Revista Punto

2018-11-13T14:26:30+00:00 Cultura, Cultura, Historias, Música

“Encontrar a túa fórmula e repetila é unha receita un tanto fácil, creo que é importante sorprenderse a un mesmo”

Reyes Riveiro
Reyes Riveiro7 Novembro, 2018
“Encontrar a túa fórmula e repetila é unha receita un tanto fácil, creo que é importante sorprenderse a un mesmo”

A cantante Alondra Bentley acaba de lanzar o seu último álbum, Solar System, no que dá un paso máis na súa xa máis que consolidada carreira e entra no terreo do pop electrónico, cun estilo que nos transporta aos anos oitenta. Conversamos con ela sobre este novo traballo.

Solar System é xa o teu quinto traballo, outra “volta de tuerca” coa que sorprendes con sons cos que ata agora non experimentaras. Entendes a música como unha renovación constante?

Creo que buscar novas formas de dicir as cousas é moi importante na carreira dun artista, de feito os artistas que máis admiro caracterízanse por ser bastante poliédricos, pásame con artistas plásticos, cineastas, escritores e, por suposto, músicos. Encontrar “a túa fórmula” e repetila é unha receita un tanto fácil, creo que é importante sorprenderse a un mesmo.

Como foi a búsqueda de novos estilos, xa non só a nivel musical, senón tamén da estética do disco?

Menos forzada do que te poidas imaxinar. En realidade o único que fixen foi ensinar facetas da miña personalidade e os meus gustos que tal vez aínda non mostrara. As persoas non somos unha única cosua, creo que somos máis variables do que pensamos, pero intentamos encorsetarnos en gustos, hábitos e demais cousas por comodidade. Interésame moitísimo o folk, pero tamén outras moitas cousas… a psicodelia, o pop ou a electrónica.

Entre as novidades do disco destaca precisamente un ton máis electrónico e psicodélico. Para quen aínda non escoitou o disco, como o presentarías?

Diría que é un disco de pop no que conviven folk, psicodelia e electrónica. Non se me dan demasiado ben estas cousas, pero creo que eses son cualificativos que poderían describir ben o contido do disco.

“O único que fixen foi ensinar facetas da miña personalidade e os meus gustos que tal vez aínda non mostrara”

Que aportou traballar con Carasueño na produción e co selo Mont Ventoux no resultado de Solar System?

Carasueño foi a clave para poder facer este disco. Ten unha mente marabillosa, talento e inspiración a raudais e está disposto a traballar duro. Os produtores ás veces teñen un papel un pouco periférico, este é o caso contrario, Carasueño involúcrase como si foran os seus propios temas. Traballamos moito as cancións, posiblemente máis que nos meus outros discos… ou igual é que xa non me acordo. Borreino da miña mente! (Ri)

Estar en Mont Ventoux é como levar un pixama de algodón exipcio. A diferencia do artístico, neste tipo de cuestións si que creo que é importante sentirte cómodo, entenderte ben, sentirte valorado e respectado. Mont Ventoux é o selo de dúas das miñas persoas preferidas, Nacho Ruiz e Javier Peña, non é casualidade.

Un dos primeiros adiantos do disco foi “Mixtapes”. Co toque oitenteiro e cósmico do videoclip xa dabas algunha pista da liña que seguirías a nivel estético, que tamén está presente en “45 hours”, ambos dirixidos por María de Valcárcel. Que tedes preparado para os seguintes singles?

María de Valcárcel xa está preparando o vídeo do seguinte single, mesma liña estética pero un paso máis alá. María é como unha irmá. Coñecémonos estudando o Bachalerato Artístico hai dezaoito anos e fixémonos amigas íntimas. Ten talento para facer o que queira con calquera medio artístico que lle poñas diante, obsesiónase con todo o que fai ata conseguir o que quere, agora deulle pola animación. É unha louca no mellor sentido da palabra.

Nos teus primeiros traballos definíanche como cantautora folk, algo que foi cambiando ao longo da túa carreira con discos como The Garden Room ou Resolutions. Cal pensas que sería agora túa mellor definición musical?

Quizais podería definirse como pop con influencias de folk e psicodelia.

En que te baseaches para compoñer os once temas do disco?

A idea que fai de nexo de unión entre as cancións é o recordatorio do contexto no que “estamos”,  é dicir, nun planeta que forma parte do Sistema Solar flotando no Universo. É por iso que hai tanto nas cancións sobre o día e a noite, a luz, o sol, as estrelas… porque son cousas que damos por sentadas, que ignoramos a diario. Ocupamos o noso tempo con cousas insignificantes e mundanas e esquécesenos onde estamos; creo que necesitamos recordalo para ordenar as nosas prioridades e os nosos hábitos. Destaco o de “estamos” por recalcar que non sabemos que é exactamente estar vivos ou mortos, outra cousa que creo que é importante plantearse, aínda que non nos veña ben nin sexa fácil.

O disco saíu á venda o mes pasado, como valoras a acollida que está tendo?

Está sendo moi guai ver as reaccións da xente e as críticas. Non sabía que tipo de sensacións xeraría o disco e están sendo de sorpresa e moi positivas. Agradécese recibir reaccións así despois do traballo que hai detrás.

“Non sabía que tipo de sensacións xeraría o disco e están sendo de sorpresa e moi positivas”.

Como será o directo da xira?

A proposta de directo é moi distinta. Somos cinco sobre o escenario, Xema Fuertes e Cayo Bellveser, que levan tocando comigo desde o primeiro disco, hai xa dez anos, e dous membros novos, Alfonso Luna á batería e Amadeo Moscardó aos teclados e sintetizadores. Eu xa non me escondo detrás de teclados e guitarras, podo disfrutar concentrándome exlcusivamente en cantar.

E ata cando che veremos de xira? Haberá datas internacionais?

A xira é principalmente en terreo nacional, aínda que tamén planeamos ir fóra. Esta semana actúo en Berlín e estamos estudando a próxima xira por China.

Compartir artigo