Revista Punto

2018-11-07T17:26:38+00:00 Galegos polo Mundo, Rexión

“Aconsello visitar Ecuador coa mente aberta e deixarse levar polo crisol de culturas, historia, paisaxes e climas do país”

Priscila Tamara vive e traballa actualmente en Quito, Ecuador. Repasamos con ela como está sendo a súa experiencia alí.
Reyes Riveiro
Reyes Riveiro7 Novembro, 2018
“Aconsello visitar Ecuador coa mente aberta e deixarse levar polo crisol de culturas, historia, paisaxes e climas do país”
Priscila Tamara vive e traballa actualmente en Quito, Ecuador. Repasamos con ela como está sendo a súa experiencia alí.

Priscila Tamara Retamozo ten 25 anos e aínda que naceu en Bos Aires criouse en Vigo. Sempre lle interesou moito o tema da igualdade de xénero e tras estudar en Ciencias Políticas en Santiago de Compostela e un mestrado en Igualdade e Xénero pola Universidade de Málaga está vivindo en Quito onde traballa para ONU Mujeres. “Cheguei a Quito porque se me brindou a oportunidade de traballar para ONU Mujeres, a entidade de Nacións Unidas para o liderado e o empoderamento das mulleres. Levo aquí dende marzo como asistente técnica da Área de Erradicación de Violencia apoiando, entre outras temáticas, a aplicación da Lei Orgánica Integral para Prevenir e Erradicar a Violencia contra as Mulleres que entrou en vixencia en febreiro deste ano”, coméntanos. “Nos últimos meses participei tamén nos obradoiros de formulación das NDCs do Ecuador, isto é, o compromiso nacional de redución de gases de efecto invernadoiro, en cumprimento cos compromisos nacionais en torno ao Acordo de París para a mitigación e adaptación ao cambio climático. Hai un esforzo moi grande por parte de ONU Mujeres en Ecuador para que a transversalización do enfoque de xénero nas políticas públicas ecuatorianas sexan a realidade que demandan os compromisos e estándares internacionais e tiven a fortuna de colaborar con este esforzo”.

Sorprendeulle gratamente a acollida das persoas ecuatorianas: “Sentinme moi arroupada dende o comezo”. A diferenza cultural que máis lle custou asimilar foron os horarios. “Aquí escurece durante todo o ano ás seis da tarde, polo que a xente non acostuma facer tanta vida nocturna. É practicamente imposible encontrar algo aberto ás 10 da noite por exemplo. En xeral desfrutei moito do período de adaptación, penso que é importante afrontar este tipo de experiencias coa mente moi aberta, sen prexuízos e preparada para intentar comprender todas as cosmovisións tan ricas coma un país da diversidade de Ecuador pode ter”. Tamén lle sorprendeu moito e o gran patrimonio cultural de Ecuador. “Ás veces temos unha imaxe moi estereotipada que non se identifica coa enorme diversidade e riqueza cultural dun país coma Ecuador. Quito é unha cidade rodeada de volcáns (activos!), que tras acostumarse aos seus 2800 metros de altitude, namora polo seu entorno natural e polo seu patrimonio histórico cultural”.

E que bota de menos a nosa protagonista? Aparte da distancia cos seres queridos, vivir preto da praia como en Vigo, e a comida -aínda que acabou incluíndo o plátano verde á súa dieta e xa case non pode vivir sen el- “boto moito de menos escoitar galego, o mar, a xente e o frío e a calor. Aquí hai sempre unha temperatura primaveral que oscila moi pouco e que fai que bote de menos tanto o inverno coma a calor”. Tamén foi complicado adaptarse a un estilo de vida no cal ten que estar máis pendente da seguridade. “Se ben afortunadamente non vivín ningún episodio de inseguridade, é certo que se insiste moito en non saír a determinadas horas, evitar algúns sitios, ter coidado no transporte público, etc., todo isto agravado polo feito de ser muller”. En Quito encontrouse con outros galegos e galegas, que traballan especialmente terceiro sector e tamén coñeceu algunhas rapazas galegas traballando noutras axencias de Nacións Unidas e en ONGs como cooperantes.

Preguntámoslle que recomendaría visitar en Quito: “O centro histórico, declarado pola UNESCO o primeiro Patrimonio Cultural da Humanidade en 1978, é de visita obrigada e se soportas a altura non dubidaría en visitar o volcán Cotopaxi. A parte das recomendacións de calquera guía, o panecillo, a Igrexa da Compañía de Jesús recuberta de ouro, a cidade Metade do Mundo, etc., non me perdería o museo capela do home (gustaríame que se chamara da humanidade, pero xa se sabe….) do artista Guayasamín. A obra desde famoso pintor ecuatoriano amosa a explotación, a violencia, e as dores dos pobos latinoamericanos, especialmente das poboacións indíxenas, e non deixa indiferente a ninguén”.

Quito é unha boa cidade de partida para coñecer outras zonas do país. Ela puido coñecer lugares como Cuenca, Baños, Salinas, Papallacta, o lago Quilotoa, Mindo e Pastaza. Encantoume Cuenca e fascinoume o seu Parque Nacional de Cajas, namorada absolutamente. “Quedoume por visitar as Galápagos. Lamentablemente é un destino costoso, especialmente para persoas estranxeiras, pero cónstame que vale totalmente a pena e téñoo en pendentes para visitalo nun futuro próximo”.

“Teño que advertir a quen visite o país que se prepare para unhas sintaxes ben particulares, en Ecuador pregúntanse cousas como “¿Como ha pasado?” cando queren preguntar que tal estás, exclaman “Mande” cando non entenden algunha frase e queren que a repitas e se creen que algo é chulo ou guai, din que está “bacán”. Tamén hai algunhas palabras do quechua ben “chéveres” como “guambra” (rapaz ou rapaza), “achachay” (exclamación para expresar sensación de frío), “arraray” (exclamación para expresar que algo está moi quente) e algunha máis que vale a pena aprender”.

“Fago un balance moi positivo. Creo que o sacrificio de botar de menos as amizades e familias vale a pena cando tes a oportunidade de abrir os horizontes, coñecer outras culturas, outras sensación e tamén a unha mesma”. Pronto rematará esta aventura para Priscila Tamara pero quedarase coas ganas de volver nun futuro a visitar as amizades que deixo en Ecuador despois de tantos meses. Aconsella coñecer Ecuador, “ir coa mente aberta e deixarse levar polo crisol de culturas, historia, paisaxes e climas que contén o Ecuador e os seus pobos”.

Compartir artigo