e nos proxecto do SAAL, pasando así a ser “o arquitecto do pobo”. Conseguiu da man de Fernando Távora, pai da arquitectura portuguesa contemporánea, redescubrir e actualizar a arquitectura vernácula e traer a modernidade nunha época de enormes necesidades económicas e sociais, as formas de construír tradicionais, pero agora actualizadas.

Na súa obra a luz é a protagonista, coma un material máis, o máis luxoso dos materiais. Os espazos parecen atrapar o tempo, suspendelo, espazos eternos, perfectos nas súas proporcións e no seu uso. Nada sobra nunha obra de Siza, pero tampouco falta nada. Dende a implantación do edificio no seu contexto e o respecto por este, hasta o menor dos detalles, todo e froito dun enorme plan mestre que so a súa mente alcanza a abranguer. En Galicia temos a sorte de desfrutar de varias das súas obras, unha delas de extraordinaria beleza, o Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago de Compostela. Un deses edificios capaz de conmover, de ficar eterno nunha cidade de pedra, de non ser alleo, de recoller os moitos fíos do seu arredor, tecelos e darlles senso. Todo coma nun sopro. Todo coma se nada.

Siza é o espello no que as novas xeracións da arquitectura portuguesa queren verse reflectidas. Os xoves arquitectos aspiran a acadar o nivel de perfección da súa obra, e a escola de Porto segue a formar os seus alumnos no rigor, na honestidade e na humildade da obra do “último gran guerreiro”.

Sobre o autor
Arquitecto.

Compartir artigo