Revista Punto

2018-11-09T09:13:35+00:00 Cinema, Cultura, Radar

A edición máis “escandalosa” de Cineuropa

Redacción
Redacción6 Novembro, 2018
A edición máis “escandalosa” de Cineuropa

Cineuropa é unha das citas que ningunha persoa cinéfila debería perderse no mes de novembro en Santiago de Compostela. Este ano a mostra celebra a súa trixésimo segunda edición e entre o 7 e o 28 de novembro proxectará 300 filmes.

A cerimonia de apertura de #Cineuropa32 será o día 7 ás 20 horas no Teatro Principal coa película A noite dos 12 anos, de Álvaro Brechner, que está centrada no encarceramento de Pepe Mújica durante a ditadura militar en Uruguai nos anos setenta e que recibiu o Premio do público no Festival de Cine Latinoamericano de Biarritz 2018.

A Sección Oficial Europea contará con 35 títulos como Apuntes para una película de atracos, de Elías León Siminiani, Blosson Valley, de László Csuja, Dogman, de Mateo Garrone, Sunset, de László Nemes ou The house that Jack built, de Lars Von Trier. Na Sección Oficial Internacional inclúense 26 películas entre as que se inclúen cintas de Jia Zhang-Ke, Julio Hernández Cordón, Kent Jones, Ömür Atay, Albertina Carri, Lúcia Murat ou Colin Minihan.

Novas seccións

O programa mantén apartados como Cinefilias, Cult Movies, LatidoAmericano, Fantastique Compostela e Doc’s Cineuropa, presentes xa en anteriores edicións, e incorpora algunhas novidades como a sección O Presente é Muller complétase con filmes de imprescindible visionado polas súas temáticas: o aborto, a violencia de xénero, a invisibilidade feminina nos grandes eventos históricos, a identidade e a libre sexualidade. Cubanas. Mujeres en Revolución, Las hijas del fuego e Tempo comum son algúns dos filmes deste apartado.

A retrospectiva “100 anos de cinema romanés” é un ciclo especial que foi posible grazas á colaboración do Instituto Cultural Rumano de Madrid. A película A guerra da independencia  (1918) de Aristide Demetriade e Grigore Brezeanu abrirá o ciclo.

‘Escándalo: Cinema sen leis nin mordazas’ é unha das seccións máis destacadas desta edición e ofrecerá filmes que no seu momento xeraron algún tipo de controversia, como por exemplo a película Stanley Kubrick A laranxa mecánica, Cambio de sexo de Vicente Aranda, Crash de David Cronenberg, Enter de void de Gaspar Noé ou Wish you were here de David Leland.

E como cada ano, non podía faltar o Maratón de Cineuropa. O 24 de novembro será unha noite de “empacho” de películas entre as cales estarán estreas como What keeps you alive e Ghostland, Santa Sangre e Escalofrío. O filme de clausura será a cinta franco-belga Kursk, de Thomas Vinterberg.

Premios Cineuropa

Os Premios Cineuropa 2018 outorgaránselle ao realizador Isaki Lacuesta, á actriz Ángela Molina e ao actor vigués Antonio Durán “Morris”. No apartado de Premios Cineuropa proxectarase o filme Entre dos aguas de Isaki Lacuesta, que recibiu a Cuncha de Ouro no Festival de San Sebastián e Ese oscuro obxecto de desexo, dirixida por Luis Buñuel en 1977 e protagonizada por Ángela Molina.

A edición deste ano inclúe tamén un programa especial en colaboración coa Real Filharmonía de Galicia que interpretará a banda sonora á película muda O gabinete do doutor Caligari, de Robert Wiene, baixo a batuta do director Helmut Imig.

#Cineuropa32 amplía a súa rede de salas de proxeccións e nesta edición serán oito, o Teatro Principal, o Salón Teatro, os Multicines Compostela, a sede de Afundación, Numax, o Auditorio de Galicia, o Museo das Peregrinacións e a Sala Agustín Magán do Centro Cívico de Santa Marta. Tanto as entradas soltas como os abonos poden adquirirse na billeteira do Teatro Principal ou a través de Compostelacultura.gal. En palabras do director do festival, José Luis Losa: Benvidos ao cinema que conmove e que axita.

Programa #Cineuropa32
Compartir artigo