Revista Punto

2018-09-04T14:23:25+00:00 Opinión

A paradoxa do iPad

Alexandre Mouriño
Alexandre Mouriño4 Setembro, 2018
A paradoxa do iPad

Moitas son as mudanzas que estamos a vivir neste mundo globalizado, nesta modernidade líquida parafraseando a Zygmunt Bauman, que de tan líquida, ás veces semella perderse entre os nosos dedos. Todo muda a tal velocidade; é tal a vertixe que estamos a vivir que nada semella estático, é unha mudanza continua, como unha especie de fita de Moebius na que as alteracións na actualidade, nas relacións sociais, nas estruturas familiares e nas redes de interligazón entre as persoas mudan a unha velocidade practicamente incontrolable.

Hoxe case ninguén é quen de facer plans a dez anos vista, a precariedade e mobilidade laboral, o efémero das relacións de parella e a continua necesidade de novos retos fan que a vida da xente xire cento oitenta graos á mínima ocasión, derrubando este xiro coa súa forza centrífuga todo o que ata ese momento semellaba inamovíbel. No medio deste continuo bater de acontecementos, a xente rodéase de elementos capaces de adaptarse a estas mudanzas e ás que poidan vir despois. Así, a personalización de case todos os bens de consumo e hoxe non son só unha mera estratexia de mercado, se non unha necesidade de adaptación camaleónica as circunstancias flutuantes.

Pero aínda sabendo que estamos a vivir tempos en movemento ollados a través dunha luz estroboscópica existen algunha cousas que non mudan, que permanecen estáticas, como conxeladas no tempo. E aínda máis, esas cousas, son probablemente as que máis poder de adaptación aos cambios deberían ter. Estamos a falar das nosas vivendas. O modelo tanto de vivenda colectiva, como de vivenda unifamiliar, é a todas luces anacrónico e non da resposta ás necesidades da sociedade actual. Nunha sociedade na que podemos personalizar ata o último detalle dos nosos vehículos privados ou escoller entre centos de posibilidades en canto a selección de roupa, comida ou música, seguimos ancorados a tipoloxías construtivas que perduran case inmutables dende hai máis de douscentos anos.

Podemos escoller unha vivenda de un, dous, ou máis dormitorios, pero non podemos escoller unha vivenda que adapte o número de dormitorios as necesidades que o propietario ou propietaria teña en cada etapa da súa vida. Divisións ríxidas, encorsetadas, ditatoriais que nos din como debemos vivir, que politizan as nosas vidas dende que saen da mesa de deseño do arquitecto que parece alleo (e por suposto o promotor) ao impacto de cada liña que deseña. Iso que para nos non é máis ca unha liña nun ordenador que demoramos dez segundos en facer, poder ser o límite do entorno físico-espacial dunha persoa durante toda a súa infancia, por poñer un exemplo. E é que aínda non sabemos que a vivenda debe poder mudar, transformarse de forma rápida, sinxela e natural, para así cumprir coa obriga de adaptar a súa forma a súa función. O que hoxe é só un mozo, en dous anos pode ser unha parella sen fillos, en cinco unha parella con dous fillos, ou en dez unha familia mono nuclear de tres membros. E é tan grande a inversión que a xente ten que soportar para facerse cunha vivenda, que o menos que se espera desta é que non sexa como a roupa dun neno, dúas tallas por riba da súa por se medra, senón que debemos soñar con vivendas que muden de talla cando nós o facemos tamén. E se non somos quen de acadalo, sempre nos quedará o espírito de Steve Jobs.

Compartir artigo