Revista Punto

2018-06-20T09:59:02+00:00 Galegos polo Mundo, Rexión

A vida entre os rañaceos de Frankfurt

Ángela Pontes traballa como xornalista nesta cidade alemá, a onde chegou hai dous anos. Coñecemos a súa historia.
Reyes Riveiro
Reyes Riveiro5 Xuño, 2018
A vida entre os rañaceos de Frankfurt
Ángela Pontes traballa como xornalista nesta cidade alemá, a onde chegou hai dous anos. Coñecemos a súa historia.

Ángela Pontes, de 29 anos, é de Santiago de Compostela e vive en Frankfurt (Alemaña), desde 2016. “Mudeime a Frankfurt porque atopei traballo aquí”. Pasou unha temporada en Ispra, unha vila preto de Milán, onde aproveitou para estudar italiano e facer varios cursos de especialización en temas como Oriente Próximo e conflitos internacionais, preparándose ao máximo para encontrar traballo na súa profesión de xornalista. Actualmente traballa como produtora de programación en WAN-IFRA (Word Association of Newspapers and News Publishers). Descríbenos así as tarefas que alí desenvolve: “Busco poñentes para conferencias, redacción de mailings, redes sociais, organizao eventos… Fago un pouco de todo”.

Frankfurt gustoulle xa desde un principio. “É unha cidade relativamente pequena, pero moi internacional. A xente é moi aberta e amable”. Pero sobre diferenzas culturais e dun período de adaptación máis complexo para ela, Ángela reférese a Berlín, a primeira cidade alemá na que aterrou, e na cal viviu case tres anos. “A diferenza cultural foi moi grande e o período de adaptación durou case ano e medio, o tempo aproximado no que consegues comunicarte coa xente no seu idioma”. Por iso, esa etapa foi moi dura. Unha das principais dificultades coas que se atopou foi lidar coa burocracia alemá. E a iso hai que sumarlle a procura de traballo: “Atopar algo en xornalismo nun idioma estranxeiro é unha tarefa complicada”.

Porén, a cidade de Frankfurt sorprendeuna gratamente. “Tiña en mente unha cidade de negocios e de banca -como principalmente é-, un pouco máis aburrida que Berlín. Equivoqueime”. Sinala que Frankfurt non é coma Berlín, pero tamén ten unha ampla oferta de actividades sociais, culturais, festa… “En verán o mellor que se pode facer é ir ao río cunhas cervexas, uns snacks e tomar o sol, tanto despois do traballo coma na fin de semana”.

Define Frankfurt como unha cidade agradable e moi cómoda. “Recomendo que veñades e que probedes o Apfelwein (viño de mazá), a Grüne Sosse (salsa verde feita con herbas) e o Frankfurter Schnitzel. Moi rico!”. Desde que vive alí pode afirmar que o que queda da cidade vella é o máis bonito, en enorme contraste cos rañaceos dos bancos e das grandes empresas. “Un paseo polo río Main e andar en bici pola cidade. É sen dúbida o que máis me gusta”. En Alemaña xa visitou, ademais de Berlín, Postdam, Hamburgo, München, Colonia, Kassel, Dresde, Lübeck e Heidelberg, e na súa listaxe de próximas visitas ten anotadas Bremen e a Selva Negra.

O que máis bota en falta de Galicia é, sen lugar a dúbidas “o polbo á feira!”, e o mar. Pero dinos que hai moita xente galega en Frankfurt e que mesmo está o Centro Cultural Galego, “un restaurante moi famoso pola calidade da súas comidas”.

“De tódalas experiencias, boas ou malas, se aprende e fórmache como ser humano. Estar fóra ábreche a mente, es máis tolerante”. Tal e como lle dixeron un día, Ángela podería escribir un libro coas historias que viviu no país. Nos seus plans non está regresarr: “Nunca o pensei e por agora non teño intención de volver a Galicia nin a España… Pero nunca se sabe. A miña vida da moitas voltas”.

Compartir artigo